Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39755

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 2 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS212B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, recolle, no seu artigo 3, como obxectivos do Sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

A Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, recoñece no seu artigo 3 a universalidade no acceso de todas as persoas en situación de dependencia, en condiciones de igualdade efectiva e non discriminación, nos termos establecidos nesta lei, así como a permanencia das persoas en situación de dependencia, sempre que sexa posible, na contorna en que desenvolven a súa vida.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade dirixir, impulsar, xestionar, planificar, coordinar, controlar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, ás persoas con discapacidade e persoas dependentes en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Na Comunidade Autónoma de Galicia por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O número 1.b) do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 anteriormente citado prevé, en atención á especial protección que se debe prestar á poboación sensible ou en especial risco, entre outras medidas, a suspensión da actividade dos centros sociosanitarios e centros de día de maiores. Este peche mantívose polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

A casa do maior preséntase como alternativa cando na contorna non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento en institucións non sexa desexado, procurando o mantemento no medio social habitual coa finalidade de que as citadas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de atención en pequenos grupos, de maneira flexible e con garantías de seguridade e calidade.

O perfil de persoas usuarias que poidan ser atendidas na casa do maior comprende non só maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa senón tamén persoas maiores sen grao de dependencia.

Deste xeito aténdese, por unha parte, o benestar de coidadores familiares, co fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e, por outra parte, foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda desfrutan de autonomía, paliando así mesmo as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

Con esta estratexia preténdese crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación na propia comarca e fomentar o reequilibrio territorial, concretamente nas áreas rurais do interior onde a fixación da poboación se presenta coma unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais coma a súa base de desenvolvemento.

Neste momento a Consellería de Política Social está a subvencionar ao 100 % o funcionamento de 20 casas do maior, o que permite a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de xeito que se procure o mantemento no medio social habitual evitando así o internamento. Estes proxectos piloto impúlsanse e apóianse mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, en consecuencia, para a fixación de poboación no territorio.

No momento actual, a raíz da crise sanitaria, todos estes proxectos piloto de atención continuada ás persoas maiores viron interrompida a súa actividade polas medidas adoptadas pola autoridade sanitaria, o que afecta as condicións da xustificación para percibir as subvencións, tendo que afrontar igualmente os gastos básicos de persoal e do local, o que os aboca á súa desaparición, deixando, en consecuencia, sen atención as persoas maiores de 60 anos de Galicia, no momento en que se recupere a actividade.

Constitúe unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios necesarios para desenvolveren os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as condicións de utilización destes, mediante o desenvolvemento de servizos que teñan presente a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso ao sistema das galegas e galegos que residan en áreas con altas taxas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

O mantemento da prestación destes proxectos piloto é esencial para o benestar de coidadores familiares e en particular para os usuarios, dado que permite o fomento da prevención de situacións de dependencia dos maiores que aínda desfrutan de autonomía, paliando, así mesmo, as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

Por todo isto, resulta imprescindible establecer un procedemento de xustificación e un réxime de reintegro específico para as subvencións concedidas pola Consellería de Política Social ás casas do maior anteriormente mencionadas para o período durante o que a Administración autonómica manteña a suspensión da súa actividade presencial como medida preventiva de saúde pública.

Estas subvencións estaban destinadas no ano 2020 a dar continuidade aos proxectos que xa estaban en marcha para a consolidación das casas do maior. Trátase de proxectos piloto de carácter integrador, preventivo e asistencial, destinados á promoción, recuperación e/ou mantemento da autonomía persoal das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa, grao I e grao II, e para persoas sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS212B)

A Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS212B), queda modificada como segue:

Un. Engádese un número 4 no artigo 17, coa seguinte redacción:

«4. Xustificación que hai que presentar respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19:

1º. Anexo II.

2º. No suposto de terse acollido á prestación extraordinaria por cesamento de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020: documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)».

Dous. Engádese un número 5 no artigo 17, coa seguinte redacción:

«5. No suposto de ter mantido a alta como traballadora autónoma no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a alta fiscal durante o período de suspensión da actividade presencial, comprobaranse os seguintes datos: vida laboral e imposto de actividades económicas».

Tres. Engádese unha letra d) ao número 1 do artigo 19 coa seguinte redacción:

«d) A ausencia de actividade presencial derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, sempre que a persoa beneficiaria mantivese a súa alta como traballadora autónoma no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida, aplicado proporcionalmente. No suposto de que a persoa beneficiaria se acollese á prestación extraordinaria por cesamento de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020, esta contía incrementarase no importe da prestación recibida».

Cuarto. Modifícase o anexo II, engadindo dentro da epígrafe relativa á documentación que hai que presentar a referencia á documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal a que se refire o número 4 do artigo 17. Así mesmo, engádese unha epígrafe relativa á comprobación de datos de acordo co establecido no número 5 do artigo 17.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file