Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 5 de xaneiro de 2021 Páx. 132

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20+ para o emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e á promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre os cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, medidas que trouxeron consigo a maior crise económica coñecida. Moitas persoas traballadoras autónomas tiveron que acollerse ao cesamento de actividade e nalgúns casos víronse obrigadas a pechar os seus negocios a causa da pandemia.

Neste sentido, mediante a Orde do 17 de novembro de 2020 establecéronse as bases reguladoras do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da COVID-19 financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2020.

De igual xeito, mediante a Orde do 26 de novembro de 2020 establecéronse as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19, e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría, e procedeuse á súa convocatoria para 2020.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da tramitación das axudas reguladas na Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da COVID-19 e na Orde do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas e Programa II hostalaría.

A resolución de concesión ou denegación da axuda daqueles expedientes en que se poida comprobar automaticamente o cumprimento ou o incumprimento dos requisitos.

A notificación das resolucións.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

A Consellería de Emprego e Igualdade, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO, TRABALLO AUTÓNOMO E ECONOMÍA SOCIAL ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderalle á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

NIF do organismo subscritor: S1511001H.

Organismo subscritor: Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Nome do selo: DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO, TRABALLO AUTÓNOMO E ECONOMÍA SOCIAL.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para renovar o selo electrónico DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO, TRABALLO AUTÓNOMO E ECONOMÍA SOCIAL sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Covadonga Toca Carús
Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia