Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 5 de xaneiro de 2021 Páx. 193

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común do Viso e de Ventosela, no concello de Redondela (Pontevedra), respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 23 de novembro de 2020, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común do Viso e de Ventosela, no concello de Redondela, a respecto da estrema común dos seus montes (exp: PO-DESC-05/2018).

Feitos:

Primeiro. O 27.8.2018 Álvaro Cabaleiro Durán, presidente da comunidade de montes veciñais en man común (en diante CMVMC) do Viso, concello de Redondela, presentou pola sede electrónica da Xunta de Galicia solicitude para que o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común tome en consideración a liña de deslindamento acordada mediante avinza entre as CMVMC do Viso e de Ventosela, ambas as dúas no concello de Redondela.

Coa solicitude achega a seguinte documentación, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:

– Planimetría en GML e DXF da liña.

– Informe de validación gráfica.

– Acta de apeo e memoria descritiva con planos topográficos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Instrución número 1 de Redondela.

– Copia das actas da asemblea das dúas comunidades onde se aproba o deslindamento coa outra comunidade.

Segundo. O 10.3.2020 a sección de Topografía informa do seguinte:

«As dúas comunidades presentan unha acta de conciliación do Xulgado de Primeira Instancia de Redondela (liña vermella da montaxe = acta de conciliación). Tamén presentan un informe de validación gráfica catastral que coincide coa acta de conciliación todo ao longo da liña, salvo nos últimos 61 m, pois entenden que o camiño existente divide ambas as dúas comunidades (liña amarela = informe catastral).

A comunidade de Ventosela ten plan de ordenación aprobado. Esta liña consta nese plan como zona dubidosa co Viso».

Realiza a superposición da liña de deslindamento sobre os esbozos das comunidades e as parcelas catastrais afectadas segundo o informe de validación gráfica presentado.

Terceiro. O 8.6.2020 Álvaro Cabaleiro Durán, en representación da CMVMC do Viso, achega a seguinte documentación, aclarando que a liña de deslindamento correcta é a liña das actas:

– Informe de validación gráfica alternativo corrixido segundo as actas do deslindamento co CSV: PJ8FCH600ZC362ZW.

– Certificados dos acordos ratificados en asembleas xerais de comuneiros.

Cuarto. A descrición da liña vén dada polo informe de validación gráfica corrixido co CSV: PJ8FCH600ZC362ZW e polos puntos recollidos na demanda de conciliación, certificados e planos presentados segundo as seguintes coordenadas UTM en ETRS89:

Coordenadas UTM ETRS89 (fuso 29)

Puntos

Coor. X

Coor. Y

Denominación

1

534974,22

4684592,94

Alto do Laxial

2

534891,45

4684551,63

A Queimada

3

534823,67

4684495,58

A Queimada

4

534685,69

4684372,44

A Queimada

5

534563,23

4684331,16

A Queimada

6

534487,87

4684297,62

A Queimada

7

534349,09

4684198,11

A Queimada

8

534118,5

4684055,42

Eido de Arriba

Quinto. Segundo a resolución de clasificación e esbozo do estudo previo, a comunidade do Viso ten como estremeira polo vento sur a comunidade de Ventosela; e viceversa, a CMVMC de Ventosela ten como estremeira polo vento norte a comunidade do Viso.

Tendo en conta todo o anterior, o Servizo de Montes o 6.11.2020 emite informe favorable a este deslindamento segundo a liña presentada co CSV: PJ8FCH600ZC362ZW e as coordenadas UTM en ETRS89 do punto cuarto deste informe, xunto coa modificación dos respectivos esbozos segundo este deslindamento.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada, os informes técnicos e en atención ao disposto nos artigos 52 a 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CMVMC do Viso e de Ventosela (Redondela), a respecto da súa estrema común, nos termos indicados no feito cuarto e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 15 de decembro de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra