Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 13 de outubro de 2020 Páx. 39621

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A).

O 9 de marzo de 2020 publicouse no número 46 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Esta convocatoria enmarcada dentro do Programa operativo de emprego xuvenil está cofinanciada nun 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo e ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a obtención dos permisos de condución clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade.

A execución desta orde de axudas viuse condicionada pola declaración do estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Ademais da suspensión dos prazos administrativos e os seus efectos na tramitación destas axudas, as medidas adoptadas tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a COVID-19 comportaron serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades en xeral. Esas medidas, necesarias para a protección da saúde pública resultaron incompatibles co normal desenvolvemento da actividade en moitos ámbitos entre os que se atopa o das autoescolas, que non puideron levar a cabo a súa actividade formativa e práctica, o que repercute negativamente na posibilidade de obtención dos permisos de conducir por parte da poboación en xeral e, xa que logo, dos mozos e mozas beneficiarios destas axudas.

Por todo o exposto, a Consellería de Política Social entende que é necesario ampliar o prazo previsto na orde para a obtención do permiso de condución obxecto da axuda e, consecuentemente, o prazo de xustificación das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A)

A Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A) queda modificada como segue:

Un. A letra a) do artigo 15, sobre as obrigas das persoas beneficiarias, queda redactado como segue:

«a) Obter o permiso de condución para o que se solicitou a axuda entre o 1.1.2020 e o 21.12.2020 e acreditalo segundo o artigo 16».

Dous. O primeiro parágrafo do número 1 do artigo 16, sobre a xustificación da axuda, queda redactado como segue:

«1. A xustificación da axuda presentarase con data límite do 30 de decembro de 2020, para o cal se achegará a seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social