Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50104

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (código de procedemento ED550A e ED550B).

A admisión de alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato está regulada no Decreto 254/2012, do 13 de decembro, e na Orde do 12 de marzo de 2013, modificada pola Orde do 25 de xaneiro de 2017.

O obxectivo desta reforma é ampliar o prazo de que dispoñen as familias para presentar solicitude de reserva de praza para continuar estudos nun centro adscrito, así como o prazo que teñen os centros educativos para a súa xestión, tendo en conta o elevado número de solicitudes de reserva de praza que xestionan en cada convocatoria.

Isto obriga a maiores a fixar un prazo límite para formalizar as modificacións das adscricións dos centros docentes, necesariamente acorde coa anterior ampliación do prazo de reserva, e para incorporar estes cambios á aplicación de xestión da admisión do alumnado.

A ampliación do devandito prazo permitirá tamén unha correcta adecuación da posterior oferta de prazas naqueles casos en que a fase de reserva non permita a escolarización de todo o alumnado solicitante.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das facultades conferidas na disposición derradeira primeira do Decreto 254/2012, do 13 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de marzo de 2013

A Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (código do procedemento ED550A e ED550B), modifícase nos seguintes termos:

Un. Engádese un número 3 ao artigo 8, coa seguinte redacción:

«3. As modificacións das adscricións a que se refiren os números 1 e 2 deste artigo estarán formalizadas e incorporadas á aplicación de xestión “admisionalumnado” antes do inicio do prazo para presentar as solicitudes previsto no artigo 10.2».

Dous. O artigo 10.2 queda coa seguinte redacción:

«2. O alumnado que pretenda continuar estudos nun centro de adscrición, para os efectos de reserva de praza neste, deberá presentar no centro de orixe ou a través da aplicación “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) o formulario normalizado (ED550A) que se publica como anexo I da presente orde. O prazo de presentación estará comprendido entre os días 11 de xaneiro e o 8 de febreiro de cada ano.

O formulario normalizado será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e tamén estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, na aplicación “admisionalumnado”, e na páxina web da consellería competente en materia de educación».

Tres. A disposición adicional primeira queda coa seguinte redacción:

«Os prazos máis salientables dos previstos nesta orde para a tramitación dos procedementos de admisión e de matrícula do alumnado son os que se indican a seguir e, en todo caso, enténdense referidos ao ano natural:

1. Reserva de praza no centro de orixe: do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro.

2. Data do sorteo público para efectos de desempate: última semana de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.

3. Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo.

4. Presentación da solicitude de admisión: 1-20 de marzo.

5. Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 10 días hábiles contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.

6. Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: antes do 25 de abril.

7. Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: antes do 15 de maio.

8. Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: 20-30 de xuño.

9. Formalización da matrícula en ESO e bacharelato: 25 de xuño-10 de xullo.

10. Prazo extraordinario de formalización de matrícula en ESO e bacharelato: 1-10 de setembro».

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade