Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 26 de outubro de 2020 Páx. 42507

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de outubro de 2020 pola que se determinan servizos mínimos durante a folga que afectará parte do sector de limpeza de edificios e locais na provincia de Lugo, e que se desenvolverá desde o 26 de outubro de 2020 con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CC OO comunicaron o 15 de outubro de 2020 a convocatoria dunha folga de carácter indefinido, que se iniciará o 26 de outubro e afectará o persoal das empresas do sector de limpeza de edificios e locais na provincia de Lugo agás -nos termos da convocatoria- aquelas en que non se aplique o convenio colectivo de limpeza da provincia de Lugo.

Constatouse que a citada folga afectará empresas que prestan servizos de limpeza en centros sanitarios, e resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como do persoal deste tipo de institucións (nomeadamente, persoal sanitario), máxime nunha folga de carácter indefinido. Polo tanto, esta soa circunstancia determina per se a procedencia de fixar servizos mínimos.

Pero é que ademais cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a presente folga, nun escenario de crise sanitaria internacional que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus que causou a síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está requirir a adopción de medidas e accións que permitan facer un seguimento da situación e do avance dos casos; o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que en xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional; dando inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas en canto que axentes integrantes do Sistema nacional de saúde.

Entre esas medidas e actuacións encóntranse as pautas e protocolos definidos polas autoridades en relación coa sanidade ambiental; en particular coa limpeza, desinfección e ventilación dos centros e espazos públicos e, especificamente, das institucións sanitarias, en que se teñen habilitados circuítos asistenciais específicos para pacientes con sospeita de infección polo coronavirus COVID-19, diferenciados das canles asistenciais ordinarias e nos que cómpre estremar as medidas de limpeza das dependencias onde se atenden este tipo de casos, así como dos lugares con que tivesen contacto (salas de espera, consultorios médicos etcétera) seguindo as recomendacións establecidas polos respectivos servizos de medicina preventiva.

Polo demais e desde que se levaron a efecto as correspondentes declaracións de emerxencia sanitaria, nos centros do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade veñen adoptándose unha serie de medidas dirixidas a garantir a dispoñibilidade de profesionais, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles, como co obxecto de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender e reforzar as necesidades de persoal derivadas desta situación.

Outro tanto cabe aducir respecto aos efectivos das empresas contratadas para facilitar e prestar os servizos complementarios á asistencia sanitaria, como é o caso da limpeza; reforzando a súa realización no senso descrito e que, dubidosamente, podería levarse a efecto sen o establecemento das imprescindibles limitacións en relación co exercicio desta folga.

Así pois, para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde, dunha banda, por reiterar os criterios reitores de carácter xeral que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector da limpeza de edificios e locais. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento tras a publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual.

E, doutra banda, establécense novos criterios reitores, específicos para esta folga, en atención á actual e extraordinaria situación de crise sanitaria e no que atinxe a concretas canles e aspectos asistenciais.

A determinación concreta dos efectivos estritamente necesarios para garantir esa actividade mínima en cada centro, e das súas horas de traballo, será realizada en cada caso polas empresas afectadas pola folga no exercicio das súas facultades de dirección. Con todo, as empresas deberán deixar constancia da súa motivación.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:

I. Criterios xerais.

a) Días laborables.

1. Centros de saúde, puntos de atención continuada, centros de especialidades e demais centros sanitarios non hospitalarios: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais, agás nas zonas onde se require a limpeza urxente (salas de extraccións, salas de curas, salas con actividades de cirurxía menor), nas cales se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2. Hospitais (centros con internamento).

2.1. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2.2. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

b) Domingos e festivos: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais nos domingos e festivos.

Os efectivos de servizos mínimos que resulten das ditas garantías poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde.

II. Criterios específicos.

A excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), e a súa evolución actual require unha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto entre os propios profesionais sanitarios como entre as persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Dentro das medidas para a prevención da enfermidade, os protocolos asistenciais de limpeza nos centros sanitarios contemplan actuacións tales como:

– Unha maior frecuencia nos circuítos ou itinerarios de limpeza ordinarios.

– A realización de tarefas de limpeza periódica de superficies (pomos de portas, mesas) e espazos de uso ordinario.

– A realización dunha limpeza rigorosa despois de cada atención sanitaria efectuada nas dependencias especificamente dedicadas á asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer a enfermidade provocada polo coronavirus. Neste caso, a limpeza debe facerse nun breve período de tempo despois da actividade sanitaria pois, doutro xeito, a sala de atención ou a correspondente superficie non estaría en condicións de ser usada por outros usuarios/as sen implicar un risco para a súa propia saúde.

Polo tanto, como criterio específico para a fixación dos servizos mínimos desta folga, por mor da actual e excepcional situación de crise sanitaria, ademais dos criterios xerais expostos na epígrafe precedente, establécense os seguintes:

a) O persoal preciso para a realización da limpeza, coa maior brevidade posible, de salas de atención e outros espazos especificamente habilitados para a asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer unha patoloxía derivada do coronavirus COVID-19.

b) A presenza do persoal necesario para abordar as tarefas de limpeza adicionais ás ordinarias ou habituais nos espazos e superficies, motivadas polo cumprimento dos protocolos asistenciais de prevención de transmisión do coronavirus COVID-19.

Artigo 2

En aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, cada empresa afectada determinará os efectivos e designará o persoal que debe cubrir os servizos mínimos en cada centro, fixando a súa xornada e horario de traballo.

A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade