Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 9 de novembro de 2020 Páx. 44450

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2020 pola que se dá publicidade á resolución pola que se conceden as axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables, denominadas bono social térmico.

O Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro de 2019, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, creou un programa de concesión directa de axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables, denominado bono social térmico. De acordo co artigo 8 do citado real decreto lei, en cada exercicio serán beneficiarios/as do bono social térmico aqueles consumidores que sexan beneficiarios/as do bono social de electricidade previsto no artigo 45 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o 31 de decembro do ano anterior.

A contía que percibirá cada beneficiario determínase atendendo ao seu grao de vulnerabilidade segundo o define a norma reguladora do bono social eléctrico, así como á zona climática en que se localice a vivenda en que se atope empadroado, todo iso en aplicación da metodoloxía determinada no anexo I do Real decreto lei 15/2018.

De conformidade co establecido no referido real decreto lei, a xestión e o pagamento das axudas correspóndelles ás comunidades autónomas e ás cidades con estatuto de autonomía. Pola súa parte, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico calcula a distribución territorial do orzamento e transfire os importes ás administracións competentes para o seu pagamento, xunto coa información dos/das beneficiarios/as e os importes que lles corresponden.

O artigo 10.3 do real decreto lei establece que as comunidades autónomas e as cidades con estatuto de autonomía realizaran o pagamento da axuda ós/ás beneficiarios/as durante o primeiro trimestre do ano.

En virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, polo que se atrasou a recepción dos fondos destinados aos/ás beneficiarios/as do bono social térmico e o Inega recibiu o 11 de setembro de 2020 o importe de 6.340.546,96 euros, correspondentes a 87.076 persoas con dereito á percepción do bono social térmico en Galicia, quedando así limitadas as posibilidades da comunidade autónoma de xestionar o traslado dos importes do bono social térmico aos/ás beneficiarios/as finais cumprindo co prazo establecido no artigo 10.3 do real decreto lei.

O Inega realizará o pagamento da axuda outorgada con cargo ao orzamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica, garantindo, en todo caso, a posibilidade de renunciar á axuda por parte dos/das beneficiarios/as que así o soliciten.

O Inega comunicaraselles aos/ás beneficiarios/as do bono social térmico 2020 en Galicia, mediante correo postal individualizado, a concesión desta axuda, e en virtude do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de resolución de concesión de subvencións poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal). Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade das axudas outorgadas.

De acordo con todo o anterior, dentro do prazo fixado na norma reguladora da convocatoria, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución do 21 de outubro de 2020 pola que se conceden as axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables denominadas bono social térmico, sobre a base do Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores (BOE núm. 242, do 6 de outubro de 2018) na páxina www.inega.gal ou http://www.inega.gal/eficienciaenerxetica/bonosocialtermico.html

Na publicación aparecen diferenciadas a listaxe de beneficiarios/as de bono social térmico con documentación completa e a listaxe de beneficiarios/as do bono social térmico que teñen que comunicar determinados datos ao Inega para poder percibir a axuda.

Segundo. Nos casos de falta de datos deberase comunicar ao Inega, no prazo de dez (10) días hábiles (excluíndo do cómputo sábados, domingos e festivos) contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia a seguinte documentación, segundo proceda:

1. O número da conta bancaria ou da persoa autorizada para proceder ao cobramento da axuda. Deberá remitirse copia do DNI do titular da conta se non coincide co/coa beneficiario/a.

2. O DNI do/da beneficiario/a da axuda.

3. No caso de que se desexe renunciar á axuda, remitir escrito de renuncia.

Terceiro. Poderase comunicar a renuncia, consultar e corrixir os datos, ou comunicar os datos pendentes a través dun dos seguintes medios:

Formulario electrónico accesible desde ordenador, teléfono móbil ou tablet no seguinte enderezo https://appsinega.xunta.es/bonosocialtermico indicando o DNI e o código de referencia que se comunicou individualmente por correo postal. Se non se dispón dos medios necesarios pode acudir aos puntos de acceso público, á internet ou aos servizos sociais do respectivo concello.

Presentando o escrito de renuncia que se lle comunicou individualmente por correo postal, dirixido ao Instituto Enerxético de Galicia, rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, 15707 Santiago de Compostela, en calquera rexistro das administracións públicas ou oficina de Correos.

Para obter más información sobre o bono térmico, pode acceder á web do Inega http://inega.xunta.gal ou chamar ao 981 55 49 13.

Cuarto. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia