Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 259 Luns, 28 de decembro de 2020 Páx. 50600

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Monteveloso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monteveloso, do monte veciñal en man común de Feilas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Feilas, e do monte veciñal en man común de Portela e Caneira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasverea, nos concellos de Castrelo do Val, Vilardevós e Riós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Comunal de Monteveloso, pertencente á CMVMC de Monteveloso, o MVMC de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas, e o MVMC Portela e Caneira, pertencente á CMVMC de Trasverea, nos concellos de Castrelo do Val, Vilardevós e Riós, resultan os seguintes.

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de maio de 2016 o presidente da CMVMC de Feilas presentou un escrito na oficina agraria comarcal de Xinzo de Limia (nº 2460/rx 1211530) co fin de rexistrar un acordo de deslindamento entre as CMVMC de Monteveloso, Feilas e Trasverea, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós.

Entre outra documentación, achegou os acordos das asembleas das comunidades, unha acta de conciliación e un informe deslindamento con planos.

Segundo. O 22 de agosto de 2019 a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1750337) un novo escrito co que incorporou a seguinte documentación: acto conciliatorio, acordos da asemblea, memoria descritiva, acta de acordo sobre o terreo e arquivo gráfico.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 9 de decembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado ten como inicio o punto 1 acordado pola CMVMC de Gondulfes e Marbán, a CMVMC de Monteveloso e a CMVMC de Feilas, segundo consta na acta de conciliación do 4 de xullo de 2019 levantada no Xulgado de Paz de Castrelo do Val. Desde este punto, cara ao leste, o perímetro estremeiro do MVMC de Feilas e o MVMC Comunal de Monteveloso vén definido por unha liña recta ata o punto 2 situado na beira sur dunha pista. Desde aquí segue pola beira sur da pista ata o punto 4 a partir do que segue unha liña poligonal na dirección dunha área devasa ata o punto 12 situado nunhas pedras localizadas no punto de maior cota da zona onde estreman estes MVMC co MVMC Portela e Caneira.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Monteveloso, pertencente á CMVMC de Monteveloso, o MVMC de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas, e o MVMC Portela e Caneira, pertencente á CMVMC de Trasverea, nos concellos de Castrelo do Val, Vilardevós e Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense