Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39753

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 7 de outubro de 2020 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT238A).

A Orde do 27 de xullo de 2020 establece as bases reguladoras das subvencións para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2020, e convócaas para o dito ano (DOG núm. 156, do 5 de agosto). Código de procedemento administrativo CT238A.

No artigo 5 da dita orde regúlase a súa contía e a aplicación orzamentaria, así como a posibilidade de ampliar o importe das subvencións:

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 200.000 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As circunstancias que atravesamos derivadas da pandemia provocada pola incidencia da COVID-19 e as graves consecuencias previsibles para a economía en xeral e para o sector editorial en particular exixen unha actuación da Administración que pasa por centrar recursos en obxectivos próximos que permitan paliar a situación deste sector e poidan acadar unha dinámica máis expansiva dentro da cultura galega.

Hoxe en día as solicitudes desbordaron todas as expectativas, polo tanto para atender o maior número posible, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias (como consecuencia de modificación de crédito) e de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, increméntase a contía da subvención, na seguinte cantidade:

114.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.1, polo que o total asignado para esta orde tras esta ampliación ascende a 314.000 €.

Para tal fin, procede publicar esta ampliación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Ampliar o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2020, e se procede á súa convocatoria para o dito ano, nas seguintes cantidades:

114.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.1, polo que o total asignado para esta orde tras esta ampliación ascende a 314.000 €.

Artigo 2. Prazo

Esta modificación, unha vez publicada no DOG, non implicará a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade