Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 38812

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras dos Premios Galegos de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN822E).

A Axencia Galega de Innovación (Gain) ten entre os seus fins apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A transformación do modelo económico galego cara a unha economía competitiva e sustentable, baseada no coñecemento e no talento, que acelere o crecemento económico e impulse o emprego e o benestar social a través da innovación, é misión fundamental da Gain.

A Xunta de Galicia, a través da Gain, impulsa a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que supón unha aposta a través dunha política pública de especialización intelixente para o fomento da innovación, que xoga un papel moi destacado e esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos para a comunidade galega.

A Gain puxo en marcha no ano 2018, o Programa de Deseño para a Innovación 2020, o cal foi aprobado no Consello da Xunta do 21 de xuño de 2018. Este programa ten como un dos seus obxectivos clave axudar a incorporar nas pemes galegas o deseño e poñer en valor a figura do/da deseñador/a como elemento de innovación e competividade.

A Comisión Europea define a estratexia Europa 2020 para o crecemento intelixente, sustentable e integrador e invita os gobernos dos estados membros a que inclúan iniciativas para impulsar e apoiar o emprendemento innovador, a innovación empresarial, a cultura innovadora a todos os niveis e o deseño como vehículo de transformación de ideas ao mercado, transformándoas en produtos e servizos atractivos e fáciles de usar.

A innovación, xunto co deseño como forza impulsora, permite lanzar unha economía xeradora de bens e servizos de alto valor engadido e unha xestión eficaz das súas cadeas de valor cun maior acceso aos mercados en todo o mundo.

En resumo, estes premios recoñecen a innovación e o deseño como factores esenciais para aumentar a competitividade, o rendemento económico e a calidade de vida das persoas. Con eles trátase de fomentar a cultura do deseño e da innovación en Galicia, tanto no ámbito empresarial coma no conxunto da sociedade.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras dos Premios Galegos de Innovación e Deseño

Artigo 1. Finalidade

A finalidade dos premios é recoñecer o labor de persoas e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, alcanzando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos, nacionais como internacionais.

Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Categorías dos Premios Galegos de Innovación e Deseño

1. Dentro dos premios de innovación recóllense as seguintes categorías:

a) Traxectoria Innovadora.

b) Grande Empresa.

c) Pequena e Mediana empresa.

2. Dentro dos premios de deseño incluiranse as seguintes categorías:

a) Profesionais.

b) Empresas.

c) Mozos/as deseñadores/as.

Artigo 4. Requisitos das candidaturas

1. Poderán ser candidatas ao Premios Galegos de Innovación e Deseño as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:

a) Premios Galegos de Innovación:

– Categoría «Traxectoria Innovadora»: empresarios e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos, en que a innovación fose unha das súas características relevantes.

– Categoría «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.

– Categoría «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.

b) Premios Galegos de Deseño: premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño galego.

– Categoría «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.

– Categoría «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.

– Categoría «Mozos/as Deseñadores/as»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non exceda os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura, e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

As candidaturas ao Premio Galego de Innovación categoría «Traxectoria Innovadora» e as dos Premios Galegos de Deseño categorías «Profesionais» e «Mozos/a sDeseñadores/as» deberán contar, polo menos, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio no ámbito da innovación e do deseño.

2. A definición do tamaño de empresa seguirá o establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, Diario Oficial de la Unión Europea L 187/1, do 26 de xuño de 2014.

3. Cando o solicitante sexa unha persoa física, debe desenvolver un traballo altamente significativo no seu respectivo campo e deberá demostrar desenvolver unha actividade profesional mediante a alta no imposto de actividades económicas ou outras obrigas fiscais que deriven do mero exercicio de actividade, profesional, económica ou artística.

4. Un mesmo candidato poderá propoñerse para unha ou varias categorías dos premios, para o que é imprescindible enviar unha proposta de solicitude diferente e completa, con toda a documentación requirida, para cada categoría presentada.

5. Aínda cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarios os candidatos en que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera das epígrafes da presente convocatoria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das propostas de candidaturas

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario de solicitude consta dunha proposta de candidatura (anexo I).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. O formulario de solicitude consta dunha proposta de candidatura (anexo I), en que se indicará o premio a que se presenta a dita candidatura, de entre as seis posibles descritas no artigo 3 desta resolución. Xunto coa proposta de candidatura, achegarase a seguinte documentación complementaria para cada unha das categorías:

i. Resumo executivo da memoria de méritos: resumo dos contidos da memoria descritiva requirida na epígrafe ii seguinte, dunha extensión máxima recomendable de dúas páxinas.

ii. Memoria de méritos da persoa e/ou empresa candidata: memoria descritiva dos méritos da persoa e/ou empresa candidata (segundo a categoría obxecto da proposta de candidatura), en que se expoñan aqueles aspectos que sexan relevantes a efectos da súa valoración e puntuación, segundo o descrito nesta resolución no artigo 11 de criterios de avaliación.

A memoria terá unha extensión máxima de 30 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e entreliñado sinxelo.

No relativo as seguintes candidaturas ao Premio Galego de Innovación categoría «Traxectoria Innovadora» e as dos Premios Galegos de Deseño na totalidade das súas categorías, deberán presentar tamén a seguinte documentación:

• Premio Galego de Innovación categoría «Traxectoria Innovadora».

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima recomendable de dúas páxinas.

– Avais á persoa candidata (mínimo 2): documentación de apoio á persoa candidata. Exixirase a documentación que acredite o apoio á persoa candidata polo menos de dúas entidades ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito da innovación.

• Premio Galego de Deseño categoría «Profesionais».

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima recomendable de dúas páxinas.

– Documentación gráfica. Documento adicional de 20 páxinas mediante o que se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos das persoas ou empresas candidatas.

– Avais á persoa candidata (mínimo 2). Documentación de apoio á persoa ou empresa candidata. Exixirase a documentación que acredite o apoio á persoa candidata de polo menos dúas entidades ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deseño.

• Premio Galego de Deseño categoría «Empresas».

– Documentación gráfica. Documento adicional de 20 páxinas mediante o que se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos da entidade candidata.

• Premio Galego de Deseño categoría «Mozos/as Deseñadores/as».

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima recomendable de dúas páxinas.

– Documentación gráfica. Documento adicional de 20 páxinas mediante o que se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos da persoa candidata.

– Avais á persoa candidata (mínimo 2). Documentación de apoio á persoa candidata. Exixirase a documentación que acredite o apoio á persoa candidata de polo menos dúas entidades ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito da innovación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas e entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos, separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) DNI ou NIE da persoa solicitante.

e) DNI ou NIE da persoa representante.

f) NIF da entidade solicitante.

g) Imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas e empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas e entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso, as persoas e entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Xurado

1. A avaliación das candidaturas levarase a cabo por dous xurados. Os premios de innovación serán avaliados polo Xurado de Innovación e haberá un Xurado de Deseño, para as diferentes categorías dos premios de deseño.

Constituiranse dous xurados cuxos membros serán nomeados pola persoa titular, o/a director/a da Axencia Galega de Innovación (Gain), e estará integrado cada un deles por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco (5) vogais.

Actuará como presidente/a o/a director/a da Axencia Galega de Innovación (Gain) ou persoa en quen delegue; como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da innovación e o deseño, e a secretaría recaerá na persoa titular da Dirección da Área de Centros da Gain, con voz pero sen voto.

Procurarase que no comité de avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.

2. A composición nominal do xurado farase pública na páxina web da Gain.

3. A proposta de adxudicación dos premios realizarase nun prazo non superior a dous meses contados desde o último día de prazo de presentación.

4.O xurado poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningunha das propostas de candidaturas presentadas reúna os requisitos exixibles.

5. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Artigo 11. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración segundo as categorías:

A valoración das candidaturas realizarase con base nos seguintes criterios xerais para os Premios Galegos de Innovación e subcriterios para cada unha das categorías:

I. Premio Galego de Innovación «Traxectoria Innovadora»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos empresarios e profesionais e empresas candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

a. Visión innovadora e enfoque perseverante que derivase nunha traxectoria consolidada, excelente e exemplar de polo menos dez anos, amplamente recoñecida no ámbito da innovación (20 puntos).

b. Relevancia do investimento innovador na identificación de oportunidades e consecución de obxectivos de carácter empresarial (20 puntos).

c. Aplicación de políticas de recursos humanos orientados a incentivar a cultura innovadora dos traballadores e a súa diseminación na organización (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

a. Impacto galego, nacional e internacional da innovación en termos de competitividade (20 puntos).

b. Asunción de riscos en tecnoloxías emerxentes (20 puntos).

II. Premio Galego de Innovación «Grande Empresa»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos empresarios e profesionais e empresas candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

a. Actividade innovadora de polo menos dez anos e importancia da innovación na estratexia empresarial (20 puntos).

b. Creación, deseño e desenvolvemento de produtos, servizos ou modelos de negocio con forte compoñente innovador e impacto e beneficios xerados tanto na organización como no mercado (20 puntos).

c. Introdución de produtos tecnolóxicos innovadores galegos nos mercados internacionais (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

a. Progresión da porcentaxe anual do volume de negocio da empresa no ámbito galego, nacional e internacional (20 puntos).

b. Políticas de fomento da internacionalización da actividade de investigación e innovación da empresa (20 puntos).

III. Premio Galego de Innovación «Pequena e Mediana Empresa»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos empresarios e profesionais e empresas candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

a. Traxectoria innovadora de polo menos cinco anos demostrable mediante actividades organizativas, financeiras e comerciais encamiñadas á introdución ou produción de innovacións (20 puntos).

b. Carácter innovador demostrable pola propia actividade da empresa: proxectos de I+D+i, patentes en explotación, deducións fiscais por actividades de I+D+i, certificacións oficiais vinculadas a I+D+i (20 puntos).

c. Creación, deseño e desenvolvemento de produtos, servizos ou modelos de negocio con forte compoñente innovador e impacto e beneficios xerados tanto na organización como no mercado (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

a. Introdución de produtos tecnolóxicos innovadores galegos nos mercados internacionais (20 puntos).

b. Progresión da porcentaxe anual do volume de negocio da empresa no ámbito galego, nacional e internacional (20 puntos en total).

A valoración das candidaturas realizarase con base nos seguintes criterios xerais para os Premios Galegos de Deseño e subcriterios para cada unha das categorías:

IV. Premio Galego de Deseño «Profesionais»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

a. Traxectoria consolidada, excelente e exemplar de polo menos dez anos e amplamente recoñecida polo sector do deseño (profesionais, organizacións e medios) (20 puntos).

b. Logros sobresalientes e calidade recoñecida na creación de produtos, proxectos de comunicación visual, contornas e/ou outros servizos para o mercado (15 puntos).

c. Capacidade de servizo en deseño e excelencia acreditadas polas empresas para as que se traballou (25 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial, e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito galego, nacional como internacional (40 puntos).

a. Contribución relevante para a sociedade e para a mellora da calidade de vida das persoas (20 puntos).

b. Achega amplamente recoñecida ao progreso do deseño galego, mediante publicacións, actividades de investigación, docencia ou actividade asociativa (20 puntos).

V. Premio Galego de Deseño «Empresas»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

a. Traxectoria consolidada, excelente e exemplar de polo menos dez anos, amplamente recoñecida polo sector do deseño (profesionais, organizacións e medios) (20 puntos).

b. Eficacia do deseño para a empresa e resultados positivos no mercado: retos empresariais onde o deseño tivo un papel relevante (25 puntos).

c. Contribución relevante para a sociedade e para a mellora da calidade de vida das persoas, en termos de sustentabilidade logrados a través dun uso eficiente do deseño e o seu proceso (15 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial, e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito nacional como internacional (40 puntos).

a. Incorporación destacada do deseño na estratexia da empresa e como factor de innovación (en metodoloxías, procesos, proxectos, produtos, servizos, comunicación visual, contornas, organización, etc.) para a mellora da competitividade e o posicionamento internacional (30 puntos).

b. Capacidade para transmitir valores á sociedade contribuíndo á promoción e valorización do deseño (10 puntos).

VI. Premio Galego de Deseño «Mozos/as Deseñadores/as»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

a. Actividade profesional inferior a dez anos caracterizada polo talento e a creatividade, así como capacidade de introducirse no mercado (30 puntos).

b. Logros sobresalientes e disruptivos e de calidade recoñecida na creación de produtos, proxectos, contornas e/ou outros servizos para o mercado (30 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial, e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito galego, nacional como internacional (40 puntos).

a. Capacidade de servizo en deseño e excelencia acreditadas polas empresas para as que se traballou (20 puntos).

b. Manexo dos recursos e capacidade de afrontar retos e xerar solucións (20 puntos).

Artigo 12. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora da Gain, de acordo coa proposta do xurado.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da directora da Gain pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora da Gain, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 13. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados a Gain nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Artigo 14. Publicidade e entrega do premio

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web e redes sociais da Gain.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Gain publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o premio concedido. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Galega de Innovación coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 17. Información e control

As persoas e empresas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Artigo 18. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria dos Premios Galegos de Innovación e Deseño para o ano 2020

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse os I Premios Galegos de Innovación e Deseño para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva e nas seguintes categorías:

a) Premio Galego de Innovación categoría «Traxectoria Innovadora».

b) Premio Galego de Innovación categoría «Grande Empresa».

c) Premio Galego de Innovación categoría «Pequena e Mediana Empresa».

d) Premio Galego de Deseño categoría «Profesionais».

e) Premio Galego de Deseño categoría «Empresas».

f) Premio Galego de Deseño categoría «Mozos/as Deseñadores/as».

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 21. Premios

1. Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galego de Innovación «Grande Empresa» e ao Premio Galego de Deseño «Empresas» que terán un carácter estritamente honorífico.

2. Establécese que a entrega dos correspondentes galardóns terá lugar nun acto público organizado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Innovación (Gain) con representación institucional que contará coa adecuada campaña de difusión entre os sectores profesionais involucrados e a sociedade.

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a Gain e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación difundan nos medios de comunicación os gañadores dos premios.

3. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar o ano e a modalidade en que se recibiu o premio ou a mención.

Artigo 22. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A3.561A.480.0 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2020, cun importe máximo de 60.000 €.

A dotación económica dos premios será compatible coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file