Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 1 de outubro de 2020 Páx. 38104

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT402F).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias, é consciente da importancia de establecer medidas de estímulo ao lanzamento de artistas e o seu apoio á súa consolidación, polo que, entre outros, ten como obxectivo promover a xeración de novas propostas musicais co propósito de contribuír ao enriquecemento cultural do país a través da música e, para o logro dos seus obxectivos, poderá conceder subvencións.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións ao lanzamento dunha primeira produción fonográfica e para o apoio á consolidación do artista no mercado, coa finalidade de impulsar o desenvolvemento e a profesionalización do talento musical e, ao mesmo tempo, contribuír ao sector na normalización da lingua galega.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, apróbanse as bases e a convocatoria pública de subvencións ao fomento e promoción do talento musical,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento e profesionalización do talento musical, en concreto para o lanzamento dunha primeira produción fonográfica ou para o apoio á consolidación do artista, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT402F).

2. A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que conteña maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical para o ano 2020, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e, supletoriamente, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de xeral aplicación.

Terceira. Principios de xestión e procedemento de concesión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura e Turismo.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poida superar o 100 % do custo da actividade.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web http://www.agadic.gal, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Cuarta. Modalidades

1. Poderán ser obxecto desta subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: subvencións para o lanzamento dun artista musical coa edición da súa primeira produción fonográfica.

Estarán dirixidas a aquelas empresas de produción fonográfica que presenten proxectos de artistas que non teñan un primeiro álbum (cun mínimo de 30 minutos publicados) ou dez singles-videosingles.

O importe da subvención non superará os 2.000 euros e será, como máximo, o 65 % do orzamento total do proxecto presentado.

Modalidade B: subvencións para o apoio á consolidación do artista.

Estarán dirixidas a aquelas empresas de produción fonográfica que presenten proxectos de artistas que xa teñan un primeiro álbum (cun mínimo de 30 minutos publicados) ou dez singles-videosingles publicados e non máis de catro álbums ou corenta singles-videosingles.

O importe da subvención non superará a cantidade de 10.000 euros nin o 65 % do orzamento total do proxecto presentado.

Quinta. Persoas beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción e promoción de actividades musicais, que se atopen dadas de alta no IAE de produción ou edición discográfica e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan exceptuadas entre outras as fundacións, as asociacións de utilidade pública, as delegacións de fundacións estranxeiras inscritas no Rexistro de fundacións, as federacións e asociacións das entidades sen fins lucrativos, as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento a que se refire a Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, así como calquera outra entidade sen fins de lucro.

Requisitos para solicitar a axuda:

– Ter social ou estatutariamente como obxecto social a produción fonográfica e estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención (epígrafe 355.2).

– Que a entidade fonográfica teña editado un mínimo de 2 álbums dun mínimo de 30 minutos publicados, no período comprendido desde a publicación desta convocatoria e os cinco anos anteriores a ela.

3. Só se poderá solicitar un máximo de dúas propostas por modalidade e solicitante.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Sexta. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 120.000 euros, correspondente da aplicación dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais 11.A1.432B.770.0, e distribuídos en dúas anualidades, 60.000 euros no ano 2020 e 60.000 euros no ano 2021.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades:

10 proxectos da modalidade A (20.000 euros).

10 proxectos para da modalidade B (100.000 euros).

Sétima. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo da resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Novena. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se é persoa xurídica.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

d) Declaración de axudas (anexo II).

e) Orzamento total do proxecto, plan de financiamento e de márketing (anexo III).

f) No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, presentarán ademais:

– Nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación, facendo constancia desta circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).

– Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, e importe da subvención que se lle aplicará a cada un.

– Compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

Ademais presentarán a seguinte documentación complementaria:

– Modalidade A: subvencións para o lanzamento dun primeiro álbum ou dez singles-videosingles para o lanzamento dun artista musical:

a) Memoria explicativa do proxecto musical do lanzamento do artista cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no mercado xeral e, en particular, no mercado galego.

b) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

– Modalidade B: subvencións para o apoio á consolidación do artista.

a) Historial profesional do artista.

b) Memoria explicativa do proxecto de consolidación do artista que se pretende desenvolver, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución do proxecto artístico.

c) Currículo do equipo técnico-artístico (anexo VII).

d) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a dirección da Agadic poderá requirirlles aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A avaliación das solicitudes presentadas será levada a cabo por unha comisión de valoración regulada na base seguinte e de conformidade cos criterios establecidos na base décimocuarta que emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación para cada modalidade indicando a puntuación asignada a cada un deles e farán unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, a dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que se adxudicará aos dez mellores proxectos puntuados.

A contía das subvencións determinarase en función do importe solicitado e o límite por categoría establecido na base sexta da convocatoria.

Décimo cuarta. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, para a avaliación dos proxectos presentados. É un órgano colexiado e os membros terán que declarar por escrito non teren relación cos solicitantes ou, de ser o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

2. Estará constituída por:

a) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito musical.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

3. A Comisión de Avaliación elaborará un informe preceptivo que será motivado, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación de cada un dos criterios e para cada una das solicitudes, facendo una proposta dos proxectos subvencionables que obteñan maior puntuación: 10 proxectos da modalidade A, 10 proxectos da modalidade B.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados.

Décimo quinta. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios:

Categoría A: (puntuación máxima 35 puntos).

A.1. Traxectoria da empresa nos anos 2017-2019. Número de producións fonográficas de artistas galegos (máximo 7 puntos):

– Entre o 3 e o 5: 2 puntos.

– Entre o 6 e o 10: 4 puntos.

– Máis de 10: 7 puntos.

A.2. Porcentaxe de subvención solicitada (máximo 7 puntos):

– Entre o 50 % e o 41 %: 2 puntos.

– Entre o 40 % e o 25 %: 4 puntos.

– Menos do 25 %: 7 puntos.

A.3. Presenza feminina na produción (máximo 3 puntos):

– Entre o 25 % e o 50 %: 1 punto.

– Entre o 51 % e o 75 %: 2 puntos.

– Máis do 75 %: 3 puntos.

A.4. Utilización da lingua galega (máximo 3 puntos), a produción fonográfica deberá conter:

– Entre o 51 % e a totalidade dos temas en galego: 3 puntos.

– Entre o 26 % e o 50 % dos temas en galego: 2 puntos.

– Ata o 25 % dos temas en galego: 1 punto.

A.5. Proposta de difusión/comercialización do traballo (máximo 2 puntos):

– Presenta proposta: 2 puntos.

– Non presenta proposta: 0 puntos.

A.6. Compromiso de gasto do proxecto en empresas/profesionais galegos (máximo 6 puntos):

– Máis do 80 % do proxecto: 6 puntos.

– Entre o 61 % e o 80 % do proxecto: 4 puntos.

– Entre o 40 % e o 60 % do proxecto: 2 puntos.

A.7. Calidade da proposta (máximo 7 puntos):

– Calidade do proxecto máximo: 4 puntos.

– Plan de márketing máximo: 3 puntos.

Criterios Categoría B (máximo de 40 puntos):

B.1. Traxectoria da empresa nos anos 2017-2019. Número de producións fonográficas de artistas galegos (máximo 7 puntos):

– Entre o 3 e o 5: 2 puntos.

– Entre o 6 e o 10: 4 puntos.

– Máis de 10: 7 puntos.

B.2. Porcentaxe de subvención solicitada (máximo 7 puntos):

– Entre o 50 % e o 41 %: 2 puntos.

– Entre o 40 % e o 25 %: 4 puntos.

– Menos do 25 %: 7 puntos.

B.3. Presenza feminina na produción (máximo 3 puntos):

– Entre o 25 % e o 50 %: 1 punto.

– Entre o o 51 % e o 75 %: 2 puntos.

– Máis do 75 %: 3 puntos.

B.4. Utilización da lingua galega (máximo 3 puntos), o máster deberá conter:

– Entre o 51 % e a totalidade dos temas en galego: 3 puntos.

– Entre o 26 % e o 50 % dos temas en galego: 2 puntos.

– Ata o 25 % puntos dos temas en galego: 1 punto.

B.5. Compromiso de gasto do proxecto en empresas/profesionais galegos (máximo 6 puntos), que constará na declaración responsable da solicitude:

– Entre o 40 % e o 60 % do proxecto: 2 puntos.

– Entre o 61 % e o 80 % do proxecto: 4 puntos.

– Máis do 80 % do proxecto: 6 puntos.

B.6.Calidade da proposta (máximo 14 puntos):

– Calidade do proxecto máximo: 10 puntos.

– Plan de márketing máximo: 4 puntos.

Décimo sexta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, DOG núm. 164), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios e da contía da axuda, informando expresamente do seu carácter de minimis en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, así como dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria anual correspondente porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo sétima. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos , nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sSstema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo oitava. Xustificación e gastos subvencionables

1. O prazo de xustificación da subvención rematará, para a modalidade A o día 1 de xuño de 2021 e para a modalidade B, o día 1 de setembro de 2021, este incluído. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante á Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario deberá presentar, dentro do prazo de xustificación, a seguinte documentación:

– Memoria xeral da actividade en que se inclúa memoria xustificativa comprensiva da presenza da lingua galega, a presenza feminina na produción, así como a xustificación do gasto feito en empresas galegas (anexo IV).

– Balance de ingresos e gastos (anexo V).

– Relación e documentación xustificativa dos gastos (anexo VI), polo importe total da modalidade.

– Copia de facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e copia de documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

– Unha copia dos fonogramas e videoclips realizados, así como dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) utilizados para a difusión e promoción do proxecto discográfico, nas dúas modalidades A e B.

– Declaración de axudas (anexo II).

– Currículo do equipo técnico-artístico, só para a modalidade B (anexo VII).

3. Son gastos xustificables os que de maneira indubidable respondan á realización do proxecto subvencionable, en concreto:

a) Gastos de produción, gravación e reprodución.

Aceptaranse nesta categoría aqueles gastos que teñan que ver co enriquecemento artístico do traballo, entendéndose como tales a contratación de músicos adicionais, directores e/ou produtores de recoñecido prestixio que sexan alleos á entidade solicitante da axuda e ao artista, así como traballos de masterización, gastos técnicos, gastos artísticos, gastos de nóminas, seguridade social e aloxamento e manutención de ensaios, gastos asociados á cesión mediante contrato dos dereitos de explotación do autor, alugamento de locais de ensaios. Gastos de preparación, gastos técnicos de gravación, alugamento de locais ou estudos de gravación, gastos de posprodución e, en xeral, aqueles que estean directamente relacionados coa produción musical, reprodución ou a edición e gravación de discos.

b) Gastos en promoción, publicidade e márketing: son gastos relacionados coa actividade dirixida ao posicionamento da gravación.

Aceptaranse os gastos de empresas e profesionais para a produción de videoclips; márketing en liña, móbil ou tradicional; deseño de elementos publicitarios, publicidade en calquera medio audiovisual, escrito ou dixital, edición de mostras, contratación de servizos de comunicación e márketing, gastos de organización e celebración de actos promocionais (excluíndo honorarios profesionais, axudas de custo e calquera outra contraprestación económica dos artistas e do persoal vinculado á empresa solicitante) e, en xeral, os gastos que se poidan relacionar coa difusión da actividade para aumentar as vendas, incluíndo os custos de alugamento de ata tres salas de concertos.

c) Gastos relacionados coas novas tecnoloxías:

Aceptaranse gastos relacionados con novas tecnoloxías: utilización de canles de distribución dixitais, adaptación dixital dos contidos musicais; gastos en proxectos que supoñan novas formas de negocio diferentes da comercialización e a distribución de CD e DVD en lugares convencionais e, especialmente, as que utilicen as novas tecnoloxías. Non inclúe a compra nin o arrendamento financeiro de equipamento, nin a adquisición de licenzas de software.

4. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde a data de publicación e as datas máximas de xustificación para cada modalidade establecida na convocatoria, estas últimas incluídas. En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo en concreto.

5. Non serán gastos subvencionables:

a) Gastos de funcionamento ou estruturais das empresas, como son os gastos de persoal, o mantemento das infraestruturas de oficinas e almacéns, a adquisición de infraestruturas ou bens patrimoniais; están tamén excluídos os gastos de participación accionarial noutras empresas, as consultorías, os estudos de mercado, os derivados da xestión das formacións musicais obxecto da produción fonográfica e a organización de concertos.

b) Contraprestacións económicas dos membros dos órganos de dirección da entidade.

c) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

d) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

e) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

f) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

Décimo novena. Obrigas

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a continuación:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Os beneficiarios terán a obriga de dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento facendo constar os logotipos da Agadic, da Xunta de Galicia e Xacobeo 21, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada e coa seguinte expresión «coa colaboración da Agadic (Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia)» e Xacobeo 21.

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sétima destas bases.

Vixésima. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva da concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios, en concepto de pagamento anticipado, ata o 50 % da subvención concedida nos supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II) , e unha memoria do estado de execución do proxecto.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases décimo sétima e décimo novena.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada mentres o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega; a Agadic estará autorizada para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e non poderá afectar aspectos avaliados pola comisión.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II).

7. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

8. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Vixésimo primeira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base quinta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo segunda. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo terceira. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file