Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 10 de decembro de 2020 Páx. 48398

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de decembro de 2020 pola que se regula a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2021 (código de procedemento MT823A).

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, indica que se deberán establecer os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, e adoptará as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie de peixe moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2021.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2021 (código de procedemento administrativo MT823A).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde son as pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións que a seguir se indican:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos ás augas ou entregados ao persoal da Administración que o solicite todos aqueles exemplares de peixes que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento deberán colaborar co persoal do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 4 de xaneiro ao 27 de marzo.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira das Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 1 de febreiro ao 24 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 8 de febreiro ao 8 de maio.

O mesmo día que remate o período autorizado retiraranse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns, período en que deberán levantarse as redes das pesqueiras.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo II desta orde). Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o documento que acredite a titularidade das pesqueiras (no caso de ser a primeira vez que presentan a solicitude).

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) DNI/NIE.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II desta orde e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento da persoa interesada, para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. O prazo máximo para resolver será de un mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución que se dite pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e dos actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregarase un libro ou a folla de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Patrimonio Natural.

Unha vez rematada a temporada, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado, no prazo de 15 días, ao Servizo de Patrimonio Natural, na avenida María Victoria Moreno, nº 43, 2º, de Pontevedra. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar a permisos da próxima temporada.

No caso de que traballe a pesqueira unha persoa distinta do seu titular, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra que está autorizado polo titular.

Artigo 12. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Polo uso indebido da pesqueira responderá a persoa titular. Se nun mesmo posto hai varias persoas titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 11 desta orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e en canto non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla, expedirase a correspondente licenza das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira en que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no anexo I desta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por proposta do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file