Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1476

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 234/2020, do 23 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Acondicionamento da AC-423 (1ª fase), puntos quilométricos 0+000-5+350, de clave AC/19/010.10, nos concellos de Coristanco e Cabana de Bergantiños (A Coruña).

Antecedentes.

Primeiro. O día 23 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 243) o Anuncio do 10 de decembro de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Acondicionamento da AC-423 (1ª fase), puntos quilométricos 0+000-5+350, de clave AC/19/010.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 10 de xullo de 2020 apróbase o expediente de información pública do proxecto de construción denominado Acondicionamento da AC-423 (1ª fase), puntos quilométricos 0+000-5+350, de clave AC/19/010.10. Posteriormente, o 23 de novembro de 2020 apróbase definivamente o proxecto de construción denominado Acondicionamento da AC-423 (1ª fase), puntos quilométricos 0+000-5+350, de clave AC/19/010.10.

O presente proxecto ten por obxecto acadar unha mellora substancial da seguridade viaria e consiste no acondicionamento da estrada AC-423, pertencente á Rede secundaria de estradas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos municipais de Coristanco e Cabana de Bergantiños (provincia da Coruña), para o cal se realizarán os seguintes traballos:

• Mellora xeneralizada do firme nos treitos que se presentan deteriorados.

• Rectificación das curvas con raio inferior a 50 metros, no treito comprendido ente os puntos quilométricos 3+750 e 4+300.

• Execución de tres treitos de senda peonil, entre os puntos quilométricos 1+080 e 1+480 (conectando coa existente), 7+464 e 8+212 e entre os puntos quilométricos 9+703 e 9+946 (conectando coa existente).

• Reordenación do tráfico de maneira que sexa compatible coa execución da obra.

• Mellora e reposición da sinalización, balizamento e defensas.

• Reposición dos servizos afectados, como abastecemento, iluminación pública etc.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Acondicionamento da AC-423 (1ª fase), puntos quilométricos 0+000-5+350, de clave AC/19/010.10.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade