Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 27 de novembro de 2020 Páx. 46856

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020.

Os contidos desta presente orde están enmarcados no establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20+ para o emprego. Ten por obxecto que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, polo que cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega e sostemento dos negocios, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar o mantemento do emprego das microempresas e a hostalaría de Galicia como axentes dinamizadores da economía na comunidade autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as microempresas e traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo xa establecidos.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, estas medidas trouxeron consigo a maior crise económica coñecida. Moitas microempresas e persoas traballadoras con persoal contratado ao seu cargo pertencen aos sectores máis afectados pola COVID-19 e estiveron ou están afectados por un ERTE desde a declaración do estado de alarma.

Esta orde regula dous programas de axudas. Por unha banda, as axudas do Programa I teñen por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia que desenvolven a súa actividade económica nos sectores máis afectados pola COVID-19 e estivesen ou estean afectadas por un ERTE desde a declaración do estado de alarma, como elementos esenciais do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo desde xeito á reconstrución da nosa sociedade na era postCOVID. Por outra banda, as axudas do Programa II teñen por obxecto o apoio ao sector da hostalaría, cuxos negocios quedaron afectado polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Esta convocatoria de axudas ten dous programas:

– Programa I microempresas: axudas as microempresas, persoas traballadoras autónomas con persoal a cargo e negocios de sectores especialmente paralizados. Este programa ten carácter plurianual e está financiado con 37.000.000 €, con cargo aos fondos finalistas e propios , dentro dos cales 2.000.000 € están reservados a aquelas pemes pertencentes a sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada.

– Programa II hostalaría: axudas ao sector da hostalaría cun orzamento de 17.000.000 €, con cargo aos fondos finalistas e propios do Estado e fondos propios.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e unha vez autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das seguintes axudas: para o mantemento do emprego e da actividade económica das persoas traballadoras autónomas e das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 a través de dous programas:

Programa I de apoio a microempresas para o mantemento do emprego e da actividade económica (TR400B).

Programa II de apoio ao sector da hostalaría (TR400C).

2. Por medio desta orde procédese a súa convocatoria.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ano 2020; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Subvencións baixo a condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Definicións

Terán a consideración de pemes ou de microempresas aquelas empresas que cumpren os criterios recollidos no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (en diante, Regulamento de exención por categorías, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea L 187/1, do 26 de xuño de 2014), sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Teñen a consideración de peme as empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros, ou ben, cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros. Teñen a consideración de microempresa aquelas empresa que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os dous millóns de euros.

Artigo 6. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Programa I. Microempresas.

Para as anualidades 2020 e 2021 ten un orzamento de 37.000.000 €, que se financiarán con cargo aos créditos previstos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, no programa de gasto da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social 322C, código de proxecto 2020 00110, e coa seguinte distribución:

Aplicación

Proxecto

Importe anual do crédito

Total convocatoria

2020

2021

09.40.322C 470.8

2020 00110

17.500.000 €

17.500.000 €

35.000.000 €

09.40.322C 470.10

2020 00110

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

b) Programa II. Hostalaría.

O orzamento para 2020 é de 17.000.000 €, no programa 322C, na aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.11, no código de proxecto 2020 00110.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, estando o incremento do crédito condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I (microempresas) e anexo III (hostalaría), segundo o procedemento escollido na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

Artigo 8. Declaración de débedas

Dada a natureza extraordinaria das actuacións subvencionables destas bases reguladoras debido á situación de emerxencia sanitaria de que derivan, mediante orde da consellería de Facenda e Administración Pública autorízase que, mediante declaración responsable, as persoas ou entidades solicitantes poidan, para efectos desta axuda, declarar que non teñen débedas coa Administración pública da Comunidade autónoma, Administración do Estado e coa Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 11.k) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 11. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión dos dous programas das subvencións contidos nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. O órgano instrutor dos expedientes dos dous programas será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada en virtude da cal se debe formular a proposta de resolución.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención, o que se acreditará coa declaración responsable.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 15. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, e especificamente comprobará ao rematar o período de mantemento da actividade económica e do emprego, regulado en cada programa, o seu cumprimento por se procede aplicar algún tipo de reintegro e tamén comprobará a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá, así mesmo, a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro no suposto de non manter a actividade económica e o emprego durante os 6 meses posteriores á publicación desta orde de axudas, no caso do Programa de microempresas.

4. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento da totalidade desta e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave segundo o artigo 53.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e pódense impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

5. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO II

Programa I. Microempresas (código de procedemento TR400B)

Artigo 17. Obxectivo e finalidade

Este programa ten por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e, excepcionalmente, as pemes que desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados pola COVID-19.

Artigo 18. Beneficiarias

1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica e, excepcionalmente, as pemes sempre desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir todos e cada un destes requisitos:

– Que teñan domicilio fiscal en Galicia.

– Que teñan ou tivesen autorizado un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) pola COVID-19 desde a declaración do estado de alarma.

– Que a facturación baixase polo menos o 45 % no ano 2020, realizándose unha comparación entre o facturado en todo o ano 2019 e os tres primeiros trimestres do ano 2020.

2. Entenderase como actividade especialmente paralizada:

a) En todo caso o lecer nocturno.

Son negocios de lecer nocturno aqueles con establecementos de discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, incluiranse os negocios con establecemento de salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no punto III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que, aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes, estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.

b) Aquelas actividades económicas que se desenvolvan no ámbito das atraccións de feiras e que se trate de actividades en que non existe establecemento aberto ao público e que pertenzan aos seguintes CNAE: 4724, 4729, 4781, 4782, 4789, 5610, 5629, 5630 e 9200

c) Os negocios encadrados nos seguintes CNAE:

CNAE 4932: transporte por taxi.

CNAE 5010: transporte marítimo de pasaxeiros.

CNAE 5030: transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores.

CNAE 5621: provisión de comidas preparadas para eventos.

CNAE 5914: actividades de exhibición cinematográfica.

CNAE 7911: actividades das axencias de viaxes.

CNAE 7912: actividades dos operadores turísticos.

CNAE 7990: outros servizos de reservas e actividades relacionadas con eles.

CNAE 8230: organización de convencións e feiras de mostras.

CNAE 9001: artes escénicas.

CNAE 9002: actividades auxiliares ás artes escénicas.

CNAE 9004: xestión de salas de espectáculos.

CNAE 9321: actividades dos parques de atraccións e dos parques temáticos.

CNAE 9329: outras actividades recreativas e de entretemento.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web
www.oficinadoautonomo.gal.

Artigo 19. Importes das axudas

A axuda será de 4.000 €, que se aboará en dous pagamentos de 2.000 € na anualidade 2020 e de 2.000 € na anualidade 2021, xa que a situación pola que se concede a axuda estende as súas consecuencias tanto en 2020 como en 2021.

A axuda será de 5.000 € para as persoas ou entidades beneficiarias definidas no artigo 18 que pertenzan aos sectores especialmente paralizados antes definidos. Esta axuda aboarase en dous pagamentos de 2.500 € cada un deles, o primeiro pagamento realizarase xunto coa concesión da axuda na anualidade 2020 e o segundo farase na anualidade 2021, xa que a situación pola que se concede a axuda estende as súas consecuencias tanto en 2020 como en 2021.

Artigo 20. Orzamento do programa I

1. A concesión das subvencións previstas neste programa estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. O orzamento para o programa I é de 37.000.000 €, que se financiarán con cargo aos créditos previstos na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, no programa de gasto da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social 322C, código de proxecto 2020 00110, e coa seguinte distribución:

Axuda

Aplicación

Importe anual do crédito

Total convocatoria 2020-2021

2020

2021

Axuda 4.000 €

09.40.322C 470.8

17.500.000 €

17.500.000 €

35.000.000 €

Axuda 5.000 €

09.40.322C 470.10

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

Tendo en conta que as entidades ou persoas solicitantes da axuda de 5.000 € para seren beneficiarias deben cumprir tamén os requisitos para seren beneficiarias da axuda de 4.000 €, se se acaban os créditos da aplicación 09.40.322C 470.10, estas entidades ou persoas poderán ser beneficiarias da axuda de 4.000 €.

Se hai créditos sobrantes na aplicación 09.40.322C 470.10, que financia a axuda de 5.000 €, poderán ser empregados no financiamento da axuda de 4.000 €.

Artigo 21. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 22. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Artigo 23. Solicitudes de subvención do programa I

As solicitudes de subvención reguladas neste programa deberán presentarse no modelo de solicitude que figuran como anexo I, xunto coa documentación e no prazo establecido. Na solicitude vén recollida unha declaración responsable de obrigatorio cumprimento onde se declare:

– Que teño persoal contratado por conta allea.

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que cumpre todos os requisitos sinalados para ser beneficiaria da axuda establecida nesta orde no artigo 18.

– No caso de ser peme, que pertence a sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada como consecuencia da COVID-19.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Que está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Que a beneficiaria non está afectada polo réxime de minimis a que se acolle esta orde.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser beneficiaría dela.

Artigo 24. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 25. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Cando se actúe mediante representación deberá achegarse poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados parao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 26. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta imposto actividades económicas (IAE).

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 27. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

A resolución de concesión indicará o importe concedido por cada anualidade e emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa ou entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen no presente programa desta orde no artigo 18, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis, regulado polos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

5. No suposto de esgotamento do crédito e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 3 deste artigo.

Artigo 28. Forma de pagamento

O aboamento das subvencións reguladas neste Programa I realizarase en dúas anualidades diferenciadas (2020-2021):

a) Anualidade 2020: o 50 % do importe da axuda no momento da resolución de concesión da axuda, xa que os requisitos se acreditan mediante declaración responsable emitida para o efecto pola persoa ou entidade beneficiaria que a presta, baixo a súa responsabilidade na solicitude e sen prexuízo de que, con posterioridade á resolución de concesión, se comprobe o seu cumprimento. Este pagamento ten carácter de pagamento anticipado

b) Anualidade 2021: o 50 % restante do importe da axuda no mes de xaneiro despois da comprobación de que cumpren os requisitos.

Artigo 29. Obrigas específicas das persoas ou entidades beneficiarias deste programa

1. As persoas beneficiarias deberán manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde de axudas.

Non se considerará incumprido o devandito compromiso cando o contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, nin pola fin do chamamento das persoas con contrato fixo descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción del. En particular, no caso de contratos temporais, o compromiso de mantemento do emprego non se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto, ou cando non poida realizarse de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

2. Para a xustificación da redución de facturación sinalada no artigo 18 deberá cubrirse o anexo II, declaración de baixada de facturación. E deberán presentarse as xustificacións conforme a situación de cada empresa beneficiaria:

– Declaracións do IVE trimestral (modelos 303) dos catro trimestres de 2019 e dos tres primeiros trimestres de 2020 ou declaracións trimestral do IRPF (modelo 130) dos catro trimestres de 2019 e dos tres primeiros trimestres de 2020.

– No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos, a diminución de facturación establecida no artigo 18 deberase demostrar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas ou libro diario de ingresos e gastos ou libro rexistro de vendas e ingresos ou o libro de compras e gastos ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación.

Esta documentación deberá achegarse antes de que transcorra un mes desde a concesión da axuda e, en todo caso, antes do 31 de xaneiro para, de ser o caso, proceder ao segundo pagamento.

3. Para a xustificación do mantemento de emprego da obriga do artigo 29.1 desta orde, a persoa ou entidade solicitante debera entregar o informe de vida laboral de código conta cotización que comprenda o período do mes da solicitude e dos seis meses de mantemento do emprego, unha vez cumprido este.

Artigo 30. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán compatibles coa axuda do Programa II e demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

CAPÍTULO III

Programa II. Hostalaría (código de procedemento TR400C)

Artigo 31. Obxecto

Este programa ten por obxecto apoiar as persoas traballadoras autónomas persoa física ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, as pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica e que pertenzan ao sector da hostalaría e que se vexan afectadas polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias.

Artigo 32. Beneficiarias

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas persoa física, ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, as pemes do sector de hostalaría; tamén se consideran dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos que cumpran estes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Estar afectado polos supostos de peche do establecemento ou de peche perimetral do concello en que se sitúen os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se relacionan:

• Orde da Consellería de Sanidade do 7 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense (DOG núm. 203-bis, do 7 de outubro).

• Orde da Consellería de Sanidade do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 223-bis, do 4 de novembro).

• Orde da Consellería de Sanidade do 8 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-bis, do 13 de novembro).

• Orde da Consellería de Sanidade do 13 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-bis, do 13 de novembro).

Ou en calquera outra orde ou disposición ditada pola autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia ata o remate do prazo de solicitudes.

– Ter pechada a actividade durante un mínimo de dúas semanas. Entenderase que está afectado polo peche aquela actividade económica que non permita o consumo dos clientes dentro do establecemento ou nas súas terrazas.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 33. Importe das axudas

A axuda por establecemento será de 1.500 € por mes de paralización da actividade, desde o mes de outubro, cun mínimo de dúas semanas, aplicándose neste caso a parte proporcional por períodos de dúas semanas. Neste sentido, os que teñen paralizada a actividade dúas semanas recibirán 750 €.

No caso dos establecementos que ocupen 10 persoas traballadoras ou máis de 10 (pemes) percibirán a cantidade de 2.000 € por mes paralizado, desde o mes de outubro, cun mínimo de dúas semanas, aplicándose neste caso a parte proporcional. Neste sentido, os que teñen paralizada a actividade dúas semanas recibirán 1.000 €.

As axudas serán por establecemento paralizado, podendo ter a persoa ou entidade beneficiaria máis dun establecemento con dereito a axuda.

Para o cálculo das semanas pechadas terase en conta o tempo que estivo nesa situación ata o momento da presentación da solicitude de axuda.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web
www.oficinadoautonomo.gal.

Artigo 34. Orzamento do Programa II

O orzamento deste programa é de 17.000.000 €, no proxecto 322C, na aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.11, no código de proxecto 2020 00110.

Artigo 35. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas no Programa II desta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 36. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Artigo 37. Solicitudes de subvención do Programa II

As solicitudes de subvención reguladas neste programa deberán presentarse no modelo de solicitude que figura como anexo III. Na solicitude vén recollida unha declaración responsable de obrigatoria formalización onde se declare:

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que os establecementos están nalgún concello afectado pola normativa de peche ditada pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia.

– Que cumpre todos os requisitos sinalados para ser beneficiaria da axuda establecida nesta orde no artigo 32.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Que está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Que a persoa ou entidade beneficiaria non está afectada polo réxime de minimis a que se acolle esta orde.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser beneficiaría dela.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Artigo 38. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 39. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Cando se actúe mediante representación, deberá achegarse poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 40. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b)NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta do imposto actividades económicas (IAE).

j) Consulta de autorización de apertura de centro de traballo TR803A.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

l) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 41. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

A resolución de concesión indicará o importe concedido e emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa ou entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 23, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis, regulado polos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

5. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto integro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 3 deste artigo.

Artigo 42. Forma de pagamento

O aboamento das subvencións reguladas neste programa realizarase polo cen por cento no ano 2020.

Artigo 43. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán compatibles co Programa I e coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file