Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 5 de outubro de 2020 Páx. 38368

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de setembro de 2020, polo que se aproba o acordo acadado o 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de setembro de 2020, aprobou o acordo acadado o 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo, polo que,

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de setembro de 2020 que a continuación se transcribe:

«Aprobar o acordo acadado o 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de traxectoria profesional do persoal funcionario de carreira ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

REUNIDOS:

– Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez.

– Polas organizacións sindicais:

Por SPJ-USO, Julio Bouza Bouza.

Por UGT, Manuel González Carvajal.

Por CC.OO., Constantino Novoa Blanco.

EXPOÑEN:

Este acordo desenvolve un réxime extraordinario e transitorio de acceso ao grao I da traxectoria profesional, e a conseguinte percepción dun complemento adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes, para o persoal funcionario de carreira ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, mentres non se publica o real decreto que determine os criterios, requisitos e contías iniciais do complemento de carreira profesional, segundo o disposto no artigo 519 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

En caso de aprobarse a mencionada regulación estatal básica da carreira profesional, o dito complemento retributivo adicional quedará subsumido na cantidade que esa lexislación determine. Non obstante, garántense os dereitos económicos e profesionais adquiridos no sistema de traxectoria profesional para todo o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Este sistema extraordinario será de aplicación ao persoal funcionario de carreira da Administración de xustiza en Galicia. Ao persoal funcionario interino seralle de aplicación nos mesmos termos que se establezan para o persoal funcionario interino da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Posteriormente implantarase un sistema ordinario de acceso ao grao inicial daqueles empregados públicos que non sexan funcionarios de carreira ou ben que non posúan os requisitos exixidos para o acceso ao grao extraordinario. Así mesmo, poderase convocar de novo un sistema extraordinario de acceso ao grao I sempre que no ámbito da Administración xeral da Xunta se realice unha nova convocatoria deste tipo.

Este acordo divídese en dúas seccións, e consta de sete artigos, dúas cláusulas adicionais e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de Disposicións xerais, consta de cinco artigos. O artigo 1 regula o obxecto e o artigo 2 o ámbito de aplicación. Os artigos 3 a 5 regulan os requisitos de acceso, os criterios xerais de avaliación e a súa acreditación.

Na sección segunda regúlase o procedemento, que se realizará a través da Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX), á que ten acceso todo o persoal que presta servizos na dita Administración nesta Comunidade Autónoma.

Finalmente, o artigo 7 regula a resolución, que, dado o carácter persoal dos datos que contén, se realizará mediante anuncio indicativo no Diario Oficial de Galicia. Lémbrase tamén que as solicitudes estimadas terán efectos económicos do 1 de xaneiro de 2020.

A cláusula adicional primeira establece a comisión de seguimento do acordo.

A cláusula adicional segunda recolle unha disposición en materia de protección de datos.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor do presente acordo.

Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e do disposto no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as partes

ACORDAN:

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de traxectoria profesional como retribución adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE), establecido como retribución complementaria de carácter fixo segundo o correspondente corpo ou escala. Este complemento será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza e quedará subsumido na cantidade que determine o real decreto para a carreira profesional que para este persoal se determine, unha vez aprobada a regulación estatal básica, segundo dispón o artigo 519 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

Non obstante, en caso de que o complemento de carreira regulado no real decreto resulte inferior ao establecido neste acordo, o persoal ao servizo da Administración da xustiza en Galicia seguirá percibindo as diferencias retributivas que lle correspondan conforme este último, sen que en ningún caso poida producirse mingua económica ningunha por esta causa.

2. O grao extraordinario adquírese no corpo ou escala no que se teña a condición de funcionario/a de carreira o día 31 de decembro de 2019. Polo tanto, o tempo de servizos prestados con anterioridade a esa data, sexa cal fose o vínculo xurídico do/a empregado/a, computarase para os efectos de adquirir o grao no corpo ou escala ao que efectivamente se pertenza o día 31 de decembro de 2019.

Deste xeito, se o día 31 de decembro de 2019 se está a desempeñar unha substitución vertical entre titulares, o/a empregado/a público/a adquirirá o grao extraordinario no seu corpo ou escala de pertenza, non no que se desempeñe mediante acordo de substitución entre titulares.

Artigo 2. Ámbito de aplicación subxectivo

1. Este sistema extraordinario de recoñecemento da traxectoria profesional será aplicable ao persoal funcionario de carreira ao servizo da Administración de xustiza en Galicia dos seguintes corpos:

– Corpo de médicos forenses.

– Corpo de xestión procesual e administrativa.

– Corpo de tramitación procesual e administrativa.

– Corpo de auxilio xudicial.

2. Poderá acceder a este réxime extraordinario o persoal funcionario de carreira do corpo de xestión procesual e administrativa que se atope en servizo activo no corpo de letrados da Administración de xustiza. Neste suposto, o recoñecemento soamente terá efectos administrativos e, unha vez se reincorpore ao seu corpo de orixe, producirá efectos económicos desde a data da devandita reincorporación.

Artigo 3. Requisitos de acceso

1. Poderá acceder a este réxime extraordinario o persoal incluído no artigo 2 que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de funcionario/a de carreira dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo e contar cunha antigüidade mínima de 5 anos o día 31.12.2019.

c) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo.

2. Os efectos económicos da adquisición do grado I para o persoal funcionario de carreira que, cumprindo os requisitos do punto anterior, tomase posesión ou se reincorporase desde unha situación que supoña reserva de praza na comunidade autónoma despois do 31.12.2019, serán os da data da devandita toma de posesión ou reincorporación.

Artigo 4. Criterios xerais de avaliación

Para acceder a este réxime extraordinario de acceso ao grao I do complemento adicional de traxectoria profesional establécense os seguintes criterios de avaliación, dos que soamente será necesario acreditar un deles para este recoñecemento:

a) Formación continuada:

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, de cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e de cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP).

A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos da lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso nin cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas. Polo tanto, soamente se valorará a formación impartida nos cursos dirixidos ao persoal empregado público.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública, e especificamente no eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo, xefatura de sección ou outros postos singularizados das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

g) Dous anos de servizos prestados en postos de traballo que, polas súas especiais características de illamento, soidade ou distancia con centros de formación, amosen dificultades para a realización de actividades formativas. A determinación destes postos será feita pola comisión de seguimento deste acordo, por proposta da Administración.

Artigo 5. Acreditación de méritos

1. Os datos que, de ser o caso, consten no sistema informático de xestión de persoal da Administración de xustiza en Galicia aparecerán precargados no formulario electrónico de solicitude. No caso de non apareza precargado ningún criterio xeral de avaliación dos establecidos no artigo 4, a persoa solicitante poderá acreditalos achegando a documentación xustificativa que se establece no punto 2 deste artigo no momento da presentación da solicitude.

As persoas que, constando no sistema algún dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4, desexen completar a información que figura no seu expediente persoal deberán facelo con posterioridade a este procedemento extraordinario, polos trámites ordinarios de actualización da información do expediente persoal.

2. A forma de acreditación dos criterios de avaliación será a seguinte:

a) Formación.

– Recibida: acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que o convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderase requirir á persoa solicitante a achega do programa formativo.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas. Soamente se valorará formación impartida en cursos dirixidos a persoal empregado público.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación universitaria de posgrao: acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinada, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública: acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel: deberá achegarse copia auténtica das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico: acreditarase tal criterio de avaliación mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou outros postos singularizados das relacións de postos de traballo: acreditarase este criterio mediante certificación dos servizos prestados en que conste a data de inicio e de fin da prestación dos servizos e as funcións realizadas. No caso de que os servizos prestados sexan en postos singularizados das relacións de postos de traballo da Administración de xustiza en Galicia, o devandito mérito comprobarao de oficio a Administración se así o indica a persoa no formulario electrónico de solicitude.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares: acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e data final desta situación.

Dous anos nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo ou organización en que conste o período de duración e as funcións desenvolvidas.

No caso de excedencias por coidado de fillos e familiares ou de dispensas para a realización de funcións sindicais que tiveran lugar durante a prestación de servizos na Administración de xustiza en Galicia, o devandito mérito comprobarao de oficio a Administración se así o indica a persoa no formulario electrónico de solicitude.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convocante do correspondente proceso de selección ou provisión.

g) Dous anos de servizos prestados en postos de traballo que, polas súas especiais características de illamento, soidade ou distancia con centros de formación, amosen dificultades para a realización de actividades formativas: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano/unidade competente en materia de persoal de que dependa o devandito posto, na cal deberá constar a circunstancia ou circunstancias que determinan este suposto.

2. Os méritos que se pretendan acreditar deberán ter validez igual ou anterior a 31 de decembro de 2019.

Sección segunda. Procedemento

Artigo 6. Procedemento

1. O persoal solicitante deberá cubrir a súa solicitude a través do formulario electrónico dipoñible na OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza), no enderezo web http://opax.xunta.es.

O acceso á OPAX poderá realizarse cunha das seguintes modalidades de identificación:

a) Se se dispón dun certificado dixital recoñecido (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro), poderase acceder con este e a súa correspondente clave.

b) De non disporen dun certificado dixital recoñecido, as persoas solicitantes accederán á OPAX mediante o seu usuario e contrasinal. Para o caso de que o sistema non recoñeza o usuario como válido ou de que este non lembre o seu contrasinal, farase uso da opción habilitada na OPAX para estes efectos.

2. Unha vez realizada a identificación na OPAX, o solicitante deberá seleccionar a opción correspondente a «Traxectoria Profesional». O sistema informático informará a persoa solicitante se cumpre ou non os requisitos de acceso segundo os datos que figuran neste.

No caso de que o sistema informe de que non se reúnen os requisitos de acceso, a persoa solicitante poderá acreditar que os cumpre, se é o caso, anexando a oportuna documentación acreditativa á propia solicitude.

A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá asinar e presentar a solicitude.

Para poder asinar e presentar a solicitude, deberase dispor dun certificado dixital válido ou da tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, regulada mediante Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de setembro de 2011 (DOG núm. 182, do 22 de xullo). Así mesmo, e segundo o establecido no punto 4 do artigo 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX) admitiranse as credenciais de acceso dos usuarios, como sistema de sinatura para a realización dos trámites indicados, garantindo a acreditación da autenticidade da expresión da vontade e consentimento das persoas interesadas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo.

Artigo 7. Resolución

1. Mediante resolución da Dirección Xeral de Xustiza anunciarase no Diario Oficial de Galicia a exposición das resolucións estimatorias e desestimatorias de recoñecemento extraordinario do grao I da traxectoria profesional.

Dado que nestas resolucións figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o coñecemento íntegro do acto cada persoa solicitante deberá acceder ao seu expediente a través da OPAX, http://opax.xunta.es.

O prazo máximo para a resolución das solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I da traxectoria profesional será de 3 meses contado desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

2. Contra a resolución estimatoria ou desestimatoria do recoñecemento extraordinario do grao I da traxectoria profesional, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte ao da data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cláusula adicional primeira

Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do presente acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este, e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza ou persoa en que esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Cláusula adicional segunda

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información contida no expediente persoal.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

SINATURAS:

– Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez.

– Polas organizacións sindicais:

Por SPJ-USO, Julio Bouza Bouza.

Por UGT, Manuel González Carvajal.

Por CC.OO., Constantino Novoa Blanco».

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza