Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 16 de decembro de 2020 Páx. 49209

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de decembro de 2020 pola que se determinan os servizos mínimos, en materia de asistencia sanitaria, durante a folga convocada para o día 17 de decembro de 2020 no ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As direccións comarcais de Ferrol das organizacións Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión General de Traballadores (UGT) comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará, segundo o seu teor literal, todos os sectores económicos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e que se desenvolverá desde as 10.00 horas ata as 14.00 horas do día 17 de decembro de 2020.

A Xunta de Galicia determinou a procedencia de fixar servizos mínimos respecto dos sectores e actividades atinxidos pola folga cuxa regulación é competencia dalgunha das súas consellerías, e que poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá. En consecuencia, procede facer o propio no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, pois a citada folga afectará tamén a prestación asistencial que se dispensa nos centros e establecementos sanitarios públicos do devandito ámbito territorial.

Pero, ademais, cómpre subliñar o contexto no que se vai desenvolver a folga, nun escenario de crise sanitaria global que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus causante da síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está requirir a adopción de medidas e accións de seguimento da situación e o avance dos casos; o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que, en xaneiro de 2020, a Organización Mundial da Saúde o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, dando inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas, en canto que axentes integrantes do Sistema Nacional de Saúde, co fin de frear o avance da pandemia e preservar a vida e a saúde da poboación.

En concreto e entre outros aspectos, na Comunidade Autónoma de Galicia constituíronse diversos comités e órganos de avaliación e actuación ante a crise sanitaria, nomeadamente unha Comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19, con funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións adoptadas, tanto preventivas como paliativas, en función da evolución da situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado; con proposta de sistemas de vixilancia, aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións para preparar a resposta e de coordinación coa Administración xeral do Estado, así como a aprobación dos plans e protocolos de actuación e a coordinación da información.

No plano normativo, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, establece, no seu artigo 1, que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na mesma lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

As ditas medidas inclúen o recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación por mor da situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas, ou polas condicións sanitarias en que se desenvolva unha actividade.

E a mesma lei orgánica prevé tamén que, co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as actuacións oportunas para o control das persoas enfermas, das que estean ou estivesen en contacto con elas e do ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias, en caso de risco de carácter transmisible.

Por outra banda, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, faculta as autoridades sanitarias para adoptar as medidas preventivas pertinentes cando existan riscos inminentes e extraordinarios para a saúde. E a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, prevé, así mesmo, a adopción de diversas medidas de intervención pública por parte das autoridades sanitarias perante as situacións de risco para a saúde das persoas.

En termos substancialmente idénticos maniféstase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no que atinxe de xeito específico ao ámbito da comunidade autónoma.

O artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, atribúe a condición de autoridade sanitaria ao Consello da Xunta de Galicia e á persoa titular da Consellería de Sanidade, entre outras.

Pola súa vez a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que, cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego. O que aconteceu neste caso.

En definitiva, desde que a Organización Mundial da Saúde declarou que a situación en relación co novo coronavirus SARS-CoV-2 supuña unha emerxencia de saúde pública de impacto internacional, a Comunidade Autónoma de Galicia –xunto ao Ministerio de Sanidade e o resto de comunidades autónomas– vén realizando a través do Consello da Xunta e a Consellería de Sanidade un seguimento constante da situación co fin de adoptar as medidas de prevención, contención e asistencia necesarias no marco do ordenamento xurídico que vén de resumirse.

De acordo con isto e polo que atinxe nomeadamente ao eido das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, a través de sucesivas ordes, instrucións e outros instrumentos xurídicos estase a adoptar un conxunto de medidas de ordenación do seu persoal (en materia de xornada, horarios, mobilidade, reforzos de determinados servizos e unidades, etcétera), dirixidas a garantir, en todo momento, a dispoñibilidade de profesionais nos centros sanitarios, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles, como para tratar de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender as necesidades de persoal derivadas da actual situación de crise sanitaria. Todo iso na procura, en último termo, da garantía do dereito á vida e á protección da saúde da cidadanía.

De tal sorte que os criterios reitores e os servizos mínimos que se establezan deberán cohonestarse coa salvagarda das medidas de ordenación e reforzo de persoal emprendidas na área sanitaria de Ferrol, con carácter extraordinario e transitorio, ante unha situación de indispoñibilidade de profesionais por mor da crise sanitaria. Trátase de conciliar, en suma, o lexítimo exercicio do dereito de folga co elenco de actuacións que a Administración sanitaria ten adoptado (e continúan a implantarse) co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento da carga asistencial motivado pola evolución da pandemia.

Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde se realiza atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado e particularmente no actual contexto de emerxencia sanitaria.

De acordo co anterior, deben fixarse os servizos mínimos necesarios para garantir a atención aos/ás usuarios/as que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións sanitarias afectadas pola folga:

I. O persoal mínimo necesario para a cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.

No eido da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a folga afecta o servizo de transporte sanitario urxente organizado e xestionado a través da RTSUG (rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado ou ambulancia tipo C concertada pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e localizada no municipio de Ferrol.

– Oito ambulancias asistenciais de soporte vital básico ou tipo B concertadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se localizan nos municipios de: Cariño (1), Cedeira (1), Ferrol (2), Narón (1), Ortigueira (1), Pontedeume (1) e As Pontes (1).

A RTSUG está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución, se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades. As ambulancias adaptaranse á dotación de persoal recollida no Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario.

Pola súa vez, os servizos mínimos que se recollen resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas e entidades afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía.

II. No eido da transfusión de sangue, os servizos necesarios para o mantemento do abastecemento sanguíneo en todo o ámbito territorial da folga.

Na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura da subministración de sangue e hemoderivados a todos os centros sanitarios, tanto públicos como privados, do ámbito territorial da folga, así como para evitar que se produzan prexuízos ás persoas doadoras e, consecuentemente, aos/ás posibles receptores/as. Na mesma medida debe garantirse a coordinación das doazóns, os transplantes de órganos e os implantes de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes e na lexislación de aplicación.

III. Nos centros e nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde:

a) Persoal sanitario do ámbito da atención hospitalaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta adecuada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

3. Cobertura do 100 % da actividade inaprazable nas unidades de hospitalización COVID e nas áreas de medicina preventiva, saúde laboral e microbioloxía.

Por mor da crise epidemiolóxica téñense reforzado, precisamente, as unidades e servizos máis directamente relacionados co ingreso de doentes e coa prevención, detección, manexo e tratamento tanto de pacientes como de profesionais con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; unidades cuxa plena operatividade resulta arestora imprescindible ante a evolución da pandemia e a prol de preservar a saúde e mesmo a vida das persoas.

4. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

Nestes casos, a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa no suposto de que se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

5. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control adecuado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación desaxeitada pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

6. No ámbito da consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ao criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as doentes desprazados/as.

Dada a grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia do/da enfermo/a. Con isto garántese a necesaria atención sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

7. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, ao criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

Igual ca no caso anterior, en vista da gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de determinación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica do/da doente.

8. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

Dada a variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de dispensa ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. As demoras na dispensa dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

9. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio requírese garantir a prestación asistencial, igual ca na hospitalización convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes, tense que garantir o nivel de coidados necesario.

b) Persoal sanitario do ámbito da atención primaria:

1. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo por categoría profesional.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos por categoría.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos por categoría.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos por categoría.

c) Persoal de xestión e servizos:

c.1) Persoal de xestión e servizos da atención hospitalaria:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Na liña indicada para outros colectivos, os dispositivos de urxencias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida as 24 horas e todos os días do ano; será imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio ao persoal sanitario.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nesta área é necesaria una prestación continuada do persoal non sanitario equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos e considerarase que por debaixo desas presenzas non se garante a atención aos/ás doentes ingresados/as.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

A situación é variable debido ás diferentes organizacións e infraestruturas dos centros, polo que ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, cómpre manter os mínimos servizos de atención nesta área ás persoas usuarias.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Igual ca no caso anterior e debido á diferente casuística da organización e infraestruturas dos centros, ante una situación de folga e as incidencias que dela poidan derivar, cómpre establecer uns mínimos efectivos de atención nesta área, fundamental no apoio ás persoas usuarias e na resolución das problemáticas propias deste ámbito.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nestas áreas de traballo, das que depende o funcionamento de todas as instalacións e equipamentos dos centros, é necesaria una prestación continuada equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerarase que por debaixo desas presenzas non se garante a prestación dun servizo mínimo que garanta o adecuado funcionamento das instalacións e equipamentos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos.

Neste eido funcional é preciso garantir a dispoñibilidade de roupa de doentes e lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos, e tamén para resolver as cuestións puntuais que se precisen para unha prestación adecuada dos servizos. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos.

7. Limpeza:

7.1. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación postcirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.2. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, nesta área sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras.

Pero é que ademais, a excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), e a súa evolución actual, require dunha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto respecto aos propios profesionais como ás persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Así, e no que atinxe a esta área de actividade, por mor da actual crise sanitaria e consonte os protocolos establecidos para o efecto, cómpre extremar, cara a evitar o contaxio da enfermidade infecciosa por COVID-19 nas dependencias sanitarias, a limpeza e desinfección daqueles espazos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento de pacientes e de profesionais con patoloxía indiciaria ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; dependencias cuxa plena operatividade e seguridade resultan imprescindibles nas actuais circunstancias.

Dentro das medidas para a prevención da enfermidade, os protocolos asistenciais de limpeza nos centros sanitarios recollen actuacións tales como:

– Unha maior frecuencia nos circuítos ou itinerarios de limpeza ordinarios.

– A realización de tarefas de limpeza periódica de superficies (pomos de portas, mesas) e espazos de uso común.

– A realización dunha limpeza rigorosa despois de cada atención sanitaria efectuada nas dependencias especificamente dedicadas á asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer a enfermidade provocada polo coronavirus. Neste caso, a limpeza debe facerse nun breve período de tempo despois da actividade sanitaria pois, doutro xeito, a sala de atención ou a correspondente superficie non estaría en condicións de ser usada por outros/as usuarios/as.

Polo tanto e no contexto da actual e excepcional situación de crise sanitaria, resulta necesaria a adopción do criterio reitor exposto, sen prexuízo de que os efectivos de servizos mínimos que resulten poidan ampliarse sempre que resulte estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde. Concretamente, nos casos en que sexa precisa a realización da limpeza coa maior brevidade posible de salas de atención e outros espazos especificamente habilitados para a asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer unha patoloxía derivada do coronavirus SARS-CoV-2, así como para abordar as tarefas de limpeza adicionais ás ordinarias ou habituais nos espazos e superficies, motivadas polo cumprimento dos protocolos asistenciais de prevención de transmisión do coronavirus SARS-CoV2, circunstancias estas que, de producirse, deberán quedar expresamente recollidas no expediente.

8. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, co máximo do 60 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos dos/das doentes. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, sen prexuízo de manter unha actividade que garanta a non rotura de stocks de alimentos preparados nas unidades. Por iso neste caso considérase necesario tomar como referencia máxima o 60 % do persoal da quenda da mañá, imprescindible para garantir un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.

9. Condutores/as: o mesmo número de efectivos que o dos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

Considérase que esta é a prevención mínima que garante a resposta ás necesidades de utilización de vehículos en cada centro, para atender aquelas cuestións urxentes que poidan xurdir.

10. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes.

A situación é variable debido á diferente organización e infraestrutura de cada centro, polo que ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivarse, é preciso manter unha mínima dotación para prestar atención e información ás persoas usuarias.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

Nunha xornada de folga, os servizos de recursos humanos deben asumir unha serie de tarefas específicas relacionadas con ela e coa propia xestión dos servizos mínimos, incluíndo a recompilación de información, resolución de incidencias, etcétera, que fan que nesa xornada sexa preciso manter una dotación mínima que permita realizar todas esas xestións, ademais daqueloutras tarefas ordinarias pero que non admitan demora por estaren suxeitas a prazos fixados normativamente.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes, cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de traballo cómpre garantir a dispoñibilidade de todo tipo de material, sanitario e non sanitario, para a correcta atención dos/das doentes ingresados/as e dos/das atendidos/as no servizo de urxencias. Para iso é preciso manter una dotación de efectivos nas unidades administrativas encargadas da tramitación e xestión dos pedidos de material.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén, cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de actividade, ao igual que no caso anterior, é preciso manter una dotación de efectivos nos almacéns encargados da xestión dos pedidos de material que inclúe a súa preparación e envío ás unidades de subministracións.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes, co máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

É necesario garantir a tramitación e xestións de carácter urxente que poidan ser requiridas respecto ás tarefas administrativas de contabilidade.

c.2) Persoal de xestión e servizos da atención primaria:

– En centros con catro ou menos efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo.

– En centros con cinco ou máis efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.

Un efectivo resulta o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás tarefas de xestión, información ás persoas usuarias e de apoio aos profesionais sanitarios para a realización do seu traballo. No caso dos centros de atención primaria de maior tamaño, distribuídos en varios andares, faise preciso un efectivo por andar co fin de garantir o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás devanditas tarefas de xestión, información e apoio.

d) Persoal das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC): na quenda da mañá, 2 efectivos de presenza física no ámbito da Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol.

e) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nas restantes áreas de actividade en que sexa necesaria unha prestación continuada dos servizos para o seu correcto funcionamento, e que nese senso xa dispoñen de persoal os domingos e festivos, os mínimos necesarios son os que de xeito habitual prestan servizo nos ditos días, considerándose que por debaixo das citadas presenzas (que se cifran en dúas no caso do persoal informático) non se garante a prestación do servizo esencial que garanta o axeitado funcionamento das institucións sanitarias.

f) Persoal de empresas privadas que realizan labores de servizos contratados co Servizo Galego de Saúde: aplicaranse os criterios establecidos nos puntos anteriores para a correspondente área de actividade. No caso de que algunha empresa actúe nunha área de traballo que non se corresponda coas dos criterios precedentes, establecerase un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2

As empresas privadas que teñan concertada a prestación pública sanitaria do Servizo Galego de Saúde no ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal deberán fixar o persoal preciso para garantir a prestación de recoñecida e inaprazable necesidade, de acordo cos criterios determinados no artigo precedente.

Artigo 3

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da correspondente institución, e deberá estar a súa fixación adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios dos centros con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección respectiva e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, ademais, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

Área sanitaria de Ferrol.

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Servizos mínimos

Persoal licenciado sanitario

Urxencias

7

Área Cirúrxica

20

Área Clínica/Hospitalización

26

Servizos Centrais

19

Persoal de enfermaría

Urxencias

11

Área Cirúrxica

13

Área Clínica/Hospitalización

57

SS.CC.

26

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

89

Técnico/a especialista

32

Celador/a

27

Persoal administrativo

39

Mantemento

4

Telefonista

1

Hostalaría

Cociñeiro/a

2

Pinche

21

Condutor/a

1

Lavandaría

Lavandeiro/a

5

Pasador/a de ferro

5

b) Servizos sanitarios de atención primaria.

Servizos mínimos

Médico/a de familia

38

Pediatra

13

Odontólogo/a

1

Farmacéutico/a

1

Persoal de enfermaría

46

Outro persoal sanitario

1

Persoal non sanitario

36

Limpeza atención primaria

1

c) Empresas contratadas. Área sanitaria de Ferrol.

Servizos mínimos

Limpeza centros sanitarios

60 % (media)

Transporte sanitario

3

Vixilancia e seguranza atención primaria

2

Vixilancia e seguranza centros hospitalarios

3

Mantemento Hospital Naval

1

Mantemento informático

2

Dietética

1

Help-Desk a usuarios/as de sistemas da información

1

Arquivo

1

Transporte dietas alimenticias

1

Transporte de mostras clínicas

4

Transporte de material e correspondencia

2

Limpeza centros hospitalarios

33 (70 % media)

DDD

1

Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos.

Servizos mínimos

Médico/a hemodoazón

1

Enfermeiro/a hemodoazón

1

Persoal non sanitario hemodoazón

1

Persoal contrata transporte sanitario

1

Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Servizos mínimos

Médico/a asistencial de base simple-061

1

Enfermeiro/a de base simple-061

1