Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Martes, 17 de novembro de 2020 Páx. 45407

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 11 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia para paliar as dificultades de comercialización ocasionadas como consecuencia da pandemia de COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209M).

BDNS (Identif.): 533035.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases as persoas armadoras de buques pesqueiros (3ª lista) do Censo unificado de palangre de superficie que conten con autorización de primeira venda de produtos da pesca conxelada emitida pola consellería con competencias en pesca da Xunta de Galicia, con domicilio social en Galicia e que figuren inscritas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Para ter a condición de persoa beneficiaria, desde o 1 de febreiro de 2020 ata a actualidade a embarcación debeu ter porto base en Galicia e a persoa armadora solicitante debeu manter a súa explotación comercial polo menos durante ese período. Do mesmo modo, nalgún dos tres últimos exercicios, 2017, 2018 e 2019, deben existir comunicacións das notas de primeira venda de produtos pesqueiros conxelados da embarcación aos sistemas informáticos que a consellería con competencias en pesca pon á disposición do sector para tales efectos.

Segundo. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE209M, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión e a convocatoria para 2020 de axudas destinadas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia e con autorización de primeira venda de produto pesqueiro conxelado, para axudalas a paliar as dificultades pola comercialización dos seus produtos como consecuencia da pandemia de COVID-19, así como do estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas armadoras de buques pesqueiros conxeladores do Censo unificado de palangre de superficie con porto base en Galicia para paliar as dificultades de comercialización ocasionadas como consecuencia da pandemia de COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209M).

Cuarto. Contía

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.773.0, dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, cuxo importe máximo é 3.000.000 de euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar