Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 26 de outubro de 2020 Páx. 42466

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 174/2020, do 8 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133, eixe sur, treito Franza-Rilo, puntos quilométricos 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06, no concello de Mugardos.

Antecedentes:

Primeiro. O día 22 de maio de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 96) o Anuncio do 3 de maio de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133, eixe sur, treito Franza-Rilo, puntos quilométricos 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 28 de abril de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133. Eixe sur. Treito Franza-Rilo. Puntos quilométricos 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06.

Este proxecto ten por obxecto a creación dunha senda compartida (peonil e ciclista) en dous treitos da estrada AC-133, en formigón ou solo estabilizado con cemento, en función da cualificación urbanística do solo que se atravesa. O primeiro treito (punto quilométrico 7+200 - punto quilométrico 8+550), comeza na glorieta de conexión entre esta estrada e a vía de alta capacidade VG-1.2, na contorna do núcleo de Franza, e finaliza no núcleo de Rilo. No segundo treito (punto quilométrico 9+820 - punto quilométrico 9+910) executarase unha senda polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, e que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil e ciclista.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133, eixe sur, treito Franza-Rilo, puntos quilométricos 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06.

Santiago de Compostela, oito de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade