Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 29 de outubro de 2020 Páx. 43045

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión das axudas temporais e excepcionais aos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise do COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan as axudas para o ano 2020 (códigos de procedemento MR436E e MR436F).

A necesidade de levar a cabo unha actuación decidida e temperá fronte aos desfavorables e perturbadores efectos ocasionados pola pandemia do COVID-19, que tiveron o seu reflexo, primeiro no eido sanitario, pero de xeito inmediato tamén no eido económico e social, a nivel nacional e internacional, determinou que os distintos niveis das administracións e poderes públicos, en particular, a Consellería do Medio Rural, e tendo en conta a singularidade do sector agrario, moi permeable ás alteracións económicas, tomasen diferentes medidas para facer fronte á situación. Así, este departamento ditou xa dúas ordes orientadas a infundir liquidez ao sector; en primeiro lugar a Orde do 13 de maio de 2020 relativa ás excepcións para o ano 2020, na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias de subvencións da consellería, que supuxo a axilización do pagamento das subvencións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e, en segundo lugar, a Orde do 22 de xuño de 2020 relativa ao réxime de anticipos, modificacións e renuncia en relación coas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que modifica diversas convocatorias e bases reguladoras de axudas vixentes da Consellería do Medio Rural, co fin de permitir a súa adaptación ás excepcionais circunstancias provocadas pola aparición e evolución da pandemia como emerxencia de saúde pública, que determinou en España a declaración do estado de alarma en todo o territorio nacional mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, sucesivamente prorrogado.

Procede, pois, a continuación, dar un paso máis na liña de activar a economía do sector primario galego, articulando unha orde de axudas para as persoas agricultoras e empresas rurais de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2020/872 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1305/2013 no que respecta a unha medida específica destinada a proporcionar axuda temporal excepcional no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) en resposta ao brote de COVID-19.

Así, a normativa europea posibilitou aos Estados membros facer uso dos fondos dispoñibles en virtude dos programas de desenvolvemento rural existentes co obxecto de concentrar os recursos nos beneficiarios máis afectados pola crise; xa que logo, cómpre que a axuda, cuxo obxectivo é garantir a competitividade das empresas agrícolas e a viabilidade das explotacións, sexa concedida sobre a base de criterios obxectivos e non discriminatorios, que, no caso dos agricultores, poden incluír os sectores de produción, os tipos de agricultura, as estruturas agrícolas, o tipo de comercialización dos produtos agrícolas e o número de traballadores/as eventuais empregados e, no caso das pemes, poden incluír os tipos de sectores, de actividade, rexión e outras limitacións específicas.

A axuda consistirá no pagamento dunha cantidade a tanto global que deberá aboarse, como máis tarde o 30 de xuño de 2021, sobre a base das solicitudes de axuda aprobadas pola autoridade competente como máis tarde o 31 de decembro de 2020. O importe máximo da axuda non poderá superar os 7.000 euros por agricultor e os 50.000 euros por peme. A axuda do Feader concedida en virtude do artigo 39 ter non superará o 2 % da contribución total do Feader ao programa de desenvolvemento rural.

As axudas incardínanse na medida 21. Axuda temporal excepcional para os agricultores e as pemes que participan activamente no procesamento, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, particularmente afectados pola crise do COVID-19.

As especiais circunstancias que se produciron como consecuencia da pandemia de COVID-19 provocaron amplas restricións de movementos dos produtos agroalimentarios, así como o peche obrigatorio de establecementos comerciais, mercados, restaurantes, outros establecementos hoteleiros, actividades culturais e actividades recreativas, que ocasionaron unha interrupción económica para determinadas actividades do sector primario, que provocou importantes problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores.

O impacto foi desigual nos distintos subsectores de actividade, sendo máis acusado no sector da flor cortada e planta ornamental e no de carne de bovino, segundo o trasladado polas organizacións profesionais agrarias tras as consultas efectuadas por este departamento, dentro do seguimento constante que desde este se está a realizar do impacto da crise no global do sector primario galego.

No caso dos produtores de flor e de planta ornamental, foi practicamente o único subsector que viu totalmente pechados, sen excepcións nin posibilidade de habilitación de canle alternativa ningunha, os seus canais de distribución e venda durante a maior parte de duración do estado de alarma, entre o 14 de marzo e o 21 de xuño, co que careceron de ingresos e seguiron, porén, a soportar gastos nese período, polo que a procedencia de establecer esta liña de axudas tórnase indispensable para garantir a súa pervivencia.

No caso dos produtores de gando bovino de carne, é coñecido o patrón tradicional en situacións de crise económica de substituír o consumo de carne de vacún, moito máis no caso das pezas de calidade, polo consumo doutros tipos de carnes, como as de polo, coello e porco.

Por outro lado, a demanda de carne de vacún está fortemente condicionada á recuperación do canal de comercialización Horeca, e do turismo. No primeiro dos casos, esa recuperación está sendo moi lenta, non só polo descenso do uso destes servizos por parte da poboación, senón tamén polas limitacións de capacidade e horarios que aínda hoxe en día se seguen producindo en determinadas zonas. No segundo caso, o turismo, é evidente a situación dramática que sufriu o sector, con peche de fronteiras, recomendacións de certos países para non viaxar a España e peche de hoteis.

Deste xeito, o subsector de vacún de carne foi un dos máis afectados durante a pandemia, en que se rexistrou un evidente descenso do consumo e unha importante diminución dos prezos, con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, estas circunstancias provocaron un aumento dos custos de produción, xa que as persoas gandeiras, ante o descenso dos prezos, mantiveron máis tempo os animais nas explotacións, o que aumentou o custo da alimentación.

Á vista de todo o que antecede, e de conformidade coas competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito rural, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos artigos 30.1.3 e 27.10 que, respectivamente, determinan a súa competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, e de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto na Constitución española; no exercicio das ditas competencias a través da Consellería do Medio Rural ao abeiro do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta Orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas temporais e excepcionais ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) 2020/872 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1305/2013 no que respecta a unha medida específica destinada a proporcionar axuda temporal excepcional no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) en resposta ao brote de COVID-19.

Así mesmo, mediante esta orde convócase para o ano 2020 a concesión da seguintes axudas:

a) Axudas para a continuidade do sector de flor cortada e planta ornamental (procedemento administrativo MR436E).

b) Axudas para a continuidade do sector de vacún de carne (procedemento administrativo MR436F).

As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade garantir a continuidade da actividade empresarial nos sectores de flor cortada e planta ornamental e no de vacún de carne.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto

O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras para a concesión de axudas excepcionais a agricultores e empresas rurais.

A axuda consistirá nun pagamento a tanto global destinado a garantir a continuidade da actividade empresarial nos sectores afectados polas consecuencias das medidas extraordinarias adoptadas debido á crise do COVID-19.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos da presente orde, entenderase por:

a) Vaca nutriz: no cálculo das vacas nutrices das explotacións de reprodución para produción de carne, teranse en conta todos os animais con 24 ou máis meses localizados na explotación en data do 14.3.2020.

Nas explotacións de reprodución para produción mixta, no cálculo de vacas nutrices teranse en conta todos os animais de raza cárnica con 24 ou máis meses localizados na explotación na data sinalada. Neste caso, non se considerarán razas cárnicas as que veñen recollidas no anexo II da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, da Consellería do Medio Rural, así como as razas Fleckvieh, Montebeliard e Parda. No caso de que nestas explotacións existan vacas de raza conxunto mestizo, calcularase o número de vacas que hai que considerar de leite dividindo o dato de entregas de leite do último ano entre o rendemento lácteo medio (6.500 kg), e as restantes poden ser consideradas como de carne.

b) Peme: a categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) está constituída polas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns euros.

c) Comercialización: a tenza ou exhibición con vistas á venda, a oferta para a venda, a entrega ou calquera outra forma de posta no mercado, con excepción da primeira venda por parte de un produtor primario a intermediarios ou transformadores e de toda actividade de preparación dun produto para a dita primeira venda; a venda por parte dun produtor primario de produtos aos consumidores finais considerarase comercialización só se se leva a cabo en instalacións independentes reservadas para tal fin; unha venda realizada por un produtor primario a os consumidores finais considerarase comercialización de produtos agrícolas se se desenvolve nun local separado reservado para ese fin.

d) Unidades de traballo anual: os efectivos corresponden ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión a tempo completo durante todo o ano. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de unidades de traballo anual.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas físicas e xurídicas:

Atendendo ao punto anterior, poden ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas titulares das explotacións agrarias de flor cortada.

b) As persoas titulares dos viveiros de planta ornamental.

c) As asociacións, agrupacións, organizacións de produtores de flor cortada ou planta ornamental ou as persoas das alíneas anteriores, que realicen a comercialización dos produtos dos seus socios.

d) As persoas titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter actividade con anterioridade ao 1.1.2020. As persoas físicas titulares dunha explotación agraria estarán dadas de alta no réxime agrario da Seguridade Social e as persoas xurídicas disporán da alta censual na actividade económica agraria na AEAT. Así mesmo, as asociacións de produtores que realicen comercialización disporán da alta censual na actividade económica correspondente.

2. No caso de produtores de flor cortada, estar inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado polo Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, con data anterior ao 1 de xaneiro de 2020.

3. No caso de viveiros, terán que estar autorizados e rexistrados para a produción de especies e grupos de especies establecidas no anexo do Real decreto 1891/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento para a autorización e rexistro de produtores de sementes e plantas de viveiro e a súa inclusión no Rexistro Nacional de Produtores, con data anterior ao 1 de xaneiro de 2020, nos seguintes grupos:

a) Grupo 4: todas as especies aromáticas, condimentarias e medicinais

b) Grupo 5: todas as especies de uso ornamental.

Así como ter realizada a declaración de cultivos e de comercialización anual de acordo co que sinalen os regulamentos técnicos específicos segundo o establecido no artigo 6 do Real decreto 1891/2008, do 14 de novembro.

4. As explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún deberán estar inscritas no Reaga con clasificación zootécnica de reprodución para produción de carne ou mixta, que tivesen ao menos 10 vacas nutrices, calculadas na data do 14.3.2020 con base na información existente na base de datos oficial de explotacións gandeiras e de identificación individual dos animais bovinos.

5. As empresas que se dediquen á comercialización poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As pemes non poderán ter a condición de empresas en crise. Considerarase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2.14 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión.

Artigo 6. Contía das axudas

1. Segundo o tipo de axudas, a contía a tanto global será a seguinte:

a) Axudas para a continuidade do sector de flor cortada, planta ornamental e a súa comercialización serán:

a. No caso de produtores, en función das unidades de traballo:

i. Menos de 0,5: 1.750 €.

ii. Entre 0,5 e menos de 1: 3.500 €.

iii. Máis de 1: 7.000 €.

b. No caso de comercializadores, en función do número de socios produtores, ou no caso de ser produtores que comercializan en función do número de unidades de traballo, respectivamente:

i. Entre 1 e 5: 6.250 €.

ii. Entre 6 e 10: 18.750 €.

iii. Entre 11 e 15: 31.250 €.

iv. Entre 16 e 20: 43.750 €.

v. Máis de 20: 50.000 €.

b) Axudas para a continuidade do sector de vacún de carne. A contía individualizada da axuda para cada persoa titular calcularase en función dos seguintes tramos de vacas nutrices presentes na explotación na data sinalada:

i. 10 a 19 nutrices: 900 €.

ii. 20 a 29 nutrices: 1.250 €.

iii. 30 a 39 nutrices: 1.750 €.

iv. 40 a 49 nutrices: 2.250 €.

v. 50 a 59 nutrices: 2.750 €.

vi. 60 a 69 nutrices: 3.250 €.

vii. 70 a 79 nutrices: 3.750 €.

viii. 80 a 89 nutrices: 4.250 €.

ix. 90 a 99 nutrices: 4.750 €.

x. 100 a 109 nutrices: 5.250 €.

xi. 110 a 119 nutrices: 5.750 €.

xii. 120 a 129 nutrices: 6.250 €.

xiii. 130 a 139 nutrices: 6.750 €.

xiv. 140 ou máis nutrices: 7.000 €.

O importe máximo da axuda non poderá superar os 7.000 € por produtor e os 50.000 € por peme comercializadora.

As persoas solicitantes poderán beneficiarse das axudas por produtor e por comercializador se reúnen os requisitos para cada unha delas.

2. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo a criterios de proporcionalidade.

3. O importe das axudas convocadas na presente orde está suxeito a tributación no imposto sobre a renda das persoas físicas e imposto de sociedades, segundo corresponda.

Artigo 7. Réxime de concesión das axudas

As axudas axustaranse aos principios de publicidade, transparencia e obxectividade.

O procedemento de concesión destas subvencións efectuarase en réxime de concorrencia, mediante o sistema de rateo, de acordo co previsto no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Inicio do procedemento de concesión

1. Os procedementos de concesión das axudas iniciaranse coa presentación das solicitudes por parte das persoas interesadas empregando o formulario que figura como anexo I (procedemento administrativo MR436E) no caso de persoas titulares das explotacións agrarias de flor cortada, de persoas titulares dos viveiros de planta ornamental ou de asociacións, agrupacións ou organizacións de produtores de flor cortada ou planta ornamental, ou como anexo II (procedemento administrativo MR436F) para as persoas titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún, dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada á persoa solicitante nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, en función do procedemento, a seguinte documentación:

a. Axudas para a continuidade do sector de flor cortada e planta ornamental (procedemento administrativo MR436E):

i. Certificado dos socios produtores (só no caso de solicitar a axuda como asociación que realiza actividade de comercialización). O certificado debe indicar como mínimo o NIF e o nome completo do socio produtor.

ii. Balance e contas de resultados da empresa do último exercicio (só no caso de solicitar a axuda por realizar actividade de comercialización).

b. Axudas para a continuidade do sector de vacún de carne (procedemento administrativo MR436F). Non será necesario que se achegue documentación xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Concesión de subvencións e axudas.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

j) Vida laboral últimos 12 meses.

k) Vida laboral da empresa.

l) Actividade agraria por conta propia.

m) Imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Desistencia da solicitude de subvención

A persoa interesada que non presente a solicitude correctamente cuberta ou non entregue a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emende a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días (excluíndo do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos) desde o momento en que llo notificase o órgano competente da Consellería do Medio Rural, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015.

Artigo 15. Instrución dos procedementos de concesión

1. A Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias instruirá os expedientes do procedemento MR436E, mentres que a Subdirección Xeral de Gandaría se encargará de instruír os expedientes do procedemento MR436F.

2. As persoas titulares das subdireccións xerais competentes emitirán as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para os efectos de resolver, por delegación, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015.

Artigo 16. Resolución e modificación da resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas correspóndelle, por delegación do conselleiro de Medio Rural, á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015, como máis tarde o 31 de decembro de 2020. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse denegada a solicitude de subvención por silencio administrativo.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, e valoradas polo órgano instrutor, tendo en conta a totalidade das presentadas, ditarase unha resolución respecto daquelas solicitudes das cales non sexa preciso realizar requirimento de emenda.

Unha vez transcorrido o prazo de emenda ditarase resolución respecto daquelas solicitudes que fosen emendadas no prazo requirido.

No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para a resolución de todas as solicitudes de conformidade cos tramos establecidos no número 1 do artigo 6, realizarase un rateo proporcional entre todos os solicitantes.

En caso de existir remanente de crédito, resultante da resolución da totalidade das solicitudes presentadas conforme o establecido nos parágrafos anteriores, poderán incrementarse as súas contías, dentro dos tramos establecidos no artigo 6, número 1, mediante sistema de rateo proporcional. Para tal efecto, poderá ditarse unha resolución complementaria.

2. Cada un dos procedementos convocados ao abeiro da presente orde son analizados por separado, polo que poderán resolverse de xeito independente.

3. Modificación da resolución. A resolución de concesión da axuda poderá ser modificada:

a. Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b. Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), de maneira que se supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A pesar do establecido nos puntos anteriores, e de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, as notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación, se é o caso, das causas da desestimación, e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

Artigo 18. Recursos

As resolucións dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro do Medio Rural, e segundo os artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a. No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa.

b. Nos casos de resolución presunta poderá interpoñerse recurso de reposición en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda denegada a subvención.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Réxime de compatibilidade

1. O réxime de axudas regulado nesta orde será compatible con calquera outra axuda que se poida obter das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, nos termos do previsto no número 6 do artigo 39 ter do Regulamento (UE) 2020/872 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1305/2013.

2. O formulario de solicitude recollido nesta orde inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 20. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, procederá ao reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 21. Xustificación e pagamento das axudas

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda.

A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda.

Artigo 22. Controis

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da subvención. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación da normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, así como a excepción establecida a este regulamento para o ano 2020 polo Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020.

3. As persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade de xestión delegue, para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 23. Obxecto

O obxecto desta sección é convocar a concesión de subvencións, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar os efectos desfavorables ocasionados pola pandemia do COVID-19 aos agricultores e empresas agrícolas.

Artigo 24. Requisitos e finalidade

1. As persoas solicitantes destas subvencións deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.

2. A finalidade das axudas é garantir a continuidade da actividade empresarial debido ao impacto da pandemia do COVID-19.

Artigo 25. Tramitación do procedemento e prazo de presentación

1. A tramitación do procedemento de concesión das subvencións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2020.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 26. Financiamento

1. O financiamento das subvencións reguladas nesta orde, cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader, efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 por un importe de doce millóns de euros (12.000.000,00 euros), coas seguintes contías:

a. 2020.14.04.712B.7720, código de proxecto 2020.00105, para as axudas previstas para os produtores de flor e planta ornamental por un importe de 3.000.000,00 €.

b. 2020.14.04.712B.7720, código de proxecto 2020.00106, para as axudas previstas ás explotacións agrícolas de orientación produtiva cárnica de vacún por un importe de 9.000.000,00 €.

2. Estas aplicacións orzamentarias poderanse incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

3. No suposto de existir remanente nalgunha das anteriores aplicacións, poderíase utilizar para financiar solicitudes da outra aplicación.

Disposición adicional primeira. Eficacia condicionada

O disposto na presente orde queda condicionado a que a Comisión Europea dite a decisión de aprobación da modificación do PDR de Galicia 2014-2020, no referente á medida 21. Axuda temporal excepcional para os agricultores particularmente afectados pola crise da pandemia COVID-19, ao abeiro do establecido no artigo 39 ter do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), introducido polo Regulamento (UE) 2020/872 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2020.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file