Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 10 de decembro de 2020 Páx. 48409

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 211/2020, do 12 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas, de clave AC/19/003.10.

Antecedentes:

Primeiro. O día do 17 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 53) o Anuncio do 3 de marzo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas, de clave AC/19/003.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 22 de outubro de 2020 apróbanse o expediente de información pública e o proxecto de construción acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas, de clave AC/19/003.10.

Este proxecto ten por obxecto levar a cabo o acondicionamento puntual do trazado da estrada AC-110, ao seu paso polo concello das Somozas, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+500 e 11+700, mediante a mellora dos raios de curvatura que teñen as dúas curvas consecutivas existentes e de xeito que se facilite a circulación dos transportes especiais que transitan por esta estrada.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas, de clave AC/19/003.10.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade