Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 18 de decembro de 2020 Páx. 49690

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se aproban os modelos de comunicación da designación da dirección facultativa de actividades mineiras (código de procedemento IN320A) e de comunicación da renuncia ou cesamento da dirección facultativa de actividades mineiras (código de procedemento IN320B).

O Real decreto 863/1985, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira (RXNBSM), establece no seu artigo 3 que «Todas as actividades incluídas neste regulamento estarán baixo a autoridade dun director facultativo responsable coa titulación exixida pola lei». O dito RXNBSM foi desenvolvido por instrucións técnicas complementarias (ITC), entre as cales se atopa a ITC 02.0.01 «Directores facultativos», aprobada pola Orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 22 de marzo de 1988 pola que se aproban instrucións técnicas complementarias dos capítulos II, IV e XIII do Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira.

Desde 1988, segundo se establecía no número 2.1 na redacción orixinal da citada ITC 02.0.01, o explotador viña obrigado a comunicar unha proposta de director facultativo á autoridade mineira, quen, de forma razoada, aceptaría ou rexeitaría a dita proposta de nomeamento e, no primeiro dos casos, procedería á inscrición do director facultativo nun rexistro.

O 18 de marzo de 2020 publícase no BOE a Orde TED/252/2020, do 6 de marzo, pola que se modifica a Instrución técnica complementaria 02.0.01 «Directores facultativos» e na cal se substitúe o anterior réxime de autorización do nomeamento da dirección facultativa pola autoridade mineira polo de comunicación realizada polo empresario, co fin de adaptalo ao recollido na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Así, no número 4.2 da citada orde establécese que «O empresario ten a obriga de comunicar á autoridade mineira a designación da dirección facultativa do centro de traballo. A dita comunicación, que se fará por medios electrónicos, de conformidade co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañarase da aceptación do cargo por parte da dirección facultativa e terá o contido mínimo previsto nos anexos I e II da presente instrución técnica.

A comunicación permite o exercicio da dirección facultativa no centro de traballo desde o día da súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección da autoridade mineira».

Continúa o número 4.2 dicindo que «A autoridade mineira inscribirá a dirección facultativa nun rexistro de carácter autonómico, o cal recollerá, para cada director/a facultativo/a a identificación dos centros de traballo onde desempeñe a dirección facultativa e a data de alta. A autoridade mineira remitirá o dito rexistro á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas co fin de efectuar un rexistro de carácter estatal».

Por outra banda, establece a nova redacción dada á ITC 02.0.01 no seu número 4.3 que, no caso de renuncia dunha dirección facultativa, esta deberá comunicarse por medios electrónicos á autoridade mineira con 10 días de anticipación, prazo dentro do cal o empresario deberá comunicar a designación da nova dirección facultativa. No caso de cesamento da dirección facultativa por causa de forza maior, o empresario disporá dun prazo de 10 días desde o feito causante para comunicar a nova dirección facultativa.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Aprobar e dar publicidade aos modelos de comunicación que se indican a seguir, así como adaptalos ao procedemento de comunicación previsto no número 4 da ITC 02.0.01 «Dirección facultativa», segundo a Orde TED/252/2020, do 6 de marzo:

a) Procedemento IN320A: procedemento de comunicación da designación da dirección facultativa de actividades mineiras. Procedemento IN320A que se recolle no anexo I e II desta resolución.

b) Procedemento IN320B: procedemento de comunicación da renuncia ou cesamento da dirección facultativa de actividades mineiras. Procedemento IN320B que se recolle no anexo III desta resolución.

Segundo. Destinatarios

Estes procedementos están dirixidos ás persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Terceiro. Prazo de presentación

Os procedementos IN320A e IN320B son procedementos administrativos de prazo aberto e os modelos de comunicación pódense empregar desde o día seguinte á publicación desta resolución.

Cuarto. Forma de presentación dos modelos de comunicación para os procedementos IN320A e IN320B

As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinto. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos IN320A e IN320B deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Especificidades dos procedementos IN320A e IN320B

a) O procedemento IN320A regula a comunicación da designación da dirección facultativa de actividades mineiras, conforme o indicado na ITC 02.0.01 «Dirección facultativa», segundo a Orde TED/252/2020, do 6 de marzo, anexos I e II: IN320A.

b) Pola súa banda, o procedemento IN320B regula a comunicación da renuncia ou cesamento da dirección facultativa das ditas actividades mineiras, anexo III: IN320B.

c) Os procedementos IN320A de comunicación da designación da dirección facultativa de actividades mineiras e IN320B de comunicación da renuncia ou cesamento da dirección facultativa de actividades mineiras son procedementos electrónicos de prazo aberto. As comunicacións serán dirixidas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (en adiante a Xefatura Territorial) onde se localicen os centros de traballo para os cales son designados ou dos que se comunique a correspondente renuncia ou cesamento.

d) As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación da designación da dirección facultativa (procedemento IN320A) a seguinte documentación:

• Aceptación do cargo da dirección facultativa (anexo II: IN320A).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

e) Comprobación de datos

Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa comunicante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade comunicante.

• NIF da entidade representante.

• DNI ou NIE da persoa directora facultativa designada.

• Títulos oficiais universitarios do técnico competente designado (no caso do procedemento IN320A).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

f) Unha vez presentadas as comunicacións, o rexistro devolverá automaticamente un aviso de recepción da comunicación efectuada. A xefatura territorial correspondente poderá requirir emenda da documentación presentada se o considera necesario. As citadas notificacións practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

g) O formulario da comunicación da designación da dirección facultativa de actividades mineiras (IN320A) ten as opcións de designación da dirección facultativa conforme o procedemento de comunicación establecido na Orde TED/252/2020/modificación dos datos comunicados/emenda ou resposta a requirimento.

h) O formulario da comunicación da renuncia ou cesamento da dirección facultativa de actividades mineiras (IN320B) ten as opcións de renuncia da dirección facultativa/cesamento da dirección facultativa /emenda ou resposta a requirimento.

Oitavo. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co obxecto de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file