Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 2 de decembro de 2020 Páx. 47580

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 24 de novembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia da COVID-19.

Mediante a publicación no DOG núm. 185, do 30 de setembro de 2019, da Orde do 16 de setembro de 2019, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras, con vixencia 2019-2021, do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, procedemento TR310A, de tal maneira que concretaba os preceptos contidos tanto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición, como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado e que recolle os artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde.

Ao abeiro das ditas bases reguladoras está previsto realizar unha ou varias convocatorias durante o período de vixencia da presente orde, como xa aconteceu a través da primeira convocatoria, vixente durante os exercicios 2019 e 2020 (Orde do 16 de setembro de 2019, DOG núm. 185, do 30 de setembro de 2019).

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada nunha porcetaxe do 80 % polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo temático 8, «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.5, «adaptación dos traballadores e traballadoras, as empresas e o empresariado ao cambio»; obxectivo específico 8.5.1, «adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional», e liña de actuación 108: «Programas de formación profesional para o emprego».

Durante a execución das accións formativas financiadas con cargo á antedita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia , do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

Tamén deben mencionarse as publicacións de ordes que flexibilizaron determinados aspectos e ampliaron prazos do procedemento TR310A, entre outros, como a Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19) e a Orde do 8 de maio de 2020 pola que se modifican parcialmente determinados prazos das bases reguladoras e ordes de convocatoria de subvencións no ámbito da formación profesional para o emprego, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia da COVID-19.

Posteriormente, con data do 10 de xuño de 2020 (BOE núm. 163) publícase o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e a Resolución do 12 de xuño de 2020 (DOG núm. 115 do 13 de xuño), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia da COVID-19, e tendo en conta as anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, na liña das modificacións e flexibilizacións xa efectuadas, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras e da convocatoria do procedemento TR310A, introducindo criterios de flexibilidade na execución tanto das accións formativas interrompidas temporalmente por mor da COVID-19 como das non iniciadas nesa data.

Estas modificacións focalízanse naqueles puntos da norma relacionadas coa ampliación dos sectores que poden beneficiarse da subvención e do público a que pode dirixirse a actividade formativa, así como co control de asistencia do alumnado, a capacidade das instalacións, a posibilidade de establecer quendas, os límites horarios, a reprogramación e as posibilidades de impartición mediante medios telemáticos, o período máximo de execución das accións formativas da primeira convocatoria, así como a adecuación dos requisitos de xustificación e liquidación aos posibles cambios, por razóns de distanciamento social e de garantía da saúde.

A introdución destas medidas permitirá que as accións formativas vencelladas ás necesidades da industria poidan ampliar os prazos inicialmente previstos facilitando o aumento da empregabilidade e a produtividade das persoas traballadoras dos sectores estratéxicos de Galicia. Así mesmo, permitirá unha reprogramación das accións formativas co obxecto de que as entidades beneficiarias non se vexan na obriga de renunciar a elas, co conseguinte prexuízo que isto carrearía para as persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos e para as propias entidades beneficiarias que son empresas de sectores estratéxicos.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO ÚNICO

Modificación das bases reguladoras da Orde do 16 de setembro de 2019 do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e modificación da primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A)

Artigo 1. Modificación do artigo 1 . Obxecto e finalidade

Modifícase o número 2 do artigo 1, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. Así mesmo, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen entre o 1 de agosto do 2019 e o 17 de febreiro de 2021, por ser a data que resulta de engadirlle á inicialmente prevista o período de vixencia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No caso das accións formativas financiadas ao abeiro da primeira convocatoria e que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020, coa finalidade de favorecer a súa execución, amplíanse o prazo de execución por 3 meses con respecto á data de finalización sinalada no anterior parágrafo, de maneira que poderán desenvolverse ata o 18 de maio de 2021.

En calquera caso, a data límite para o remate das accións formativas financiadas ao abeiro das diferentes convocatorias non poderá superar a data do 31 de outubro de 2021, data de vixencia desta orde de bases reguladoras.

O anterior establécese sen prexuízo dos diferentes períodos de vixencia que terá o financiamento das accións formativas da liña II que, por non estaren rexidas polo réxime de minimis, deberán respectar o requisito de fomento, de maneira que só poderán ser obxecto de subvención desde o momento de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde de convocatoria correspondente».

Artigo 2. Modificación do artigo 5. Entidades beneficiarias

Modifícase o artigo 5, que terá o seguinte contido:

«Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten. Igualmente, poderán ser beneficiarias as persoas autónomas que posúan unha empresa que dea ocupación a persoas traballadoras por conta allea e tamén as empresas de economía social, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e na orde de bases reguladoras, quedando, polo tanto, excluídas as entidades sen ánimo de lucro e entidades do sector público.

Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Para garantir a capacidade de execución do plan formativo proposto, as entidades beneficiarias deberán presentar no último exercicio pechado unha cifra de negocio que represente o dobre do orzamento previsto para accións de formación. Todas as empresas membros da agrupación deben cumprir este requisito. Non será de aplicación este requisito nas empresas que fosen constituídas no ano de presentación da solicitude de axudas.

Esta circunstancia acreditarase coa correspondente declaración responsable incluída no modelo de solicitude recollido no anexo correspondente de cada convocatoria».

Artigo 3. Modificación do artigo 6. Colaboración das entidades beneficiarias

Modifícase o artigo 6, que queda redactado do seguinte xeito:

«As entidades beneficiarias deberán colaborar facilitando a información que permita cumprir os requisitos de información a través dos indicadores comúns e específicos, tanto de produtividade como de resultado inmediatos e a longo prazo previstos no anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Os indicadores teñen como obxecto dar a coñecer as características das persoas traballadoras ocupadas antes do inicio da súa participación na operación financiada con cargo aos fondos europeos (indicadores de produtividade sobre entidades/participantes) en comparación coas que presentan no momento de finalización da participación na operación (indicadores de resultado inmediato sobre participantes).

Ademais, as entidades beneficiarias deberán achegar datos sobre as características das persoas participantes no prazo de 6 meses desde a finalización da súa participación na operación obxecto de cofinanciamento (indicadores de resultado a longo prazo).

Para cumprir estes requisitos de información, proporciónase a aplicación informática Participa 1420, que permite o rexistro de todos os indicadores comúns e específicos, tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información.

As tarefas da entidade beneficiaria serán basicamente o rexistro de participantes, a súa asociación á operación que desenvolven e a xestión da recolla da información requirida sobre estas persoas participantes. Ademais, a entidade beneficiaria deberá asociarse a si mesma como participante (entidade) na operación para proporcionar a información recollida no cuestionario da execución sobre entidades requirida pola normativa aplicable.

Os indicadores de produtividade deberán cubrirse o primeiro día da realización da actividade e os indicadores de resultado inmediato o último día de realización da acción formativa.

Para estes efectos, remitirase, xunto coa resolución de concesión, o documento normalizado cos datos que deben facilitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación para proceder á tramitación da alta na aplicación Participa 1420 da Consellería de Facenda.

1. Nome e apelidos.

2. Teléfono.

3. NIF.

4. Enderezo de correo electrónico.

5. Documentación acreditativa da representación.

Para o acceso á aplicación acudirase ao seguinte enderezo, introducindo os datos de usuarios e o contrasinal recibidos a través do correo electrónico xerado no momento da alta:

https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420

A cobertura da documentación e o cumprimento dos indicadores referenciados neste artigo por parte das entidades beneficiarias será requisito previo e necesario para o inicio do procedemento de liquidación da subvención concedida».

Artigo 4. Modificación do artigo 7. Obriga de estabilidade

Modifícase o artigo 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«En coherencia co obxectivo xeral de contribución á mellora da competitividade das empresas que operan nos sectores estratéxicos a través da cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas nas empresas destes sectores, establécese a obriga de mantemento do emprego das persoas receptoras da formación.

Establécese un período mínimo dun ano de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa apoiada.

Para estes efectos, a obriga de manter o emprego non se considerará incumprida, de ser o caso, polo período en que as persoas participantes na actividade formativa, no caso de persoas traballadoras por conta allea, estivesen afectadas polos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) como medida urxente extraordinaria para afrontar o impacto económico e social da COVID-19, dado que, segundo establece o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo de 2020, son consideradas procedentes dunha situación de forza maior.

No caso de incumprimento desta obrigación de estabilidade, a entidade beneficiaria debería renunciar total ou parcialmente ou, se for o caso, devolver a parte proporcional que corresponda da axuda percibida, nos termos sinalados no artigo 48.

Para verificar o cumprimento do requisito de mantemento do emprego, a persoa solicitante deberá autorizar o organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, para consultar perante a Administración pública competente o cumprimento do requisito de mantemento do emprego para as persoas receptoras da formación.

O anexo III contén a autorización para a verificación deste requisito.

A obrigación de devolución da axuda non sería de aplicación no caso de que a perda do emprego fose motivada, e se acreditase de forma fidedigna, por algunha das seguintes causas: por abandono voluntario acreditado por parte da persoa traballadora, por medidas adoptadas como consecuencia da pandemia COVID-19, por mellora do emprego da dita persoa traballadora e/ou por causas disciplinarias ou económicas, salvo que o despedimento fose cualificado como improcedente».

Artigo 5. Modificación do artigo 8. Actividades subvencionables

1. Modifícase o número 3 do artigo 8, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. Aspectos comúns a ambas as tipoloxías formativas.

Considérase que a dedicación horaria necesaria para a participación nas accións formativas recollidas nesta orde formará parte da xornada de traballo das persoas participantes.

No que atinxe ás accións formativas que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo do 2020 na modalidade presencial, as limitacións de horario por aula e taller serán compatibles, coa finalidade de cumprir cos límites de capacidade e as distancias de seguridade interpersonal aplicables en función da normativa vixente, coa posibilidade de programar quendas de alumnado para asistir a unha acción formativa concreta e sen que isto supoña incrementar o importe da subvención concedida, de tal maneira que os máximos de horas establecidos nestas bases reguladoras se aplicarán a cada unha das dúas quendas de alumnado en que, como máximo, poida dividirse a acción formativa, e sempre que se cumpran o resto de obrigas exixibles, permitíndose a impartición individualizada, de ser o caso.

Para ambas as tipoloxías de proxectos establécese a posibilidade de que a formación sexa impartida parcialmente mediante teleformación (formación mixta). En calquera caso, a teleformación deberá supoñer, como máximo, o 75 % da duración total da acción formativa.

Nos casos de formación mixta, na parte da formación impartida mediante teleformación deberá haber, como mínimo, un titor por cada 80 participantes.

En ningún caso se concederán axudas para a realización de accións de formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente aos seus traballadores ou traballadoras para cumprir coa normativa que lles sexa de aplicación.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, entre os contidos didácticos dos programas formativos introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior ás cincuenta horas.

Os referidos módulos poderán programarse mediante teleformación, a través de entidades e centros de formación e persoal docente debidamente habilitados, sempre que se respecten os termos sinalados canto á porcentaxe que sobre a duración total da acción formativa pode representar este tipo de formación.

O alumnado que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar ou teña xa cursado algún destes módulos da Dirección Xeral de Formación e Colocación non poderá participar de novo.

A documentación de referencia do devandito módulo poderase consultar en:

http://emprego.ceei.xunta.gal/modulos-transversais

A falta de participación nestes módulos non impedirá a expedición dos diplomas, certificados e documentos acreditativos de aptitude no resto da formación recibida, nos supostos en que se cumpran os debidos requisitos.

Todo o anterior deberá entenderse sen prexuízo da aplicación das posibilidades de flexibilidade na modalidade de impartición recollidas na Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), ás cales se acollan, a partir da súa entrada en vigor, as empresas beneficiarias».

2. Engádese o seguinte número 4 ao artigo 8:

«4. As disposicións da Orde do 16 de setembro de 2019 serán de aplicación, en canto a mínimos e máximos de alumnado participante e das modalidades de impartición, para aquelas accións formativas que rematasen de executarse na súa totalidade o 13 de marzo de 2020.

Para o resto de accións formativas de ambas as tipoloxías formativas, na parte de execución posterior á dita data, rexerá o seguinte:

• O número mínimo de persoas alumnas participantes en cada curso na modalidade presencial e nas horas presenciais da modalidade mixta estará condicionado pola capacidade da aula ou taller, de tal modo que o límite, para garantir o distanciamento social e a saúde dos asistentes, será aquel en vigor que se determine como consecuencia de aplicar as instrucións e protocolos aprobados polas autoridades sanitarias, permitíndose a impartición individualizada, de ser o caso.

En función do límite de capacidade, da exixencia de garantir a distancia de seguridade e das instrucións e protocolos vixentes a que se refire o anterior parágrafo, poderase reducir o mínimo exixible de persoas traballadoras para impartir unha acción formativa.

A formación das horas presenciais poderase organizar en grupos sen que estes poidan superar un máximo de 30 persoas por acción formativa e, no caso da formación vinculada a certificados de profesionalidade, sen que poidan exceder dun máximo de 25 participantes por aula ou taller. A organización en grupos estará condicionada a que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten a dita capacidade máxima.

A cifra de participantes poderá acadarse de forma individual, coa participación dunha única entidade beneficiaria no caso de proxectos individuais, ou mediante a participación de persoas traballadoras ocupadas de varias empresas pertencentes a unha agrupación promotora que adquire a condición de entidade solicitante.

• Para ambas as tipoloxías de proxectos, co fin de facilitar a impartición de accións formativas da modalidade presencial ou a parte presencial da modalidade mixta, as horas presenciais poderanse impartir a través de aula virtual.

Para estes efectos, considérase aula virtual o contorno de aprendizaxe onde o titor-formador e o alumnado interactúan de xeito concorrente e en tempo real a través dun sistema de comunicación telemático síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar a aprendizaxe das persoas que participan na clase, sendo considerado en todo caso como formación presencial.

• A impartición de formación a través dunha aula virtual debe estar estruturada e organizarse de xeito que asegure en todo momento a conectividade síncrona entre o persoal formador e o alumnado participante, con bidireccionalidade nas comunicacións, e deberá dispor dun rexistro de conexións xerado pola aplicación de aula virtual en que consten identificadas as persoas participantes, así como as datas e tempo de conexión diarios, con indicación de hora, minuto e segundos de inicio e finalización da conexión.

Para posibilitar o seguimento e control do normal desenvolvemento das accións formativas, as entidades estarán obrigadas a facilitar á Administración un usuario co perfil e permisos necesarios para que, mediante accesos aleatorios e sen aviso previo, poida acceder durante o tempo de actividade a comprobar quen está a participar no curso».

Artigo 6. Modificación do artigo 9. Sectores estratéxico

Engádese o seguinte número 3 ao artigo 9:

«3. Nas convocatorias que teñan lugar con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, poderán considerarse como sectores estratéxicos, de ambas as liñas, todos os sectores de actividade considerados como tal pola Axenda da Competitividade de Galicia Industria 4.0, así como todos aqueles que, consonte a documentación acreditativa que presente, xunto coa súa solicitude, a empresa solicitante, sufrisen un impacto negativo como consecuencia da COVID-19.

A condición de empresa pertencente a un sector afectado negativamente pola COVID-19 será determinada, mediante indicación expresa e conxunta para todas as empresas que así o solicitaran, pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación e de acordo con criterios e requisitos que para acreditar a dita condición se establezan en cada convocatoria».

Artigo 7. Modificación do artigo 10. Calendario e execución dos proxectos formativos

Modifícase o artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«As accións de formación incluídas na liña I contidas na primeira convocatoria están amparadas polo réxime de minimis, de modo que serán financiables as actuacións implementadas desde o 1 de agosto de 2019.

No caso das accións formativas correspondentes á liña II, as actuacións só serán financiables a partir da data de publicación da convocatoria.

A data límite de finalización das accións formativas da primeira convocatoria será o 17 de febreiro de 2021, por ser a data que resulta de engadirlle á inicialmente prevista, o período de vixencia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No caso das accións formativas financiadas ao abeiro da primeira convocatoria e que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020, coa finalidade de favorecer a súa execución, amplíanse o prazo de execución por 3 meses con respecto á data de finalización sinalada no anterior parágrafo, de maneira que poderán desenvolverse ata o 18 de maio de 2021.

Artigo 8. Modificación do artigo 13. Gastos elixibles e xustificación

1. Engádese o punto 9 ao artigo 13, que queda redactado do seguinte xeito:

«9. As disposicións da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria da Orde do 16 de setembro de 2019, serán de aplicación, en canto a custos elixibles, para aquelas accións formativas que rematasen de executarse na súa totalidade o 13 de marzo de 2020.

Para o resto de accións formativas, de ambas as tipoloxías formativas, na parte de execución posterior á dita data, tamén será de aplicación o contido desta epígrafe:

• A xustificación de custos de explotación en que incorran o persoal formador e o persoal beneficiario da formación, directamente relacionados co proxecto de formación, como custos de viaxe, materiais e subministracións vinculadas directamente ao proxecto, e a amortización de instrumentos e equipamentos, na medida en que se utilicen exclusivamente para o proxecto de formación e calquera outro gasto que resulte ineludible para as entidades beneficiarias durante os períodos de suspensión, derivadas da situación e evolución da COVID-19 e que se acrediten debidamente, poderán ser xustificables, sen que de ningún xeito isto supoña o incremento da subvención concedida.

• Para a xustificación dos custos de aulas virtuais deberanse achegar facturas nas cales se identifiquen cada un dos conceptos incluídos nos servizos prestados a través da aula virtual, xunto co seu correspondente xustificante de pagamento.

2. Engádese o punto 10 ao artigo 13, que queda redactado do seguinte xeito:

«10. No que atinxe ás accións formativas que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, deberá aplicárselle o disposto nestas bases, coas seguintes peculiaridades no que respecta á parte executada a partir desta data:

a) Aos custos subvencionables e á xustificación económica aplícanse medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), nos termos das ordes que modifican as bases reguladoras iniciais.

b) O custo subvencionable calcularase en función do custo unitario da hora de formación por persoa alumna e do número de horas da acción formativa a partir da referida data, sumando o resultado obtido para cada unha das modalidades de impartición empregadas. A fórmula de cálculo aplicable será:

∑ (horas da acción formativa, a partir da referida data, en modalidade presencial ou mediante aula virtual * número de persoas alumnas * custo hora-persoa alumna na modalidade presencial) + (horas da acción formativa, a partir da referida data, en modalidade teleformación * número de persoas alumnas * custo hora-persoa alumna na modalidade de teleformación) = Custo subvencionable.

A suma das distintas modalidades de impartición nunca poderá dar un resultado superior á duración da totalidade da acción formativa, nin a fórmula de cálculo poderá dar lugar a un custo subvencionable superior ao importe da subvención concedida para a concreta acción formativa.

c) Para determinar o número de persoas alumnas, unicamente se terá en conta o alumnado que conste debidamente acreditado como participante a través dos diferentes medios de control de asistencia, nos termos en que queda redactado o punto 9 do artigo 28.

No caso de discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de persoas alumnas que resulte inferior».

Artigo 9. Modificación do artigo 28. Obrigas xerais en relación coa execución da actividade formativa

1. Modifícase o número 8 do artigo 28, do seguinte xeito:

«8. Se for o caso, aboar mensualmente ao persoal docente a súa remuneración a través de transferencia bancaria ou, no suposto de que a entidade beneficia non sexa a entidade pagadora, velar por que o persoal docente reciba unha contraprestación proporcional ás horas impartidas en cada acción formativa e ao seu módulo económico e comprobar o aboamento mensual da súa remuneración a través de transferencia bancaria.

Non exime desta obriga o feito de que a entidade beneficiaria non percibise os anticipos previstos nesta orde.

No caso de que o persoal docente non fose contratado directamente pola entidade beneficiaria, deberá informar a entidade provedora da formación para o cumprimento desta obriga».

2. Modifícase o número 9 do artigo 28, do seguinte xeito:

«9. As disposicións da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria da Orde do 16 de setembro de 2019), serán de aplicación, en canto ao sistema de control biométrico requirido para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia, para as horas de formación presencial daquelas accións formativas que rematasen a súa execución ou se impartisen antes do 13 de marzo de 2020.

As entidades beneficiarias que impartan accións formativas subvencionadas no marco do procedemento TR310A que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020 poderán aplicar, a partir da data de efectos desta orde, por razóns de saúde e para cumprir con disposicións que limiten a capacidade, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios, para a parte da acción formativa que se imparta con posterioridade á referida data.

Na modalidade de impartición presencial poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante pegada dixital sempre que se garanta a seguridade e a hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas, así como a limpeza dos dispositivos; pero tamén se poderá substituír, para todos os efectos, o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado por outros métodos que permitan reflectir a hora, minutos e segundos de entrada e saída, a través de tarxeta de fichaxe, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos.

Se a entidade acredita suficientemente que non pode implementar algún dos anteditos sistemas de control de asistencia con anterioridade ao comezo ou continuación da acción formativa (por desabastecemento do mercado da tecnoloxía necesaria, acreditado documentalmente mediante a certificación de, cando menos, 3 empresas provedoras; por negativa, acreditada documentalmente, a empregar calquera dos anteriores métodos por parte do 75 % do alumnado; ou por imposibilidade de que a Administración competente proceda á verificación dos datos biométricos), poderá solicitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación a autorización para que o control de asistencia se limite á sinatura manual do parte de asistencias, con indicación exacta de hora, minutos e segundos de entrada e saída.

Cando a Dirección Xeral de Formación e Colocación autorice este método de control, a entidade beneficiaria deberá presentar, a través do aplicativo SIFO e no momento da solicitude de liquidación, as declaracións responsables individualizadas, asinadas por cada unha das persoas participantes, nas cales ratifiquen a súa asistencia a todas e cada unha das sesións e nos horarios reflectidos nos partes de asistencia, que deberán anexarse á dita declaración.

Os datos de calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire este número deberán mecanizarse pola empresa ou entidade beneficiaria no aplicativo COBIPE, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. Así mesmo, a través do sistema informático SIFO, e no momento de solicitar a liquidación, deberán incluír os partes de asistencia e as declaracións responsables escaneadas ou facilitar os medios de acceso aos aplicativos correspondentes, para o correspondente control por parte da unidade administrativa.

O contido da declaración responsable deberá, en todo caso, respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tal como se dispón no artigo 22.5 da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021,a presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións avaliables para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedirían ou limitarían poderá ter a consideración de infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e na dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incumprimento dalgunha destas obrigas de mecanizacións en prazo e inclusión de documentación no aplicativo suporá que se perderá o dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada.

Artigo 10. Modificación do artigo 30. Remisión de información e documentación de xestión das actividades formativas

1. Engádese o punto 4 bis ao artigo 30, co seguinte contido:

«4 bis. As empresas beneficiarias deberán presentar, como documentación xustificativa, na aplicación informática SIFO3, no caso de uso de aula virtual, e só para as horas de formación presencial impartidas con posterioridade ao día 13 de marzo de 2020, os controis de aprendizaxe.

No caso de impartir a acción formativa, total ou parcialmente, por vía de teleformación ou aula virtual, deberá comunicar os seguintes datos referidos a cada control de aprendizaxe:

• Programa de formación, acción formativa e grupo.

• Código que permita identificar a proba e os resultados alcanzados polo/a persoa traballadora participante. Estes datos deben ser almacenados polo sistema de aula virtual empregado para a execución da acción formativa.

• Indicativo de se a persoa traballadora participante realizou a proba. En caso afirmativo, consignarase a data e hora en que foi desenvolvido o control, o tempo empregado para o desenvolvemento do control de aprendizaxe e o resultado obtido, con indicación da cualificación como superado ou non superado».

2. Engádese o punto 7 ao artigo 30, co seguinte contido:

«7. No caso de non poder achegar a totalidade da documentación exixida nos artigos 30, 37 e 39 da Orde do 16 de setembro de 2019, debido a que a formación de Liña I non sexa ofrecida por un centro de formación contratado directamente pola entidade beneficiaria, a dita circunstancia farase constar expresamente nunha memoria explicativa en que se especifiquen para cada un dos documentos non achegados cal é a causa, memoria que se deberá achegar a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación e Colocación porá á disposición das entidades beneficiarias».

Artigo 11. Modificación do artigo 31. Prazo de xustificación

Engádese a seguinte letra «c» ao número 2 do artigo 31:

«c) Nas accións formativas que rematen despois dos anteriores períodos, por mor da ampliación do período de execución motivada polas prórrogas con fundamento na COVID-19, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de xuño de 2021».

Artigo 12. Modificación do artigo 39. Seguimento e control das accións formativas

O número 1 do artigo 39 terá o seguinte contido:

«1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde e, en especial, nas accións comprendidas na tipoloxía da liña II, a Administración aplicará os sistemas de seguimento e control que considere convenientes, a través de persoal propio ou de entidades habilitadas para o efecto polo instrumento xurídico correspondente, contractual ou de encomenda de xestión.

As actuacións, ademais da realización de visitas ás accións formativas aprobadas, poderán consistir na realización de enquisas ao alumnado e persoal docente, información respecto do progreso da acción e do seu grao de execución en cada momento, así como actuacións de control da elixibilidade dos custos imputados a cada acción formativa.

As entidades beneficiarias terán que poñer os medios para que cada unha das persoas traballadoras formadas cumpran coa obriga de asinar os controis diarios de asistencia, así como rexistrar diariamente a súa entrada e saída á acción formativa no sistema de control biométrico, ou en calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire o punto 9 do artigo 28 actualizado; debendo efectuar polo menos unha fotografía ou, no caso de aula virtual, capturar unha imaxe, de cada sesión da acción formativa na que se visualice a persoa docente e o alumnado asistente, e que deberá arquivar nun formato dixital que permita comprobar a data, hora e minuto de realización.

Así mesmo, deberán facilitar os labores de seguimento que realice a Administración, o que inclúe o acceso ás instalacións en que teña lugar a formación e as entrevistas ás persoas participantes ou, no caso de aula virtual, o acceso á acción formativa durante o tempo de actividade.

As obrigas contidas neste artigo serán de aplicación para as accións abranguidas nas tipoloxías formativas das liñas I e II.

Para que se poida proceder á liquidación das subvencións, a Administración deberá ter constancia do cumprimento destas obrigas».

Artigo 13. Pagamento e liquidación de subvencións

Queda sen efecto o disposto no punto 7 do artigo 42 da Orde de bases reguladoras do 16 de setembro de 2019.

Artigo 14. Modificación do artigo 44. Reintegro

A letra «f)» do número 2 do artigo 44 terá o seguinte contido:

«f) Para as accións formativas que rematasen a súa execución antes do 13 de marzo de 2020 será de aplicación o relativo ao incumprimento da participación na formación do número de persoas que se incluíu na solicitude e que foi obxecto de puntuación, e dará lugar ao reintegro correspondente para aplicar a porcentaxe de incumprimento, calculada como proporción das baixas con respecto ao número de participantes proposto, sobre a subvención concedida para a acción formativa concreta».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade