Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 6 de novembro de 2020 Páx. 44222

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 29 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021, cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS623C).

O 21 de agosto de 2019 publicouse no número 157 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021 (cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020) (código de procedemento BS623C).

Esta orde ten por obxecto o establecemento e regulación da concesión de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.

Con data do 14 de marzo de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e con data do 18 de marzo de 2020, publícase o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

En Galicia aprobouse o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaban medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da COVID-19 (Diario Oficial de Galicia número 49-Bis, do 12 de marzo de 2020).

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, foi modificado polo Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de marzo de 2020, no relativo ás medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta á COVID-19 e polo Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de abril de 2020 no que respecta ás medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta á COVID-19.

O día 13 de xuño de 2020 publícase no número 115-Bis do Diario Oficial de Galicia o Decreto 90/2020, do 13 de xuño, polo que se declara a superación da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia da COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, por tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020. En consecuencia e de acordo co segundo punto deste decreto quedan sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma adoptadas polo Goberno do Estado e polas súas autoridades competentes delegadas na unidade territorial formada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante mantense a declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 e polo tanto serán aplicables, desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020, as medidas recollidas no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, publicado no Diario Oficial de Galicia número 115, do 13 de xuño de 2020, pola Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, nos termos indicados no dito acordo.

A autorización previa das bases reguladoras da Orde do 6 de agosto de 2019 por parte da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos foi emitida o 27.6.2019, polo que se fai necesario revisar os termos das bases reguladoras para que se poida garantir una adecuada realización dos programas previstos nelas.

O procedemento de concesión das subvencións xa foi resolto. As actuacións subvencionables dos anos 2020 e 2021 encóntranse en fase ou pendentes de execución. A primeira anualidade desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de novembro de 2020 e a segunda desde o 1 de decembro de 2020 ata o 30 de xuño de 2021.

Esta modificación da Orde do 6 de agosto ten por finalidade adaptar algúns aspectos recollidos na orde de convocatoria para adecuar a documentación xustificativa das prestacións subvencionables dos programas e servizos de inclusión establecidos no artigo 5, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, coas circunstancias xurdidas co motivo da situación de emerxencia sanitaria, polo que respecta ás anualidades 2020 e 2021, casos en que a dita situación non permitira que as actividades fosen impartidas na modalidade presencial ou incidira na dita documentación xustificativa.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021 cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS623C)

O artigo 23 da Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021 cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS623C), queda modificado como segue:

«Artigo 23. Forma de xustificación

1. A documentación necesaria para xustificar os programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana, inmigrante e persoas en situación ou risco de exclusión social previstos no artigo 4.1 será a seguinte:

a) Xustificación parcial das actuacións que se realizan durante todo o período subvencionable:

1º. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral: requirirá a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento da subvención no anexo VII.

1º.2. Declaración responsable para a fase de xustificación no anexo VIII.

1º.3. Memoria económica xustificativa no anexo IX.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade, nas cales conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada, reforzo educativo e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento parcial no anexo VII.

2º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

2º.3. Memoria económica xustificativa no anexo IX.

2º.4. Partes de asistencia das actuacións realizadas no período xustificado onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, no caso dos menores polo/a pai/nai ou titor/a, e o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade. Na anualidade 2020, tras a declaración do estado de alarma, se debido á situación de emerxencia sanitaria as actuacións se realizaron por medios telemáticos, presentaranse as follas de resumos mensuais asinados polo responsable da entidade e do/a traballador/a que realizou a actuación. Para a anualidade 2021 ata o remate dos proxectos, só procederá no caso da imposibilidade de actuación presencial no marco da crise de emerxencia sanitaria.

3º. No caso das actuacións de mediación social e intercultural e asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría:

3º.1. Solicitude de pagamento parcial no anexo VII.

3º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

3º.3. Memoria económica xustificativa no anexo IX.

3º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade.

4º. No caso das actuacións de inclusión residencial:

4º.1. Solicitude de pagamento parcial no anexo VII.

4º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

4º.3. Memoria económica xustificativa no anexo IX.

4º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade.

b) Xustificación para as actuacións finalizadas:

1º. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral: requirirá a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento no anexo VII.

1º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

1º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo IX.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade, no cal conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

1º.5. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Se as persoas atendidas acadasen todas as prestacións obrigatorias, achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo/a traballador/a e o/a beneficiario/a da prestación, de que a persoa realizou as prestacións obrigatorias. Exceptuarase a sinatura da persoa beneficiaria se por causas xustificadas motivadas pola emerxencia sanitaria esta non for posible. Para as persoas atendidas que non acadasen as prestacións obrigatorias, presentarase declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cubriron para cada un deles os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

1º.6. Para as actuacións dirixidas á atención de persoas sen fogar ou exclusión severa, presentarase certificado emitido por profesional competente acreditativo da situación.

1º.7. Memoria técnica do programa realizado segundo o guión do anexo X.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada, reforzo educativo e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento no anexo VII.

2º.2. Declaración responsable do anexo VIII.

2º.3. Memoria económica xustificativa do anexo IX.

2º.4. Declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cubriron para cada unha delas os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta declaración non é necesaria no caso do reforzo educativo.

2º.5. Partes de asistencia das actuacións onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, no caso dos menores polo/a pai/nai ou titor/a, o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade. Na anualidade 2020, tras a declaración do estado de alarma, se debido á situación de emerxencia sanitaria as actuacións se realizaron por medios telemáticos, presentaranse as follas de resumos mensuais asinados polo responsable da entidade e do traballador que realizou a actuación. No referente á anualidade 2021 e ata o remate dos proxectos, só procederá no caso da imposibilidade de actuación presencial no marco da crise de emerxencia sanitaria.

2º.6. Certificado de finalización da acción formativa.

2º.7. Memoria técnica do programa realizado segundo o guión do anexo X.

3º. No caso das actuacións de mediación intercultural e asesoramento técnico:

3º.1. Solicitude de pagamento no anexo VII.

3º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

3º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo IX.

3º.4. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo/a traballador/a e o/a beneficiario/a da prestación, de que a persoa realizou a prestación. Exceptuarase a sinatura da persoa beneficiaria se por causas xustificadas motivadas pola emerxencia sanitaria esta non for posible.

3º.5. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade.

3º.6. Memoria técnica do programa realizado segundo o guión do anexo X.

4º. No caso das actuacións de inclusión residencial.

4º.1. Solicitude de pagamento no anexo VII.

4º.2. Declaración responsable no anexo VIII.

4º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo IX.

4º.4. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo/a traballador/a e o/a beneficiario/a da prestación, de que a persoa realizou a prestación. Exceptuarase a sinatura da persoa beneficiaria se por causas xustificadas motivadas pola emerxencia sanitaria esta non for posible.

4º.5. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade.

4º.6. Memoria técnica do programa realizado segundo o guión do anexo X.

2. A documentación necesaria para xustificar os programas complementarios de educación e apoio familiar previstos no artigo 4.2 será a seguinte:

a) Xustificación parcial das actuacións que se realizan durante todo o período subvencionable:

1º. Solicitude de pagamento parcial no anexo VII.

2º. Declaración responsable no anexo VIII.

3º. Memoria económica e xustificativa no anexo IX.

4º. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado á actuación, asinado polo/a traballador/a e a entidade responsable.

b) Xustificación para as actuacións finalizadas:

1º. Solicitude de pagamento no anexo VII.

2º. Declaración responsable no anexo VIII.

3º. Memoria económica e xustificativa no anexo IX.

4º. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo/a traballador/a e o/a beneficiario/a da prestación, no caso dos menores polo/a pai/nai ou titor/a, de que a persoa realizou a prestación. Exceptuarase a sinatura da persoa beneficiaria se por causas xustificadas motivadas pola emerxencia sanitaria esta non for posible.

5º. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado á actuación, asinado polo/a traballador/a e a entidade responsable.

6º. Memoria da actuación rematada no anexo X.

3. Para homoxeneizar a documentación xustificativa, toda a documentación debe presentarse obrigatoriamente segundo os modelos dispoñibles a través da páxina web da Consellería de Política Social, excepto aqueles que poidan extraerse da plataforma informática».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non reabre un novo prazo de presentación de solicitudes posto que só adapta a documentación xustificativa tras a declaración do estado de alarma e naqueles casos en que a situación de emerxencia sanitaria nas anualidades 2020 e 2021 non permitise que as actividades fosen impartidas na modalidade presencial ou incidise na dita documentación xustificativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social