Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50107

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205I).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (en diante, disposicións comúns dos Fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentables e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúa á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, establece as medidas financeiras da Unión para a aplicación da política pesqueira común, das medidas pertinentes relativas ao dereito do mar, do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas e da pesca interior, e da política marítima integrada. Este regulamento establece ademais, no seu artigo 6, as prioridades do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, entre as cales se atopan o apoio á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico no sector da pesca e da acuicultura.

Por outra banda, a Estratexia galega da acuicultura (Esga) é o documento de articulación que rexerá a planificación e a xestión da actividade acuícola cun horizonte situado no ano 2030. A Esga establece as liñas de acción no territorio galego que se pretenden desenvolver na acuicultura, en consonancia coas disposicións do Plan estratéxico plurianual da acuicultura española.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2021, coa finalidade de fomentar o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura a través da I+D+i, impulsando as relacións entre a comunidade científica e o sector produtor.

Preténdese dar resposta á necesidade principal de impulsar o uso de tecnoloxías e avanzar coa innovación en todos os ámbitos da acuicultura mediante accións innovadoras, incluídas no artigo 47 do Regulamento (UE) nº 508/2014, en campos como a alimentación, pensos sustentables, enerxías renovables e aspectos ambientais, novos sistemas de cultivo, xestión de residuos bioxénicos ou a mellora das tecnoloxías de cultivo.

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos a bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería do Mar en materia de acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE205I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas á realización de proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura (artigo 47 Regulamento (UE) nº 508/2014) e que teñan como obxectivo:

a) O desenvolvemento de coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas, que reduzan o impacto no medio ambiente, reduzan a dependencia da fariña e o aceite de peixe, impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar dos animais ou faciliten novos métodos de produción sustentable.

b) O desenvolvemento ou introdución no mercado de novas especies acuícolas, produtos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos novos ou perfeccionados, ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados.

c) O estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (Comunidade Autónoma de Galicia) nun 25 %.

5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. A concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

7. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2021. Os importes máximos das subvencións que se concedan nos ditos exercicios orzamentarios ascenderán ás seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Total

15.02.723A.770.0

1.000.000 €

700.000 €

1.700.000 €

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas ou organizacións destas con ámbito de actuación local ou autonómico, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, que desenvolvan proxectos de innovación en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola la Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde considérase empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os proxectos deben ser levados a cabo en colaboración cun organismo científico ou técnico recoñecido, que actuará como entidade subcontratada. Para tales efectos, terán esta consideración:

a) Os incluídos nun rexistro creado, de acordo co Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

b) Os organismos das comunidades autónomas recoñecidos como tales pola normativa autonómica.

c) Os organismos públicos de investigación, definidos no artigo 47 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

d) As universidades públicas e privadas.

e) Outras entidades do sector público que desenvolvan actividades de I+D+i.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

f) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

g) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE. Con carácter xeral serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos recollidos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos recollidos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

h) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.

i) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo o proxecto previsto ou ter presentadas as solicitudes deles. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.

j) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

As posibles persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Axustar os custos subvencionables do proxecto ao valor de mercado.

c) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe da subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

d) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar na actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, disolverse ata que transcorra o devandito prazo.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou ás condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

h) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

i) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

j) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do proxecto realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca, cando a axuda sexa de 100.000,00 euros ou superior ou cando o proxecto se considere relevante segundo se indique na resolución de concesión.

k) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluídas na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro.

l) Se a realización do proxecto comporta a xeración de residuos, deberanse cumprir as condicións sinaladas para cada tipo de residuo na normativa sectorial.

Artigo 7. Importe máximo subvencionable e Intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. A contía das axudas será establecida segundo o indicado no artigo 95 e no anexo I do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014:

Tipo de solicitante

Intensidade axuda xeral

Excepcións: proxectos de interese colectivo, con beneficiario colectivo e con características innovadoras a escala local

Pemes

50 %

100 %

Grandes empresas

30 %

----

Organizacións de produtores, asociacións de organizacións de produtores ou asociacións interprofesionais

75 %

100 %

Outras organizacións de beneficiarios colectivos

60 %

100 %

3. Terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (peme), as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros.

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado nela.

4. No marco do disposto no artigo 95 e anexo I do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, entenderase como «beneficiario colectivo» a referencia a unha organización recoñecida que representa os intereses dos seus membros, dun grupo de interesados ou do público en xeral. Con todo, para ser elixible para o tratamento preferente definido polo artigo 95, as accións levadas a cabo por estas organizacións requirirán o «interese colectivo» dos seus membros, dun grupo de interesados ou do público en xeral. É dicir, tales accións deben abranguer máis que a suma dos intereses individuais dos membros deste colectivo beneficiario. En particular, débese garantir que o beneficiario é a organización colectiva en si e non os seus membros.

No que respecta á «innovación a nivel local», considérase innovación, nun contexto local, se o método xera novas formas de pensar e facer novos mercados, novos produtos, servizos, métodos de traballo e a innovación social. O carácter innovador, significa que deben ter como obxectivo a introdución de novas ideas na zona. A innovación pode adoptar diferentes formas: novos servizos, novos produtos, novos métodos de organización, innovación social, etc. A innovación debe avaliarse en función da situación local e en termos da súa eficacia en comparación cos métodos e as solucións existentes aplicados nese territorio, é dicir, unha acción que é innovadora nun determinado lugar pode ser xa utilizada noutro lugar.

5. O importe das actuacións subvencionables será o que se obteña da valoración dos custos do proxecto con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 e anexo I do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 9. Proxectos obxecto de subvención

1. As axudas obxecto desta orde están destinadas á realización de proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura e que teñan como obxectivo:

a) O desenvolvemento de coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas que reduzan o impacto no medio ambiente, reduzan a dependencia da fariña e o aceite de peixe, impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar dos animais ou faciliten novos métodos de produción sustentable.

b) O desenvolvemento ou introdución no mercado de novas especies acuícolas, produtos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos novos ou perfeccionados, ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados.

c) O estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.

Artigo 10. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o cal foron concedidos.

2. Os proxectos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados nin pagados antes da data de presentación da solicitude.

3. Para a anualidade de 2021 só se admitirán os gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 ou a data de presentación da solicitude, no caso de realizarse esta con posterioridade, e a data límite de xustificación establecida no artigo 23 desta orde. Para a segunda anualidade admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o día seguinte da data límite de xustificación da anualidade 2021 e a data límite de xustificación da anualidade 2022.

4. Consideraranse gastos subvencionables os seguintes conceptos:

a) Persoal:

1. Custos de persoal propio da empresa ou organización solicitante (persoal investigador, técnico persoal auxiliar que realice actividades de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento do proxecto. Non serán subvencionables os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto. O persoal deberá ter relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención ou ser socio da empresa ou organización que traballe baixo o réxime de autónomos.

O custo de persoal propio será como máximo o 40 % do custo subvencionable total do proxecto.

2. Persoal contratado polo beneficiario exclusivamente para a realización do proxecto: ata un 100 % do salario líquido que se vaia percibir. A contratación deste persoal será acorde coa súa titulación. A retribución bruta do persoal contratado non poderá ser superior ao importe vixente, no ano de contratación, correspondente ao grupo de titulación segundo o V Convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Os mencionados importes figuran no anexo XV.

b) Gastos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

Se o equipamento e material se dedican exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición.

Se o equipamento e material non se utilizan exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto. A cota de amortización calcularase segundo o disposto no artigo 12.1.a) da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades, e no Real decreto 634/2015, do 10 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sociedades. O método de cálculo incluirase na proposta. Non se financiarán os custos de amortización de aparellos e equipamentos que se adquiriron con axuda doutras subvencións públicas.

As novas licenzas e as renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1. Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao finalizar o contrato de leasing.

2. Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

3. As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data de presentación da solicitude da subvención, e só se pode imputar as cotas pagas dentro do período de xustificación de cada anualidade.

4. Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos intereses, os gastos xerais e os gastos de seguro.

c) Gastos de materiais, subministracións e produtos similares exclusivamente destinados ás actividades de investigación. Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto.

d) Custos de subcontratación cos organismos definidos no artigo 4 desta orde, nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A persoa beneficiaria poderá subcontratar, como máximo, ata o 50 % do importe da actividade subvencionada.

O contrato entre a persoa solicitante e o organismo subcontratado deberá ser autorizado pola Consellería do Mar. En caso de concesión da axuda, e para os efectos de dar cumprimento ao disposto no artigo 27.3 da citada Lei 9/2007, este contrato entenderase autorizado pola Consellería do Mar desde a data de inicio da súa execución, sempre que esta sexa posterior á de entrega da solicitude do proxecto.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

1. Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

3. Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

4. Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

5. Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

e) Servizos tecnolóxicos externos: aquelas actividades distintas da investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes.

5. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e aprobados polo Comité de Seguimento, e que, segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

1. En todo caso, non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) As modificacións ou melloras menores.

b) As melloras non substanciais de procedementos habituais ou rutineiros. É necesario que o proxecto teña un carácter innovador.

c) Os cambios estacionais regulares.

d) A adaptación ás necesidades dun cliente específico que non presenta características significativamente diferentes dos produtos fabricados para outros clientes.

e) Os cambios de deseño que non modifican a función ou as características técnicas dun ben/servizo.

f) Sistemas de fabricación ou loxísticos similares aos xa en uso.

g) Os cambios no deseño, envasamento, colocación dun produto, promoción, tarificación dun produto baseados en métodos de comercialización que xa fosen utilizados pola empresa.

h) A utilización de métodos de comercialización xa aplicados para introducirse nun novo mercado xeográfico ou nun novo segmento de mercado.

i) Os cambios de prácticas comerciais, a organización do lugar de traballo ou relacións exteriores baseadas en métodos organizativos xa en uso.

j) Os cambios de estratexia de xestión, salvo se se acompañan da introdución dun novo método de organización.

k) As fusións ou adquisicións de empresas.

l) O ensino e formación cando non sexa imprescindible para a introdución dunha innovación.

m) A xestión e outras actividades de apoio, cando se refiran soamente ao financiamento da innovación ou se trate de actividades de apoio directas, tales como transporte, almacenamento, limpeza, reparación, conservación e seguranza ou actividades meramente administrativas como as relativas a orzamento e persoal.

n) A transferencia da propiedade dunha empresa.

ñ) Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

o) Elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación ou proxecto obxecto da subvención.

p) Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

q) Adquisicións de bens inmobles, maquinarias, instalacións e equipamentos de segundo uso.

r) Adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

s) Imposto sobre o valor engadido (IVE) cando sexa recuperable.

t) Outros impostos recuperables.

u) Custos dos servizos veterinarios oficiais.

v) Equipamento informático ou similar.

w) O ensino e formación de persoal que interveña no proxecto, salvo que se contrate expresamente con ese fin.

x) Trámites sobre normalización do proxecto subvencionado.

y) Trámites para a adquisición de patentes.

z) Participación en congresos/xornadas ou similar de carácter científico.

aa) Trámites para a publicación en revistas científicas.

ab) Recollida de datos que non sexan exclusivas para a consecución dos fins do proxecto.

ac) Actividades rutineiras de software (mantemento).

ad) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

2. Ademais, de acordo cos números 4 e 5 do artigo 46 do Regulamento da (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, non se concederá axuda:

a) Para a cría de organismos modificados xeneticamente.

b) Para operacións de acuicultura en zonas mariñas protexidas cando unha autoridade competente dun Estado membro determine sobre a base dunha avaliación de impacto ambiental, que a operación provocaría un efecto medioambiental negativo significativo que non poida ser atenuado adecuadamente.

Artigo 12. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Anexo II. Datos do proxecto.

Anexo III. Memoria do proxecto.

Anexo IV. Orzamento do proxecto.

Anexo V. Declaracións do organismo científico ou técnico que colabora na realización do proxecto.

Anexo VI. Pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

Anexo VII. Relación de ofertas solicitadas e elixidas, se é o caso.

Anexo VIII.1. Declaración de peme (persoa física, pluralidade de persoas físicas)

Anexo VIII.2. Declaración de peme (persoas xurídicas).

Anexo VIII.3. Declaración de peme (persoas físicas partícipes en persoas xurídicas).

Anexo IX. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

2.1. Documentación xurídico administrativa da entidade solicitante:

2.1.1. Para persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Copia do poder de representación do representante legal da persoa solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas do exercicio económico 2019, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

e) Imposto de sociedades do exercicio económico 2019 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

f) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2020, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

g) No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas, depositadas polo solicitante, ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas onde o solicitante estea incluído por consolidación, do exercicio económico 2019, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

h) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación de data posterior á da publicación da orde.

i) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade dos antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.

j) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza.

2.1.2. Para persoas físicas:

a) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2020 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

b) Declaración da renda dos exercicios 2018 e 2019.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á da publicación da orde.

d) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

2.1.3. Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas, poderá ser formulada nunha única solicitude. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo VI e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo. A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2020, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

b) Declaración da renda dos exercicios 2018 e 2019, de cada persoa solicitante.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á da publicación da orde, de cada persoa solicitante.

d) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado, de cada persoa solicitante.

2.2. Plan de financiamento do proxecto:

a) Informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento.

b) Documentación xustificativa do tipo de financiamento:

– Recursos propios.

– Certificados bancarios actualizados, debidamente asinados e selados, das contas do solicitante onde consten o/s titular/es, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos, etc.) e os fondos dispoñibles para realizar o proxecto. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberáse indicar a súa dispoñibilidade ou, en caso contrario, o prazo de vencemento.

– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/s certificado/s bancario/s do/s desembolso/s del.

– Recursos alleos

– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida por notario.

– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario actualizado debidamente asinado e selado, onde se identifique o número da póliza de crédito a que se fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e o disposto.

– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificado/s bancario/s do/s desembolso/s, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, se é o caso.

– Noutros casos, achegar a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).

2.3. Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado dos gastos previstos para a realización do proxecto.

Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír o anexo VII desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2.4. As novas empresas que estean entrando no sector deberán presentar un plan empresarial e, cando o custo dos investimentos sexa superior a 50.000 euros, un estudo de viabilidade que inclúa unha avaliación de impacto ambiental das operacións.

Para os efectos deste número enténdese por «estar entrando no sector» ser unha empresa nova, considerando como tal aquela que obtivese o título habilitante durante os dous anos anteriores á publicación da presente orde. Tamén se entende por «estar entrando no sector» ser unha empresa antiga autorizada para unha nova actividade acuícola durante os dous anos anteriores á publicación da presente orde. En ambos os casos será un requisito que a empresa non obtivese ningunha axuda do FEMP para a actividade acuícola autorizada.

2.5. Seguro de responsabilidade do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.

2.6. No caso de que o proxecto inclúa custos para a execución de obra civil ou instalacións, presentaranse as facturas pro forma ou orzamentos da empresa construtora ou instaladora, desagregadas por unidades de obra.

2.7. No caso de que se inclúan custos para maquinaria, deberá achegarse o catálogo do provedor e detallarse a marca e o modelo sempre que sexa posible.

2.8. No caso de que se inclúan custos de amortización de equipamento ou material, deberá achegarse informe asinado polo representante legal da empresa ou organización solicitante en que se detalle o método de cálculo utilizado.

2.9. No caso de que se inclúan custos de alugamento de equipamentos e/ou investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) deberá achegarse compromiso de adquisición do ben asinado polo representante legal da empresa ou organización solicitante.

2.10. Proxecto técnico visado de forma oficial, en caso necesario, de acordo coa normativa sectorial que sexa de aplicación, e asinado por técnico competente.

2.11. Se a realización do proxecto require autorización, concesión, permisos ou licenzas, para levar a cabo as actuacións previstas, deberá achegar o documento que acredita estar en posesión dela ou solicitude de telo presentado.

2.12. Contrato asinado co organismo científico ou técnico, cuxa execución pode estar condicionada á aprobación da axuda por parte da Consellería do Mar.

No devandito contrato, o organismo científico ou técnico deberá comprometerse a participar de forma activa no proxecto e a elaborar un informe de validación dos resultados do proxecto á súa finalización. A non participación do organismo ou a non validación dos resultados será motivo de anulación da axuda concedida.

Deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data de inicio e duración total, identificación dos investigadores participantes coa descrición específica das actividades realizadas por cada un deles e a súa porcentaxe de dedicación ao proxecto, orzamento total e desagregado por anualidades, de ser o caso, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados.

No caso de que o establecemento de acuicultura sexa titularidade dun matrimonio casado en réxime de gananciais, deberá presentarse a documentación correspondente ao punto 2.1.3 deste artigo referido á pluralidade de persoas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requerida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo IX desta orde.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE/NIF da persoa representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

b) DNI/NIE de cada persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

d) NIF da persoa xurídica solicitante.

e) Certificación de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

h) Informe acreditativo de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da xefatura territorial correspondente da Consellería do Mar de cada persoa solicitante.

j) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtido a través do rexistro público concursal do Ministerio de Xustiza de cada persoa solicitante.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación de cada persoa solicitante.

l) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non for declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade dos antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP de cada persoa solicitante.

n) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtido do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de cada persoa solicitante.

ñ) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de delitos, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade dos antecedentes penais ou a ausencia deles.

o) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE de cada persoa solicitante.

p) Resolución de concesión doutra axuda para o mesmo proxecto, concedida pola Xunta de Galicia, de cada persoa solicitante, se é o caso.

q) Concesións de subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

r) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo VI, ou anexo IX) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Tramitación das solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Os servizos de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Acuicultura das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 14 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma e lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do custo do proxecto nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerarán aumento do importe total do custo do proxecto as diferenzas ou erros materiais que se puideren dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Os expedientes serán remitidos polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura, que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

6. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de selección.

8. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura continuará coa tramitación establecida nos seguintes artigos dos expedientes das solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

1. Os proxectos que se financien deberán adecuarse ao programa operativo do FEMP e ser tecnicamente viables.

2. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais en que se terá en conta a súa idoneidade co programa operativo do FEMP.

3. Esta avaliación será realizada preferentemente por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan fornecer valor engadido a esta avaliación.

4. Para a valoración da idoneidade ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico previstos para as medidas recollidas no número 3.3. do PO medidas pertinentes e indicadores de produtividade: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un «informe de idoneidade» para cada solicitude que alcance esta fase na cal se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: ˂= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <=2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuados entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos, para o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

C) Fase de valoración e selección.

I. Fase de valoración.

1. Os criterios de valoración específicos poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

2. A comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co que a seguir se detalla.

3. Os criterios de valoración das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a seguir ata un total de 50 puntos:

a) O carácter innovador do proxecto que pode vir da man do produto e/ou proceso, priorizando o compoñente de innovación tecnolóxica dentro do sector: ata 10 puntos.

b) Interese colectivo nas innovacións propostas: ata 10 puntos.

c) Implicación de empresas, asociacións ou agrupacións sectoriais e orientación aplicada do proxecto. Ata 10 puntos. Consideraranse os seguintes aspectos:

1. Implicación de empresas, asociacións ou agrupacións sectoriais no desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento destinado á aplicación dos resultados na empresa

d) Interese da actuación no ámbito autonómico: ata 10 puntos. Consideraranse os seguintes aspectos:

1. Oportunidade estratéxica da actuación no ámbito autonómico: valorarase que a proposta estea aliñada coas estratexias definidas polas comunidades autónomas para o desenvolvemento da acuicultura.

2. Impacto socioeconómico no ámbito autonómico: valorarase que a proposta poida contribuír á creación de emprego e novas empresas acuícolas.

e) Interese da actuación para as empresas acuícolas: ata 10 puntos. Consideraranse os seguintes aspectos:

1. Aplicabilidade na actividade das empresas: valorarase o interese e a viabilidade técnica e económica da implementación dos resultados da proposta na actividade das empresas.

2. Impacto sobre a competitividade das empresas: valorarase a achega de solucións aos principais retos das empresas do sector e a mellora na conta de resultados ou un posicionamento diferencial fronte a competidores externos doutros países.

No caso de empate na valoración, terán prioridade as empresas que recibisen unha maior puntuación na alínea b) relativa ao interese colectivo das innovacións propostas.

II. Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase, se procede, a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Relacionaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos custos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados pola comisión de selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente. O xefe/a de servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario.

c) Os/as xefes/as do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, no caso de que as xefaturas territoriais tramitasen parte dos expedientes das axudas reguladas na presente orde.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As reunións da Comisión de Selección poderán celebrarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos custos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses desde a data de remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 22. Modificación de resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas pola persoa beneficiaria por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo máximo de dous meses antes do prazo de xustificación do proxecto e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No seu escrito, a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do custo do proxecto inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do proxecto subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos proxectos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, por tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Xustificación dos gastos do proxecto

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental do proxecto será o 15 de novembro de 2021 para a primeira anualidade e o 15 de novembro de 2022 para a segunda, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña un prazo distinto.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. A xustificación do proxecto presentarase conforme a disposto no artigo 15 da orde e na forma e lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

5. A realización do proxecto xustificarase coa presentación do expediente para o pagamento, que deberá incluír a declaración responsable de finalización de actuacións do proxecto (anexo XIII).

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización do proxecto.

6. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo X, na cal virán relacionados e clasificados os gastos e as actuacións da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Facturas detalladas o máximo posible e, ao menos, co mesmo nivel de desagregación dos conceptos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, as facturas deben estar emitidas a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

c) Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados, que deberán identificar as facturas pagadas e os seus importes ou permitir seguir a pista de auditoría nos termos establecidos no artigo 6.g) da presente orde. Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, os pagamentos deben estar realizados a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

d) Relación das diferenzas existentes entre os gastos solicitados e os realizados (anexo XI).

e) Declaración responsable de finalización de actuacións do proxecto (anexo XIII).

f) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso (anexo XII).

g) Autorizacións, concesións, permisos ou licenzas para levar a cabo o proxecto, no caso de non telos presentados coa solicitude de subvención.

h) Declaración asinada polo representante legal da empresa ou organización beneficiaria na cal se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, así como as fichas de amortización de cada ben. En todo caso, a esta documentación deberán xuntarse os libros maiores das contas de inmobilizado obxecto de subvención (inmobilizado, amortización acumulada e dotación á amortización) da empresa e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Consellería do Mar poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

i) No caso de aluguer ou leasing de equipamentos e/ou materiais, será necesario achegar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

j) Factura emitida pola entidade subcontratada ao beneficiario na cal se especifique claramente o título do proxecto financiado. No caso de que sexan varias as facturas, todas elas deberán estar desagregadas e especificar o título do proxecto financiado.

k) Memoria da entidade subcontratada en que se fagan constar as actividades realizadas no proxecto, incluíndo unha relación das persoas que participaron nel, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación ao proxecto.

l) Memoria detallada da consecución dos obxectivos previstos do proxecto, asinada polo investigador principal da entidade beneficiaria.

m) Informe de validación dos resultados do proxecto, emitido polo organismo científico subcontratado e asinado pola persoa responsable da xefatura técnica do proxecto, que deberá presentarse á finalización do proxecto.

n) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto, deberá entregarse:

1) Declaración dos custos de persoal propio imputados ao proxecto (anexo XIV).

2) Informe de vida laboral da empresa ou organización de empresas referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade.

3) No caso do persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación, nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento.

4) Para o persoal de nova contratación, deberá entregarse a copia do contrato en que poida verificarse a exclusividade ao proxecto e a acreditación de que cumpre o perfil profesional do anexo XV.

5) Nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

Cando a documentación xustificativa deste gasto conste nun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a lista da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

6) Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %.

o) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 6.j) desta orde.

p) Copia do material elaborado, sexa material impreso, audiviosual, maqueta se se trata dun prototipo ou calquera outro material.

q) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

Artigo 24. Pagamento

1. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto obxecto da axuda e a súa xustificación estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da súa realización realizarase coa declaración responsable de finalización de actuacións do proxecto e coa documentación detallada no artigo 23 desta orde.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. No caso de que os gastos do proxecto fosen xustificados por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do orzamento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 25. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar, segundo o previsto nos artigos 62 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estes avais deberán presentarse ante a caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

4. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros, segundo o previsto no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou a transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde no terá validez cando non sexa previamente autorizada polo órgano que as concedeu.

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posta en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión o novo propietario deberá subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 27. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 28. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no capítulo I do título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poideren ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx , e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 32. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 de disposicións comúns e a remisión á base nacional de subvencións.

Disposición adicional primeira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XV

Titulación

Importe mensual bruto para unha xornada máxima de 40 horas semanais

Título de doutoramento, licenciado ou equivalente

1.899,99 €

Diplomatura ou equivalente

1.586,32 €

Título de bacharelato, BUP, formación profesional de técnico superior, FPII

1.332,74 €

Formación profesional de técnico, FPI, educación secundaria obrigatoria

1.273,69 €

Graduado escolar (EXB) e outros

967,36 €