Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 20 de novembro de 2020 Páx. 45936

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas excepcionais acordadas na mesa sectorial de negociación, para a execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou a todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da Comunidade Autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade ao abeiro do disposto no punto sexto do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Ao abeiro do marco normativo do estado de alarma ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria. Estas medidas, consistentes en limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, deben ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Así, con fundamento no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria en Galicia, ditouse a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na dita orde recóllense medidas de prevención específicas para o territorio autonómico sobre a base do indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de novembro de 2020, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, e con fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En concreto, por un lado, mantivéronse as medidas de prevención específicas que contiña a Orde do 21 de outubro de 2020 para o territorio autonómico, ben que adaptadas, no procedente, ao novo límite numérico das agrupacións de persoas que recolleu o Decreto 179/2020, do 4 de novembro. Estas medidas consisten fundamentalmente no peche de festas, verbenas, outros eventos populares e atraccións de feiras, así como en limitacións de capacidade para determinadas actividades; medidas necesarias tendo en conta a natureza de tales actividades e os riscos asociados a elas, ao terse revelado, na experiencia acumulada ata o momento na xestión de abrochos, como medidas eficaces de contención e control da transmisión da enfermidade, ao permitir, en especial, evitar aglomeracións e favorecer o cumprimento das medidas de distanciamento interpersoal.

E, por outro lado, a Orde do 4 de novembro de 2020 recolle, nos seus anexos II e III, medidas máis restritivas para certos ámbitos territoriais, tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable de determinados concellos. Trátase de medidas máis restritivas que teñen mostrado a súa eficacia na xestión de abrochos de especial gravidade e que consisten en limitacións máis estrictas da capacidade para o desenvolvemento de certas actividades e no peche temporal de actividades non esenciais. En particular, trátase esta última dunha medida temporal, de carácter localizado, ao afectar só os territorios cunha situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable ou con forte interrelación con tales concellos, e limitada a certas actividades non esenciais relacionadas co lecer e con actividades recreativas, que constitúe unha medida adicional a outras como a relativa á limitación de agrupacións ás constituídas só por persoas conviventes contida no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, tendente a restrinxir aínda máis os contactos sociais, ao seren estes unha das principais fontes de contaxio.

Conforme se indica no número 4 do punto segundo da orde, neses ámbitos territoriais serán de aplicación as ditas medidas máis restritivas, contidas nos anexos II e III, e, no que sexa compatible con elas, as previstas no anexo I para todo o territorio autonómico.

Finalmente, respecto da duración das medidas contidas na orde, conforme o seu punto cuarto, a eficacia das medidas estenderase ata as 15.00 horas do 4 de decembro de 2020. Non obstante o anterior, serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas antes do transcurso do período indicado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

A Orde do 4 de novembro de 2020 foi obxecto de modificación polas Ordes do 8 de novembro de 2020 (que deu nova redacción ao último parágrafo do punto III.2.5 do anexo III) e pola Orde do 9 de novembro de 2020 (que modificou o número 3.25 do anexo I).

III

O exercicio das competencias que en materia de persoal corresponden á Consellería de Sanidade non resulta alleo á situación de emerxencia sanitaria anteriormente descrita, polo que cómpre adoptar medidas específicas para garantir o exercicio daquelas competencias e dos compromisos asumidos no seo da Mesa Sectorial en materia de concurso de traslados de persoal estatutario.

Así, neste marco de medidas excepcionais basadas na situación epidemiolóxica, procede publicar, para xeral coñecemento e efectividade, o recente Acordo da Mesa Sectorial sobre medidas excepcionais de execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020.

A evolución da situación sanitaria derivada da pandemia COVID-19 cun incremento da presión asistencial nos centros sanitarios, unha diminución dos efectivos dispoñibles nas listas de selección temporal e importantes restricións na mobilidade, require a adopción dunha serie de medidas na execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020, que sen menoscabar o dereito á mobilidade voluntaria dos/das profesionais, facilitando a conciliación da súa vida laboral e familiar, permita dar resposta ás necesidades asistenciais e non interfira na actividade e funcionamento dos centros sanitarios e as súas distintas unidades.

O Acordo sobre medidas excepcionais de execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020, adoptado o 13 de novembro de 2020 na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario polos representantes da Administración sanitaria e a totalidade das organizacións sindicais representadas na mesma (CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT) contén medidas excepcionais de execución do concurso de traslados (ano 2020).

Tales medidas, excepcionais, respecto da regulación xeral de incorporación aos destinos obtidos logo da participación nun concurso de traslados, recollidas na Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario, contéñense tamén na presente orde.

Na súa virtude, de conformidade coas atribucións conferidas no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de plazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, no artigo 4 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e no punto sexto do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Constitúe o obxecto da presente orde a aplicación das medidas excepcionais de execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020, de conformidade co acordo acadado o 13 de novembro de 2020 na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario polos representantes da Administración sanitaria e a totalidade das organizacións sindicais representadas nesta.

Segundo. Cesamento no centro de orixe

Cando as necesidades do servizo así o permitan, o cesamento dos profesionais no destino de orixe efectuarase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva do concurso.

As xerencias dos centros sanitarios poderán diferir o cesamento dos/das profesionais daqueles centros ou unidades que, por necesidades do servizo e organizativas, dada a evolución epidemiolóxica da pandemia, deban permanecer nos seus destinos de orixe.

Neste suposto, o cesamento diferirase ata que a evolución da situación sanitaria o permita e se asegure a dispoñibilidade de efectivos suficientes para dar adecuada resposta ás necesidades asistenciais no centro ou unidade en cuestión e sen que tal cesamento poida diferirse máis alá da vixencia do estado de alarma.

Terceiro. Incorporación á prestación de servizos no destino adxudicado

Por mor da situación de emerxencia sanitaria e co obxecto de dar adecuada resposta ás excepcionais necesidades asistenciais, é preciso suspender os prazos posesorios previstos no punto noveno da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 20 de novembro de 2017, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario. En consecuencia, a incorporación dos/das profesionais á prestación de servizos no destino adxudicado deberá efectuarse o día seguinte ao do seu cesamento, agás naqueles supostos nos que razóns organizativas e asistenciais, apreciadas polas respectivas xerencias, permitan o seu desfrute, total ou parcialmente, a partir do día seguinte ao de cesamento.

Nos supostos nos que tal desfrute non se poida efectuar a partir da data indicada poderá facerse efectivo no que resta do ano 2020 ou ao longo do ano 2021, garantida a dispoñibilidade de efectivos e cubertas as necesidades asistenciais dos centros.

O día seguinte ao do cesamento terá para todos os efectos a consideración de prazo posesorio.

Cuarto. Efectos administrativos da alta no centro adxudicado nos supostos de cesamento diferido por necesidades asistenciais

Os/as profesionais que obteñen destino neste concurso de traslados, e veñan obrigados a diferir o seu cesamento no centro de orixe por necesidades asistenciais serán dados de alta para efectos administrativos no novo destino adxudicado o segundo día seguinte ao da publicación, no Diario Oficial de Galicia, da resolución definitiva do concurso.

Quinto. Medida excepcional de mobilidade xeográfica

Con base na normativa xeral e a ditada de forma expresa para a situación de crise sanitaria, os/as directores/as ou xerentes dos centros sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, durante a vixencia do estado de alarma, poderán requirir de calquera dos/das profesionais que resultase adxudicatario/a de destino neste concurso de traslados e se tivese incorporado á prestación de servizos no centro adxudicado, o regreso ao seu destino de orixe para a prestación de servizos neste, con carácter transitorio, cando razóns imperativas da organización sanitaria así o demanden.

O persoal afectado por esta medida de mobilidade percibirá os gastos de desprazamento nos termos previstos na normativa reguladora das indemnizacións por razóns de servizo.

Sexto. Comunicación das medidas

As resolucións polas que se acorde diferir o cesamento ou se adopte a medida de mobilidade xeográfica prevista no punto quinto deberán ser debidamente motivadas e notificadas individualmente a cada traballador/a afectado/a.

Informarase a comisión de centro do respectivo ámbito (ou órgano de representación de persoal que corresponda) das resolucións que se adopten sobre ambas cuestións.

Sétimo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade