Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 13 de novembro de 2020 Páx. 45099

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo de inscrición de aspirantes nas listas de selección temporal de persoal estatutario da categoría de celador/a, polo sistema de acceso reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

No Pacto publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño de 2016, regúlase o procedemento de selección, a través de listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Co obxecto de avanzar na integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade, iniciado co acceso a postos de persoal estatutario fixo, e logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 18 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde,

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar o prazo de inscrición nas listas de selección temporal de persoal estatutario da categoría de celador/a, polo sistema de acceso reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Segundo. A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño) e consonte as bases e baremo de méritos contidos no anexo desta resolución.

Terceiro. A xestión de chamamentos para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais efectuarase consonte o disposto no citado pacto, coas especificidades que se indican no anexo desta resolución.

Cuarto. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

Contra a mesma poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Bases

Primeira. Requisitos de participación

Poderán inscribirse nas listas de selección temporal, polo sistema de acceso reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, as persoas interesadas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/das españois e dos/das nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos/das nacionais dalgún Estado a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: requírese estar en posesión de certificado de escolaridade ou equivalente.

f) Ademais dos requisitos anteriores, as persoas que se inscriban nestas listas deberán acreditar unha discapacidade intelectual e o grao de discapacidade global recoñecido deberá ser igual ou superior ao trinta e tres por cento.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. As persoas interesadas que desexen inscribirse nas listas de selección temporal deberán cubrir unha solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e/sección de procesos) a que se accederá a través da páxina web (www.sergas.es), na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 92, do 15 de maio).

2.2. A solicitude dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario de inscrición e logo de formalizada electronicamente deberá presentarse por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De optar polo rexistro electrónico da solicitude requirirase un certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

2.3. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou rascadura no formulario de inscrición así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.4. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. Non obstante, e dentro do prazo de presentación de instancias, admitiranse as renuncias á inscrición así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

2.5. Nos diversos centros de xestión do organismo facilitarase ás persoas interesadas a información e o apoio administrativo necesarios para a presentación da solicitude.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. As listas terán ámbito autonómico. Non obstante, o/a aspirante poderá seleccionar o/os distrito/s, de entre todos os que figuren no formulario electrónico de inscrición, en que solicita prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningún, entenderase que opta por calquera deles.

3.2. A inscrición na presente lista será compatible coa inscrición na lista de celador/a, polo sistema xeral de acceso.

Aquelas persoas aspirantes que figuren admitidas nas listas xerais da mesma categoría e reúnan os requisitos para inscribirse na lista polo sistema de acceso reservado a persoas con discapacidade intelectual poderán efectuar a inscrición nesta última, no prazo que se indica na base quinta.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

Disposicións xerais:

4.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso a Fides/expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

4.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base quinta, de non telo efectuado con anterioridade; suposto no cal non se terá que achegar novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e presentarse en rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos que se indican na base 2.2.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, rexistrasen no sistema informático Fides/expedient-e os seus requisitos e méritos sen que tivesen presentado a documentación correspondente deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base quinta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houbera lugar.

4.6. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas non será tido en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/expedient-e na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes non serán obxecto de valoración neste proceso.

Disposicións específicas:

4.7. Titulación: este requisito acreditarase mediante fotocopia compulsada do certificado de estudos primarios, certificado de escolaridade, libro de escolaridade. En ausencia do anterior, un certificado do centro educativo acreditativo de que a persoa estivo escolarizada durante os anos correspondentes á escolaridade obrigatoria.

Deberá presentarse tradución xurada daqueles títulos que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberá presentarse ademais o documento que acredite fidedignamente a súa homologación e recoñecemento, respectivamente.

4.8. Discapacidade intelectual: para a acreditación deste requisito o/a aspirante deberá presentar copia compulsada do documento oficial polo que se lle recoñeza a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento e do ditame técnico facultativo que acredite o recoñecemento dunha discapacidade intelectual.

Aquelas persoas aspirantes que fosen admitidas pola quenda de discapacidade intelectual no proceso de selección fixa para o acceso á categoría de celador, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 51, do 13 de marzo) están exentas da presentación desta documentación.

4.9. Non será necesaria a acreditación documental do cumprimento dos seguintes méritos:

– A puntuación obtida nos procesos selectivos convocados polo Servizo Galego de Saúde para o acceso á categoría de celador/a, pola quenda reservada a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

– A información que conste validada no sistema de información Fides/expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

Quinta. Prazo de inscrición

5.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o día 16 de novembro de 2020 ata o 15 de decembro de 2020, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 30 de novembro de 2020, que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición terá carácter aberto e permanente e se procederá á súa actualización anual nos termos do disposto na epígrafe II.4.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Sexta. Procedemento de elaboración de listas

6.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal elaboraranse de conformidade co previsto no punto II do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

6.2. A orde de prelación dos/das aspirantes virá determinada pola maior das puntuacións globais obtidas na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos, de ser o caso, polo Servizo Galego de Saúde na categoría de celador, quenda de discapacidade intelectual, con independencia da superación ou non desta fase, máis a puntuación da experiencia profesional e formación, de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo da mesma categoría e quenda.

6.3. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático Fides/expedient-e/, a que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

6.4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo de anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa asignación ás primeiras da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable.

6.5. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación perante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

6.6. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as e que farán públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

Sétima. Baremo de méritos

7.1 De conformidade co previsto na epígrafe II.4.6 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, o baremo de aplicación é o correspondente á última convocatoria para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de celador/a, quenda de discapacidade intelectual, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo de 2018.

7.2. Tal e como establece a norma II.3.2 do Pacto vixente, no suposto de que na data do 31 de outubro de cada ano se tivese publicado, logo de negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo para os procesos de selección fixa desta categoría e quenda, a valoración de méritos efectuarase consonte este último baremo.

Oitava. Xestión de chamamentos

8.1. Proveranse por esta lista as necesidades de cobertura temporal daqueles postos reservados para a súa ocupación por persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

8.2 O chamamento para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais efectuarase en primeiro lugar, por orde de prelación, entre os/as aspirantes que tivesen seleccionado como distrito sanitario de opción preferente aquel en que se produce a necesidade da concreta vinculación. Na segunda volta, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada pola persoa aspirante.

8.3. Procurarase que o chamamento das persoas aspirantes se efectúe cunha antelación mínima de sete días ao inicio da vinculación.

8.4. A renuncia por un/unha aspirante desta lista a un nomeamento fóra da súa localidade de residencia habitual non dará lugar a ningún tipo de penalización.

8.5. Ás persoas aspirantes que figuren admitidas na lista de selección temporal da categoría de celador, polo sistema xeral de acceso e que estean vinculadas por un nomeamento de longa duración formalizado pola lista de aspirantes con discapacidade intelectual, ofertaránselles os vínculos de longa duración que lles puideran corresponder segundo a súa prelación na lista xeral.

Novena. Entrada en vigor das listas

9.1. As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos/das aspirantes admitidos/as.

9.2. A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).