Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42692

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2020 pola que se abre un período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Área Sanitaria de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Hospital POVISA, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos, á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixan, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueles outros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, mediante resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social que ten a obriga de protexer poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio da presente

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como os dos centros de saúde de Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e Rosalía-Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo ou ser asignados á área de POVISA como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada será efectuada pola persoa autorizada ou mediante titor/a legal, que achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo da persoa solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte, que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do/da interesado/a.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, de ser o caso, orixinal da autorización específica do/a interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na Área Sanitaria de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición.

Terceiro. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cuarto. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando iniciase un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas superen o límite máximo de persoas usuarias que POVISA pode ter asignadas segundo o concerto.

Quinto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro desta resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada será o comprendido nos trinta (30) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Sexto. As solicitudes de cambio para un ou outro hospital entenderanse estimadas se se cumpren as condicións referidas na presente resolución, e a data de cambio será a que corresponda á súa mecanización efectiva na Unidade de Tarxeta Sanitaria. Os usuarios poderanse informar deste aspecto na área administrativa do seu centro de saúde.

As solicitudes desestimadas comunicaranse sempre por escrito en que conste o motivo da desestimación.

Sétimo. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

José Manuel Flores Arias
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file