Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 16 de decembro de 2020 Páx. 49305

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de novembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Ouzal a favor dos veciños/as da parroquia de Bangueses (San Miguel), no concello de Verea.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 2 de setembro de 2020, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Ouzal a favor dos veciños/as da parroquia de Bangueses (San Miguel), no concello de Verea (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 30 de xullo de 2018, tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Manuel Álvarez Fernández e José Antonio Cortés Álvarez, no cal solicitaban a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Ouzal.

Segundo. Con data do 4 de xuño de 2019, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Con data do 10 de decembro de 2019, Manuel Álvarez Fernández presentou escrito de alegacións contra o acordo de inicio do expediente de clasificación. Nel indicaba que existía un erro cando se facía referencia ao polígono 27, xa que en realidade era o 97.

O día 26 de xuño de 2020, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense informou de que efectivamente se cometeron dous erros no número do polígono da parcela catastral 9005, xa que se corresponde co polígono 97 e non co 27. Polo que o xurado provincial acordou realizar a oportuna modificación, de acordo co citado informe.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que figura no expediente, descríbese así:

Nome do monte: Ouzal.

Superficie: 6,31 ha.

Pertenza: CMVMC da parroquia de Bangueses (San Miguel).

Parroquia: Bangueses (San Miguel).

Concello: Verea.

Descrición dos predios que constitúen o monte:

Os terreos obxecto da solicitude constitúen un único couto redondo, segundo a definición que figura no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. As parcelas catastrais están separadas por camiños que corresponden á parcela catastral nº 9018, do polígono 96, e á parcela catastral nº 9005, do polígono 97, do concello de Verea. O monte está constituído polas tres parcelas catastrais seguintes:

Concello

Polígono

Parcelas

Verea

96

1168

97

567-568

a) Perímetro exterior:

Parcelas catastrais lindeiras:

Linde

Concello

Polígono

Parcelas/referencias catastrais

Norte

Verea

96

9009-9018

Leste

Verea

97

21-22-23-24-25-26-27-28-29-31-32-33-34-37-38-39-40-41-42-43

Sur

Verea

97

72-9005

Oeste

Verea

96

9018

b) Perímetro interior (enclavados):

Como xa se citou anteriormente as parcelas catastrais que constitúen o monte están separadas por camiños que corresponden á parcela catastral nº 9018, do polígono 96, e á parcela catastral nº 9005, do polígono 97, do concello de Verea.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao xurado provincial de clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común acreditouse mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Ouzal a favor dos veciños/as da parroquia de Bangueses (San Miguel), no concello de Verea (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de novembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense