Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 12 de novembro de 2020 Páx. 44889

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 4 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT814A).

O día 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos da Rede Natura 2000 ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000.

O artigo 21.7 establece que a notificación do remate das accións correspondentes á anualidade 2020, xunto coa solicitude de pagamento da axuda, deberá xustificarse con data límite do 1 de setembro.

O 21 de agosto de 2020, mediante a Orde do 17 de agosto de 2020 (DOG núm. 169, do 21 de agosto), ampliouse este prazo ata o 30 de outubro, así como o prazo para resolver estas axudas que pasou de cinco a seis meses.

Así mesmo, o 21 de outubro de 2020 publicouse a Orde do 16 de outubro de 2020 (DOG núm. 212, do 21 de outubro) coa que se volveu ampliar o prazo de xustificación da anualidade 2020 ata o 16 de novembro dese mesmo ano.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do coronavirus COVID-19 non mellora, polo que o 25 de outubro se declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional a través do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. O estado de alarma ten vixencia ata o 9 de maio de 2021.

Conforme ao artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma a autoridade competente será o Goberno da Nación. Non obstante, en cada comunidade autónoma e cidade con Estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con Estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto.

Ao abeiro deste real decreto publícase o Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria. Neste decreto recóllese a limitación na entrada e saída de persoas en numerosos concellos galegos, o que, sumado aos problemas loxísticos, maiores tempos de entrega por parte de provedores e problemas de stock asociados ao período do ano en que nos atopamos, fai aínda máis complexa a contratación e execución en prazo destas axudas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación do artigo 21.7 da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 21.7, que queda redactado como segue: «A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberá xustificarse con data límite do 31 de decembro de 2020 para a anualidade do ano 2020 e do 31 de marzo de 2021 para a anualidade do ano 2021. Estes prazos serán, en todo caso, improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda