Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 27 de novembro de 2020 Páx. 46893

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde de 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020. Programa I (código de procedemento TR400B).

BDNS (Identif.): 535891.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica e, excepcionalmente, as pemes, sempre desenvolvan a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir todos e cada un destes requisitos:

– Que teñan domicilio fiscal en Galicia.

– Que teñan ou tivesen autorizado un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) pola COVID-19 desde a declaración do estado de alarma.

– Que a facturación baixase polo menos o 45 % no ano 2020, realizándose unha comparación entre o facturado en todo o ano 2019 e os tres primeiros trimestres do ano 2020.

2. Entenderase como actividade especialmente paralizada:

a) En todo caso o lecer nocturno.

Son negocios de lecer nocturno aqueles con establecementos de discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, incluiranse os negocios con establecemento de salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no punto III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.

b) Aquelas actividades económicas que se desenvolvan no ámbito das atraccións de feiras e que se trate de actividades en que non existe establecemento aberto ao público e que pertenzan aos seguintes CNAE: 4724, 4729, 4781, 4782, 4789, 5610, 5629, 5630 e 9200.

c) Os negocios encadrados nos seguintes CNAE:

CNAE 4932: Transporte por taxi.

CNAE 5010: Transporte marítimo de pasaxeiros.

CNAE 5030: Transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores.

CNAE 5621: Provisión de comidas preparadas para eventos.

CNAE 5914: Actividades de exhibición cinematográfica.

CNAE 7911: Actividades das axencias de viaxes.

CNAE 7912: Actividades dos operadores turísticos.

CNAE 7990: Outros servizos de reservas e actividades relacionadas con eles.

CNAE 8230: Organización de convencións e feiras de mostras.

CNAE 9001: Artes escénicas.

CNAE 9002: Actividades auxiliares ás artes escénicas.

CNAE 9004: Xestión de salas de espectáculos.

CNAE 9321: Actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos.

CNAE 9329: Outras actividades recreativas e de entretemento.

Segundo. Obxecto

Este programa ten por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e, excepcionalmente, as pemes que desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados pola COVID-19.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde de 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalería, de apoio ao sector da hostalería (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020. Programa I (código de procedemento TR400B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse trinta e sete millóns de euros (37.000.000 €), coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade 2020: dezaoito millóns cincocentos mil euros (18.500.000 €).

Anualidade 2021: dezaoito millóns cincocentos mil euros (18.500.000 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade