Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 5 de xaneiro de 2021 Páx. 136

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020 pola que se convoca o webinario A carreira funcionarial na Administración galega.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, no marco do ciclo de conferencias sobre «Presente e futuro do emprego público na Administración post Covid», o webinario «A carreira funcionarial na Administración galega», de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Este seminario web ten como obxectivo analizar o réxime vixente da carreira administrativa do funcionariado público, nas súas distintas modalidades de carreira horizontal e vertical e promoción interna, prestando especial atención á progresiva introdución da carreira horizontal, establecida polo EBEP e recollida na Lei do emprego público de Galicia.

Tal como explica a exposición de motivos desta Lei do emprego público de Galicia, dada a novidade e a complexidade da configuración dun sistema de promoción profesional deste tipo, que, ademais, non supuxo a supresión do sistema de carreira vertical e promoción interna xa existente, senón que se engade a el, a súa efectividade queda aprazada ao momento en que por vía regulamentaria se proceda ao seu desenvolvemento pormenorizado.

Non obstante, o número 4 engadido á disposición transitoria oitava desta lei pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, introduciu un sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, complementario ao do grao persoal, que anticipa a futura implantación da carreira horizontal, e iso fai precisa a súa análise no contexto e desde a perspectiva referidos.

2. Contidos.

Este seminario web abordará os seguintes contidos:

I. Introdución: antecedentes históricos da carreira administrativa do funcionariado público.

II. Ámbito de aplicación das normas da Lei do emprego público de Galicia sobre a carreira profesional e a promoción interna.

III. A carreira profesional dos funcionarios e as funcionarias de carreira.

III.1. Concepto e modalidades da carreira profesional.

III.2. A carreira horizontal na Lei do emprego publico de Galicia. O sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira.

III.3. A carreira vertical: remisión aos sistemas de provisión de postos de traballo.

III.4. Relacións entre carreira horizontal e vertical.

IV. A promoción interna dos funcionarios e as funcionarias de carreira.

IV.1. A promoción interna vertical.

IV.2. A promoción interna horizontal.

V. Conclusións. Carreira profesional e avaliación do desempeño.

3. Persoas destinatarias.

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e dos seus entes instrumentais e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Data: xoves, 21 de xaneiro de 2021.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 13.30 horas.

Duración: 1,5 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e logo seleccionar o nome do curso: Webinario A carreira funcionarial na Administración galega.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 14 de xaneiro de 2021.

4. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

9. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado.

Na epígrefe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día 18 de xaneiro de 2021, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Asistencia e puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento da sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) Respecto ao non seguimento:

1. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas, sempre que o seu seguimento foise igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública