Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2021 Páx. 1273

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 231/2020, do 17 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Reforma da intersección do punto quilométrico 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña).

Antecedentes.

Primeiro. O día 13 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 7) o Anuncio do 3 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Reforma da intersección do punto quilométrico 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 10 de xullo de 2020 apróbase o expediente de información pública e posteriormente con data 23 de novembro de 2020 apróbase definitivamente o proxecto de construción denominado Reforma da intersección do punto quilométrico 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06.

A actuación obxecto deste proxecto consiste na reordenación da intersección existente no punto quilométrico 6+000 da estrada AC-840 (Betanzos-límite de provincia en Agolada) que conecta a estrada AC-840 cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, co fin de mellorar a seguridade viaria neste punto.

A actuación consiste na mellora das incorporacións desde o camiño de Carraceda á AC-840 e desde a AC-840 ao camiño, para o cal se deseñan carrís de aceleración e deceleración de 3,50 m de largo, así como dous carrís centrais de espera de 3 m de largo que permiten os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada existente.

A obra está situada na súa totalidade no concello de Oza-Cesuras, entre o núcleo rural de Porzomillos e o núcleo urbano de Oza dos Ríos.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Reforma da intersección do punto quilométrico 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06.

Santiago de Compostela, dezasete de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade