Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Martes, 17 de novembro de 2020 Páx. 45374

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia para paliar as dificultades de comercialización ocasionadas como consecuencia da pandemia de COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209M).

O 19 de marzo de 2020, a Comisión Europea adoptou a comunicación titulada «Marco Temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19» [C(2020) 1863], que foi obxecto de modificacións posteriores (C(2020) 2215 e C(2020) 3156, adoptadas o 3 de abril de 2020 e o 8 de maio de 2020 (en diante, «o Marco temporal»), que faculta a que os Estados membros para concederen temporalmente cantidades limitadas de axuda en forma de subvencións directas, anticipos reembolsables ou vantaxes fiscais, garantía de préstamos ou tipos de xuro subvencionados para os préstamos, ás empresas como consecuencia da pandemia producida polo coronavirus SARS-CoV-2.

Ao abeiro do citado Marco temporal, as autoridades nacionais comunicaron á Comisión o réxime de axudas denominado Marco nacional temporal, relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, que foi aprobado mediante a Decisión C(2020) 2154, que ampara as axudas previstas nesta orde.

O importe máximo por empresa do sector da pesca e a acuicultura será de 120.000 euros e os beneficiarios poden ser empresas que se enfronten a dificultades económicas e financeiras como consecuencia da pandemia do virus. As axudas previstas no presente Marco temporal poden concederse ata o 31 de decembro de 2020.

A Consellería do Mar analizou coas entidades asociativas o impacto da crise económica derivada da situación sanitaria actual nas empresas autorizadas para primeira venda de pesca conxelada e detectou unha importante perda no estrato de palangre de superficie. En concreto, a frota de palangre de superficie que conta con autorización de primeira venda para conxelado é a única de toda a frota conxeladora galega que sufriu perdas entre o 1 de febreiro de 2020 e o 31 de agosto de 2020, cunha diminución da facturación nun importe superior ao 13 % en relación coa media dos tres últimos anos. Isto ten a súa explicación polo feito de que esta frota, por un lado, ten bastante dependencia do canal Horeca no que se refire ás vendas en España e, sobre todo, porque o groso da súa produción vai cara ao exterior, tanto ao mercado italiano (un dos máis afectados pola pandemia de COVID-19) como ao asiático (en particular, o chinés). Polo tanto, é obvio que o peche de fronteiras dificultou en gran maneira a comercialización dos produtos pesqueiros desta frota. Todo isto fai que se deba atender a necesidade de articular axudas para a compensación das dificultades encontradas na venda de produtos da pesca conxelados capturados pola frota de palangre de superficie, como consecuencia da pandemia de COVID-19, que dificultou a saída ao mercado exterior (o propio desta frota) das súas capturas, así como o establecemento do estado de alarma a través do Real decreto 463/2020, que supuxo o peche do coñecido como canal Horeca, destinatario tamén dos produtos subministrados por esta frota.

Debido a esta situación excepcional, deben adoptarse medidas de urxencia de carácter conxuntural que permitan paliar estes efectos. Estas axudas están dirixidas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia que mantiveron a súa actividade pola dificultade da saída ou venda dos seus produtos, como consecuencia das dificultades xeradas pola pandemia de COVID-19 e o establecemento do estado de alarma.

Ante esta situación, é necesario publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a súa concesión e realizar a correspondente convocatoria.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería do Mar en materia de comercialización de produtos da pesca, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde, con código de procedemento PE209M, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión e a convocatoria para 2020 de axudas destinadas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia e con autorización de primeira venda de produto pesqueiro conxelado, para axudalas a paliar as dificultades pola comercialización dos seus produtos como consecuencia da pandemia de COVID-19, así como do estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas.

2. A finalidade destas axudas é apoiar estas empresas armadoras que están a ter dificultades na venda dos seus produtos pesqueiros ou se enfrontan a unha falta de liquidez ou outros prexuízos significativos a raíz do brote de COVID-19.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificación de tipos de xuro en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I), notificado o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020 (C(2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no devandito Marco compatibles co mercado interior.

4. Estas axudas ampáranse no número 3 do Marco nacional temporal I, relativo á concesión de axudas en forma de subvencións directas.

5. Estas axudas non afectan ningunha das categorías de axuda a que fai referencia o artigo 1.1, letras a) a k), do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión (axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura).

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea; a Comunicación C(2020) 1863 pola que se prevén axudas temporais aos Estados membros da Unión Europea para soporte das economías dos Estados membros como consecuencia da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, e modificacións; a Decisión C(2020) 2154 da Comisión pola que se autoriza o Marco nacional temporal de axudas para apoiar a economía pola epidemia de COVID-19; o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar en caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

2. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. A concesión das axudas mencionadas realizarase con cargo aos créditos do orzamento da Consellería do Mar nun 100 % e estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

4. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.773.0, dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, cuxo importe máximo é de 3.000.000 de euros.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas armadoras de buques pesqueiros (3ª lista) do Censo unificado de palangre de superficie que conten con autorización de primeira venda de produtos da pesca conxelada emitida pola consellería con competencias en pesca da Xunta de Galicia, con domicilio social en Galicia e que figuren inscritas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Para ter a condición de persoa beneficiaria, desde o 1 de febreiro de 2020 ata a actualidade a embarcación debeu ter porto base en Galicia e a persoa armadora solicitante debeu manter a súa explotación comercial polo menos durante ese período. Do mesmo modo, nalgún dos tres últimos exercicios, 2017, 2018 e 2019, deben existir comunicacións das notas de primeira venda de produtos pesqueiros conxelados da embarcación aos sistemas informáticos que a Consellería con competencias en pesca pon á disposición do sector para tales efectos.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) O buque pesqueiro deberá ter exercido a actividade pesqueira desde o 1 de febreiro de 2020.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

c) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non ser unha empresa en crise en 31 de decembro de 2019 de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

e) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade, en particular, a autorización de primeira venda de produtos da pesca conxelada emitida pola consellería con competencias en pesca da Xunta de Galicia.

f) O buque debe estar inscrito no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, na clave 12, Peixe, crustáceos, moluscos e derivados, actividade específica de buque conxelador.

g) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

c) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público coma privado. En especial, deberá declarar por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos custos subvencionables que, en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario, recibise durante o exercicio fiscal en curso.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A contía da subvención será de 25.000 euros por buque, sen que en ningún caso poida superar cada empresa armadora solicitante os 120.000 euros segundo o establecido na letra a) do punto 23 do Marco temporal para medidas de axuda estatal para apoiar a economía no brote actual de COVID-19 (C(2020) 1863 final), salvo nos casos establecidos no artigo 8.4 da presente orde, nos cales se procederá segundo o alí establecido.

2. En aplicación dos artigos 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e 55.1 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, non se establece unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando o crédito consignado na convocatoria sexa suficiente, atendendo ao número de subvencións.

3. No caso de que o crédito orzamentario non sexa suficiente para atender todas as solicitudes que cumpran os requisitos, axustaranse as contías a pro rata entre todas as persoas beneficiarias.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

1. De conformidade co previsto no Marco nacional temporal, as axudas concedidas ao abeiro desta orde son compatibles con calquera outra que, tendo o mesmo fin, poida ser outorgada por calquera outra entidade pública ou privada, agás a paralización temporal para o período de referencia indicado.

2. Cando a axuda concedida ao abeiro desta orde se acumule con outra axuda compatible relativa aos mesmos gastos subvencionables, dada por esta ou outra autoridade competente, conforme este mesmo réxime (Marco nacional temporal), respectaranse os importes de axuda máxima establecidos na Comunicación da Comisión [C(2020) 1863] e modificacións posteriores.

3. Será incompatible coa prestación extraordinaria por cesamento de actividade para os afectados pola declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como outras prestacións ou axudas obtidas polo mesmo motivo, incluídas as paradas temporais con motivo do COVID-19 pagadas con cargo a FEMP polo mesmo período.

4. Esta axuda será compatible coas tramitadas e concedidas ao abeiro da Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia e ás persoas redeiras para compensar a perda de ingresos como consecuencia da pandemia de COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, código de procedemento PE209K (DOG núm. 137, do 10 de xullo), sempre e cando o cómputo da axuda concedida ao abeiro da mencionada orde sexa inferior á axuda prevista na presente convocatoria, isto é, 25.000 euros por buque e 120.000 por empresa armadora.

De ser o caso, a persoa solicitante deberá comunicalo a través da declaración responsable establecida no anexo III e a contía correspondente con cargo á presente orde será calculada detraendo da cantidade por embarcación, considerada no artigo 7, 25.000 euros, a xa concedida con base no procedemento PE209K, que será consultada á unidade instrutora correspondente.

A cantidade resultante non poderá supoñer a superación de 120.000 euros por empresa armadora en ningún caso.

Artigo 9. Forma de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II da presente orde.

Artigo 10. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Anexo II de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, cando proceda.

b) Anexo III de declaración responsable doutras axudas e respecto ao cumprimento dos requisitos exixidos na presente orde, en especial no relativo ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5, letras a) a e), respecto á veracidade de todos os documentos presentados e que dispón de documentación que así o acredita e que a poñerá á disposición da Administración cando lle sexa requirida. Así mesmo, esta declaración responsable incluirá na data as comunicacións establecidas nas letras c) e d) do artigo 6.

c) Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas, se é o caso, ou anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso. Neste anexo IV deberase especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros.

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá constar na solicitude a lista completa de persoas interesadas que a formulen, segundo este modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

d) No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica, deberá ademais presentar:

1) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

2) Poder suficiente do representante, en caso de que tal poder non figure nos estatutos.

e) No caso de que o solicitante sexa unha pluralidade de persoas, para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes e, de ser o caso, deberán presentar a escritura de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica.

f) Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación da solicitude, sen prexuízo de achegar a folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. En caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.

b) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

h) Consulta de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

i) Consulta das sancións firmes pendentes de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, de cada persoa solicitante

j) Consulta sobre a inclusión da embarcación no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia e Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

k) Consulta sobre a autorización de primeira venda de conxelado do buque de referencia.

l) Consulta sobre a inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos do buque en cuestión.

m) Informe do Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, onde se faga constar a existencia de comunicacións de notas de primeira venda de produtos pesqueiros conxelados nalgún dos tres últimos exercicios, 2017, 2018 e 2019, da embarcación aos sistemas Informáticos que a consellería con competencias en pesca pon á disposición do sector para tales efectos.

n) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, se é o caso. En particular, de ser o caso, solicitarase información sobre os importes con base no procedemento PE209K.

ñ) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

o) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. Estas axudas concederanse de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación e eficacia e eficiencia establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Instrución das solicitudes.

a) O Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

b) Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá presentarse electronicamente. No caso da súa presentación presencial requirirase o interesado para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a corrección

c) Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

d) Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

e) Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de selección.

3. Selección.

3.1. Os expedientes que cumpran os requisitos para ser beneficiarios e teñan a documentación completa pasarán a unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3.2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente/a e a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Mercados.

3.3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

3.4. As reunións da comisión de selección poderán realizarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

3.5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

3.6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos ou internos.

3.7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo en caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

3.8. Cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias, o órgano instrutor determinará a asignación do orzamento dispoñible mediante pro rata do importe global máximo destinado ás subvencións na respectiva convocatoria entre todas as solicitudes, conforme dispón o artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.9. Os documentos, informes e certificados que sirvan para a avaliación das solicitudes formarán parte do expediente das axudas.

3.10. A comisión de selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

3.11. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención proposto para cada un deles.

3.12. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Resolución e aceptación

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de dous (2) meses, e a data límite de concesión é o 31 de decembro de 2020. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto e a contía da subvención individualizada.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicada enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación de resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que os beneficiarios non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres beneficiario non se ache ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga cando caduque a validez das certificacións comprobadas coa solicitude.

4. O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.

Artigo 20. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74, 75 e 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no devandito artigo, de ser o caso.

Disposición adicional primeira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file