Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 39318

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de setembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre a comunidade de montes veciñais en man común de Cabreira (Salvaterra de Miño) e Manuel Vidal Pazos, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 10 de agosto 2020, en relación o deslindamento parcial entre a comunidade de montes veciñais en man común de Cabreira, concello de Salvaterra de Miño, e Manuel Vidal Pazos, ao respecto da estrema común dos seus montes. Expediente PO-DESP-01/2019.

Feitos:

Primeiro. O 10 de outubro de 2019 recíbese no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, co número 2019/2064431 documentación en relación coa permuta PO-01-PER/18.

Entre esta documentación inclúese a referida no artigo 54.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG) no procedemento de deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares.

Segundo. O 18.12.2019 o Servizo de Montes emite informe técnico favorable de deslindamento.

Terceiro. O 27.1.2020 publícase o anuncio do 8 de xaneiro de 2020 sobre o inicio do procedemento de deslindamento con predios particulares da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Cabreira, no concello de Salvaterra de Miño, e ábrese un prazo dun mes para que as persoas interesadas que desexen comparecer presenten as alegacións e os títulos que acrediten propiedade.

Cuarto. O 11.3.2020 recíbese escrito da alcaldesa do concello de Salvaterra de Miño xuntando o certificado da secretaria sobre a exposición do anuncio deste deslindamento durante polo menos un mes (do 27 de xaneiro de 2020 ao 9 de marzo de 2020), sen reclamacións contra este.

Quinto. No expediente consta a seguinte documentación:

– Acta de apeo asinada polos representantes da CMVMC de Cabreira e Manuel Vidal Pazos (particular con que deslindan).

– Plano de deslindamento, que consta de dous piquetes de coordenadas:

Piquete 1: X: 539032,60 Y: 4659695,85

Piquete 2: X: 539002,86 Y: 4659707,64

– Certificado de aprobación do deslindamento

– Acta de conciliación no Xulgado de Paz de Salvaterra de Miño.

Sexto. O 11.3.2020 o Servizo de Montes emite informe favorable a liña provisional de deslindamento entre a CMVMC de Cabreira e Manuel Vidal Pazos segundo o plano de deslindamento achegado, que consta de dous piquetes de coordenadas:

Piquete 1: X: 539032,60 Y: 4659695,85

Piquete 2: X: 539002,86 Y: 4659707,64

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo) na súa disposición derradeira segunda, modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e á sinalización dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

A Lei de montes de Galicia regula nos artigos 52 e 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do xurado no Diario Oficial de Galicia.

«Artigo 54.3. No caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificaraa ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia».

Segunda. Ao cumprir todos os trámites a que se refiren os puntos 1 e 2 do artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sen alegacións á liña proposta, e coa declaración de estaren de acordo co deslindamento as persoas afectadas por este, o Servizo de Montes o 11.03.2020 emite informe favorable á liña provisional de deslindamento entre a CMVMC de Cabreira e Manuel Vidal Pazos, segundo os puntos referidos no feito sexto.

Por isto, revisada a avinza presentada, a documentación achegada e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra e en atención ao disposto nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento realizado entre a CMVMC de Cabreira e Manuel Vidal Pazos, segundo os puntos e as coordenadas referidas no parágrafo sexto deste acordo e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo á comunidade propietaria afectada e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 24 de setembro de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra