Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 26 de outubro de 2020 Páx. 42461

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de setembro de 2020 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Rubiá.

Ao abeiro da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o Concello de Rubiá remite documentación relativa ao Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación redactada por OAU Oficina de Arquitectura Urbanismo e Planificación, S.L.P., integrada polo PXOM datado en xaneiro de 2020 con aprobación provisional polo Concello Pleno do 29.5.2020, en relación coa Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 20.4.2017, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Rubiá non dispón de instrumento de planeamento xeral, polo que son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3.4.1991 (DOG do 16 de abril).

Conta con dous expedientes de delimitación do solo de núcleo rural: DNR de Biobra (AD 30.11.2007) e DNR de Vilardesilva (AD 2.11.2006).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Proxecto sectorial do parque empresarial de Rubiá (AD 28.12.2007), en desenvolvemento do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (AD 30.4.2014).

I.3. Antecedentes de tramitación.

1. O 3.4.2008 iníciase na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o procedemento de avaliación ambiental estratéxica coa presentación polo promotor do documento de inicio.

2. Constan os informes municipais previos á aprobación inicial do secretario, do 17.6.2009, e do arquitecto asesor, do 22.6.2009.

3. O 14.9.2009 o Concello Pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM, incluíndo o informe de sustentabilidade ambiental (ISA), e someteuno a información pública mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2009, e nos diarios La Voz de Galicia e La Región do 15.10.2009. Deuse audiencia aos concellos limítrofes e obtívose resposta dos concellos do Barco de Valdeorras (4.11.2009) e de Sobrado, Comunidade de Castilla y León (9.11.2009).

4. Simultaneamente solicitáronse informes aos distintos organismos sectoriais e responderon:

– ADIF, Ministerio de Fomento (11.11.2009), con observacións.

– Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento (4.12.2009), favorable condicionado.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (25.11.2009), con observacións.

– Deputación de Ourense (28.12.2009), favorable.

– Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento (18.1.2010), favorable condicionado.

– Augas de Galicia (19.2.2010), con consideracións.

– Axencia Galega de Infraestruturas (30.7.2015), favorable con consideracións.

– Confederación Hidrográfica Miño-Sil (21.9.2015), favorable condicionado.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ( 3.3.2016), desfavorable.

– Consellería de Economía Emprego e Industria, en materia de minas (14.6.2016).

– Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense (19.6.2016), favorable con consideracións.

– Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (19.9.2016), informativo.

– Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda (6.6.2016).

5. Consta oficio de solicitude do informe sectorial á Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 5.11.2009, que non foi emitido.

6. Mediante Resolución do 20.1.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, emite a memoria ambiental correspondente á avaliación ambiental estratéxica do Plan (DOG do 9 de febreiro).

7. Consta informe municipal previo á aprobación provisional do secretario interventor do 4.12.2015.

8. O 8.2.2016 o Concello Pleno acordou aprobar provisionalmente o PXOM.

9. O 7.3.2016 recibiuse o PXOM de Rubiá solicitando a aprobación definitiva. En virtude do artigo 85.7 da LOUG, con datas do 7.4.2016 e do 12.1.2017 requiriuse ao Concello de Rubiá para que corrixise as deficiencias documentais observadas. En atención a estes requirimentos, en datas do 14.12.2016 e do 24.1.2017, o Concello achega documentación adicional.

10. O 20.4.2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu unha Orde de non aprobación definitiva do PXOM de Rubiá, sinalando unha serie de deficiencias que se debían corrixir para acadar a aprobación definitiva.

11. O Concello de Rubiá obtivo os novos informes sectoriais:

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura (26.6.2020), favorable.

– Ministerio de Fomento, en materia de estradas (1.6.2020), favorable con condicións.

– Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, en materia de telecomunicacións, favorable.

12. O Concello de Rubiá obtivo as concesións de abastecemento de augas que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil exixira regularizar, no seu informe do 21.9.2015.

13. O 29.5.2020 o Concello Pleno de Rubiá aprobou provisionalmente o novo documento, con correccións para emendar as deficiencias formuladas.

14. O 27.7.2020 rexístrase a entrada na Xunta de Galicia desa documentación do PXOM de Rubiá, para os efectos de que se proceda á súa aprobación definitiva.

15. Ao abeiro do disposto no artigo 32.2.f) da LOUG, a exclusión do solo rústico e delimitación como solo de núcleo rural no Parque Natural e LIC/ZEPA de Enciña da Lastra dos núcleos de Oulego, O Robledo da Lastra, Pardollán, Vilardesilva, Biobra e Covas, foi sometido á autorización do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 17.9.2020.

II. Análise e consideracións.

Analizado o PXOM do concello de Rubiá, datado en xaneiro de 2020, con aprobación provisional plenaria do 29.5.2020, en relación coa Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 20.4.2017, así como os cambios posteriores introducidos, púidose observar o cumprimento, con carácter xeral, tanto das obxeccións anteriormente sinaladas como da normativa aplicable.

Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

1. A dilixencia municipal debe incluír a data de aprobación plenaria do PXOM.

2. Cómpre axustar os límites municipais á liña límite mellorada indicada no informe do IGN do 21.2.2019, coa conseguinte clasificación dos terreos polo PXOM.

3. O grafismo empregado para indicar nos planos as actuacións illadas resulta ilexible.

4. O plano C-5 representa superpostas as dimensións das redes de servizos, polo que non é lexible. Doutra banda, inclúe os elementos catalogados, as afeccións das estradas e as redes de servizos que non gardan relación co nome do plano Xestión do solo urbano.

5. Ao abeiro do artigo 32.3 da LOUG, no solo rústico grafaranse superpostas as proteccións de augas coas agropecuarias e forestais ata a canle dos ríos. Do mesmo xeito, os solos rústicos de protección de patrimonio, augas e os de infraestruturas superporanse en todo caso sobre o resto das categorías en todo o territorio municipal.

6. Os artigos 2.3.2 e 2.3.3 de situacións de fóra de ordenación axustaranse ao establecido no artigo 90 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao abeiro do disposto no artigo 85.7.b) da LOUG, e de conformidade co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Rubiá, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente. O Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a estas.

2. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

3. O texto refundido do PXOM será inscrito de oficio no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Rubiá, 25 de setembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda