Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 1 de outubro de 2020 Páx. 38145

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT402F).

BDNS (Identif.): 525314.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción e promoción de actividades musicais, que se atopen dadas de alta no IAE de produción ou edición discográfica e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que conteñan maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT402F).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 120.000 euros, correspondente da aplicación dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais 11.A1.432B.770.0, e distribuídos en dúas anualidades, 60.000 euros no ano 2020 e 60.000 euros no ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais