Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2003

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2021 (código de procedemento IN421L).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar o coidado do ambiente e o aumento da competitividade da actividade de produción agrícola primaria en Galicia, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario dos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.500.000 euros.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e da eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN421L).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse segundo a orde de prelación dos criterios de valoración establecidos nestas bases reguladoras e ata o esgotamento do crédito.

3. As axudas obxecto de estas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Cando se trate de proxectos de enerxías renovables, a presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento destinadas a promoción da enerxía procedentes de fontes renovables (artigo 41 a) ou b).

Cando se trate de proxectos de aforro e eficiencia, a presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 6 ou 7 e nos anexos I e II destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 28.

Para os efectos destas bases, enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por solicitude (IVE non incluído).

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude conterá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas que se valorarán de xeito conxunto. Considéranse actuacións homoxéneas aquelas que integren varios equipamentos da mesma tecnoloxía renovable/eficiente. As actuacións homoxéneas deberán ser cursadas nunha única solicitude por localización, salvo no caso de instalacións de autoconsumo colectivo conforme ao Real decreto 244/2019 que poderán incluír varias localizacións nunha única solicitude, ou varias solicitudes para as diferentes partidas do mesmo proxecto colectivo.

Considéranse, actuacións non homoxéneas e que, por tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos de distintas tecnoloxías ou as instalacións de xeración eléctrica que vertan a distintos CUPS.

4. As actuacións deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que a actuación o requira.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 06.A3.733A.770.0 e 06.03.733A.770.1, cun importe total asignado a esta convocatoria de 2.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RT-Proxectos de enerxías renovables térmicas

06.A3.733A.770.1

500.000,00

RE-Proxectos de enerxías renovables eléctricas

06.A3.733A.770.1

1.500.000,00

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

06.A3.733A.770.0

500.000,00

Total

2.500.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados nestas bases reguladoras.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións quedará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.

Para efectos desta resolución consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades incluídas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Pola contra, non poden ser centros consumidores de enerxía nin as persoas particulares (comunidades de propietarios) nin as empresas recollidas no artigo 5.

Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulado no capítulo III do citado real decreto.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no número 1 deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. As empresas en crise están excluídas, excepto cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Para os efectos de considerar unha empresa en crise, entenderase por procedementos de insolvencia, de acordo co disposto no Regulamento (UEO) 2015/848 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de maio de 2015, sobre procedementos de insolvencia:

a) O concurso de acredores.

b) O procedemento de homologación de acordos de refinanciamento.

c) O procedemento de acordos extraxudiciais de pagamento.

d) O procedemento de negociación pública para a consecución de acordos de refinanciamento colectivos, acordos de refinanciamento homologados e propostas anticipadas de convenios.

As empresas, ao encheren o formulario de solicitude, declaran que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Artigo 6. Proxectos de enerxías renovables que se subvencionan

1. Con carácter xeral, serán proxectos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para fomentar a produción procedente de fontes renovables. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables poida identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, por exemplo, como compoñente engadido, facilmente identificable, a unha instalación xa existente, estes custos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables identificaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se tería podido realizar de forma crible sen a axuda. A diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa enerxía procedente de fontes renovables e será o custo subvencionable.

Neste sentido, os equipamentos de xeración eléctrica de centros de traballo conectados á rede eléctrica consideraranse na situación a), así como as instalacións de solar térmica ou solar fotovoltaica que dispoñan dun sistema de xeración de apoio para garantir a produción. Considérase na situación b) o resto de instalacións subvencionables; así, para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede e sen sistema de apoio considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW; e no caso de instalacións de xeración térmicas considérase como investimento menos respectuoso a instalación dun equipamento eléctrico, quentador de GLP ou dunha caldeira de gasóleo cuxo custo se estima en 40 €/kW de potencia térmica nominal, salvo para quentadores de aire, que se estima en 20 €/kW.

Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao medio ambiente. As instalacións de xeración eléctrica tamén deberán cumprir estes mesmos requisitos.

2. No anexo I desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos renovables subvencionables. Para efectos destas bases considéranse enerxías renovables térmicas a biomasa, o biogás, a aerotermia, a xeotérmica e a solar térmica, e considéranse enerxías renovables eléctricas a fotovoltaica e a minieólica.

Artigo 7. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se subvencionan

1. Nos proxectos de aforro e eficiencia enerxética considéranse custo elixible os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel mais elevado de eficiencia enerxética. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda; a diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,5 kWh por € de investimento elixible, por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética.

2. No anexo II desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos de aforro enerxético subvencionables.

Artigo 8. Custos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6, 7 e nos anexos I e II non serán subvencionables.

2. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

3. Non se admitirán no orzamento partidas globais; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

4. Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha así como o custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto e da solicitude de axuda.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

e) Os gastos anteriores á presentación da solicitude salvo os traballos preparatorios. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

f) A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

g) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

h) As conducións de distribución eléctrica salvo cando estes sexan parte do circuíto de xeración renovable ou estean asociados directa e exclusivamente á medida de aforro e eficiencia enerxética.

i) A rehabilitación da envolvente dos edificios, salvo que incorpore sistemas dinámicos.

j) As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

k) Operacións de mantemento (simple reposición,...).

l) Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores,…).

m) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

n) A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións ou equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso, só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 9. Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % do custoelixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo, no cal se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación das presentes bases no DOG. Se a finalización do prazo coincidir en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a subsane a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica.

a) Documentación administrativa obrigatoria:

i. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

ii. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

iii. Para acreditar a titularidade admitiranse os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado de declaración responsable (asinada polo representante legal da empresa solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

iv. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe tere solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 € o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e neste suposto o beneficiario debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

v. Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

vi. Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

vii. Documentación adicional obrigatoria. Cando as empresas non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, deberán achegar, ademais:

1ª. Documento constitutivo da sociedade.

2ª. Documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa ou entidade solicitante.

viii. Documentación adicional obrigatoria. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1ª. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

2ª. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

b) Documentación técnica obrigatoria:

i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) para a tecnoloxía para a cal se solicite axuda. As tecnoloxías clasifícanse nas seguintes tipoloxías de proxectos: fotovoltaica-minieólica, biomasa-biogás, xeotermia-aerotermia, solar térmica, iluminación eficiente e resto dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

ii. Documento denominado «Ficha de consumos» segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo,…) do período anual tomado como referencia (2020 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Diferénciase entre «Ficha de consumos de proxectos de enerxías renovables» e «Ficha de consumos de proxectos de aforro e eficiencia». Non será precisa a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación, fotovoltaica ou minieólica.

iii. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético. No caso de módulos fotovoltaicos, deberán informar da eficiencia enerxética do módulo para unha irradiación de 1000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.

iv. Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, achegar tamén fotografías destes.

v. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Esquemas ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

c) Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegar a seguinte documentación técnica:

i. No caso de querer acceder á puntuación por instalación illada da rede eléctrica, declaración responsable do representante legal da empresa indicando se o centro de traballo en que se implementa a actuación (proxectos RT ou PAE) ou a instalación de xeración eléctrica prevista (proxectos RE) está illada da rede eléctrica de distribución. No caso de querer acceder á puntuación por investimentos en infraestrutura de tendido de liña, deberá presentar copia do contrato de cesión da infraestrutura á empresa distribuidora da zona con data posterior ao 1 de xaneiro de 2016.

ii. Para proxectos de instalacións de xeración eléctrica, achegar declaración responsable do representante legal da empresa solicitante informando da existencia ou non de instalacións de autoconsumo eléctricas preexistentes da mesma tecnoloxía e da necesidade ou non de autorización administrativa previa ou de construción para a actuación prevista utilizando o modelo dispoñible na páxina web do Inega.

iii. Para proxectos de instalacións de xeración térmica, achegar declaración responsable do representante legal da empresa solicitante informando da existencia ou non de instalacións preexistentes de xeración térmica de orixe renovable da mesma tecnoloxía.

iv. No caso de proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.

v. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

vi. Para as instalacións de mellora de iluminación, fotovoltaicas e minieólicas copia das facturas de merca de electricidade do último ano do centro de traballo en que está prevista a execución da instalación.

vii. Para a instalación de bombas de calor, certificado do coeficiente de rendemento (COP) emitido segundo a norma que as afecte (UNE- EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.), para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio que realice este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web en que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipamento ou do ensaiado na serie técnica, sempre que se acompañe dunha captura da ligazón no que se pode contrastar a información. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

viii. Para a instalación de bombas de calor, documento acreditativo de SCOPnet segundo norma UNE-EN 14825:2012 ou cálculo do valor do SPF (prestacións medias estacionais) segundo norma UNE-EN 14825:2012, UNE-EN 12309 ou documento «Prestaciones medias estacionales de las bombas de calor» elaborado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e través do IDAE.

ix. Para instalacións solares térmicas, resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e potencia térmica para unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

x. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras os estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo, se é o caso. Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial, deberá achegarse estudo lumínico en que se xustifique que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado a actividade prevista.

xi. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xuntar escrito xustificativo dos motivos.

xii. No caso de instalacións de autoconsumo colectivo, achegar acordo asinado por todos os participantes que recolla os criterios de repartición en virtude do recollido no anexo I do Real decreto 244/2019. Adicionalmente achegarase anexo asinado deste documento en que se estableza a enerxía anual xerada prevista (en kWh/ano) repartida entre os consumidores que participan do autoconsumo colectivo.

d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (5MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado catastral.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda autonómica.

c) Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a persoa solicitante sexa unha empresa ou autónomo.

d) DNI ou NIE do solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1.A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao amparo destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 24 destas bases reguladoras.

Artigo 17. Órganos competentes

A persoa que exerza a xefatura da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven de dito procedemento.

Articulo 18. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O xefe do departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

c) Dous técnicos do Inega (un da Xerencia e outro da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética).

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a listaxe de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a listaxe de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito da súa percepción; neste caso os créditos liberados poderanse asignar por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 19. Criterios de valoración

1. Instalacións enerxéticas preexistentes (ata 30 puntos).

– Para proxectos de enerxías renovables (RT e RE) outorgarase a puntuación máxima de 30 puntos se na actualidade o centro de traballo non se abastece con ningunha fonte de enerxía renovable da mesma tecnoloxía para a cal se solicita axuda, e 0 puntos en caso de que xa teña unha instalación de xeración renovable preexistente da mesma tecnoloxía.

– Para proxectos de aforro enerxético (PAE) valórase a porcentaxe de redución do consumo en relación coa instalación preexistente. O aforro valorarase a partir da porcentaxe de aforro enerxético mínimo exixible para cada actuación. Estímase a porcentaxe de aforro respecto ao consumo enerxético do proceso ou equipamento antes da mellora proposta e valorarase a razón de 1 punto por cada 1 % de aforro que supere o mínimo exixido ata un máximo de 30 puntos.

2. Instalacións illadas da rede eléctrica ou investimentos recentes na rede (ata 20 puntos).

Outorgarase a puntuación de 20 puntos para centros de traballo illados da rede eléctrica e 0 puntos ás conectadas á rede. No caso de instalacións de renovables eléctricas, darase a puntuación máxima ás instalacións que estean illadas da rede, e 0 puntos ás conectadas á rede aínda que estean dotadas de mecanismo antivertedura.

Tamén se outorgará a puntuación máxima de 20 puntos ás explotacións que con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 soportaron investimentos en infraestrutura de tendido de liña e posteriormente a cederon á empresa distribuidora da zona.

3. Explotacións agrarias prioritarias (ata 20 puntos).

Outórgase 20 puntos ás explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para acceder a esta puntuación, deberase indicar o código do Reaga para poder contrastar a información coa Consellería de Medio Rural.

4. Localización xeográfica do proxecto (ata 30 puntos).

Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas utilizando os datos mais recentes dispoñibles polo IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. En concreto, utilizaranse os datos correspondentes ao ano 2017, que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística na dirección www.ige.eu na sección Economía/Sistema Contas/Renda dos fogares municipais en formato excel. Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

Artigo 20. Instrución dos procedementos de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se non o fixer, se terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao comité encargado da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 21. Resolución

1. Elaborada a relación prevista no artigo 18.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de baremación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se for o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin a vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumprindo os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento ou aquelas que de xeito previo non presenten a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre que a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola persoa titular da Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados.

Artigo 25. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 22.2 destas bases reguladoras.

Artigo 26. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos, cando se trate de pemes e por un período mínimo de cinco anos, cando se trate de grandes empresas, contado desde o remate do proxecto.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría».

Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e durante un período de tres anos.

g) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega e da Xunta de Galicia ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia.

Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega e da Xunta de Galicia colocando un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3) no cal se mencionará a axuda financeira do Inega, nun lugar ben visible para o público.

O modelo estará dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título da citada lei.

Artigo 27. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de hasta o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2021.

Artigo 29. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal) .

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 20 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 30. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados. Os gasto aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

1ª. Os provedores non poderán estar vinculados co solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte da Dirección do Inega.

2ª. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, terase en conta a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se terá en conta como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 28.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e que se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

De existiren modificacións no proxecto, deberanse indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

e) Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naqueles proxectos de xeración eléctrica de potencia superior a 10 kW, achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

f) No caso de instalacións de xeración eléctrica, xustificante de solicitude de inscrición no Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario. Para o resto dos proxectos, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

g) Para instalacións de autoconsumo eléctrico, declaración do instalador e do beneficiario de que a instalación de autoconsumo obxecto da subvención se clasifica como subministración de autoconsumo con ou sen excedentes conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). No caso de instalacións sen excedentes, debe xuntarse a esta declaración documentación xustificativa do mecanismo antivertedura.

h) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.

i) Sempre que sexa obrigatorio o beneficiario da axuda deberá acreditar a solicitude á empresa distribuidora do punto de interconexión na rede eléctrica.

j) Para instalacións de xeración eléctrica de máis de 25 kW, certificado de inspección da instalación de baixa tensión favorable emitido por organismo de control.

k) Nos proxectos de enerxía xeotérmica o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, o beneficiario deberá xustificar a obtención desta.

l) Memoria técnica de xustificación da publicidade da axuda segundo o modelo dispoñible na páxina web do inega (www.inega.gal).

m) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAEI_ILU»), o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

Artigo 31. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 32. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e débese resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable e neste caso deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 33. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 35. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 36. Remisión normativa

1. Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular á seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

g) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia.

h) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

i) Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

j) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Tipoloxías de proxectos renovables subvencionables

Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a seguir:

1. Nas seguintes epígrafes desenvólvense os distintos conceptos subvencionables para renovables térmicas.

a) Instalacións que utilicen biomasa como combustible.

As instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible. Serán subvencionables:

i. Custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais do mesmo (bancada, sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

ii. Resto dos accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

iii. Custo do sistema de almacenamento do combustible.

iv. Custo do sistema de alimentación do combustible.

v. Custo de montaxe, conexión e custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

Potencia térmica nominal do equipamento xerador

Custo elixible máximo por potencia sen IVE

Quentadores de aire de calquera potencia

100 €/kW

Resto dos equipamentos con potencia ata 40 kW

325 €/kW cun máximo de 10.000 €

Resto dos equipamentos con potencia igual ou superior a 40 kW

250 €/kW

O custe elixible máximo reducirase en 20 €/kW de potencia nominal para quentadores de aire e en 40 €/kW de potencia nominal no resto de equipamentos para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

b) Instalacións de xeración e consumo de biogás.

As instalacións de equipamentos para a xeración de biogás e os equipamentos térmicos que utilicen o combustible xerado como combustible. Serán subvencionables:

i. O equipamento de pretratamento da materia prima a partir da cal se xerará o biogás.

ii. O dixestor, os sistemas de depuración e o tanque de almacenamento do biogás.

iii. O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes).

iv. Resto dos accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

v. O custo do sistema de alimentación do combustible.

vi. Custo de montaxe, conexión e custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto.

O investimento elixible máximo por potencia térmica unitaria do equipamento de combustión establécese en 400 €/kW (sen IVE). O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

c) Aerotermia e xeotermia.

No caso das bombas de calor, os proxectos limitaranse a instalacións para o quecemento dun fluído, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 4, nas condicións establecidas na norma que os afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, o que se verificará conforme a norma UNE-EN 14825/2012, UNE-EN 12309 ou mediante o cumprimento dos requirimentos mínimos incluídos no documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, en función das características da instalación. Por tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do SCOPnet para clima cálido ou ben o ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP segundo a zona climática e o tipo de instalación.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (bomba de calor).

ii. Custo de montaxe, conexión e custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

iv. No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

O investimento elixible máximo será de 1.500 €/kW para bombas de calor xeotérmicas, 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para as aire/aire, e a potencia será avaliada nas condicións indicadas ao comezo deste punto, IVE non incluído. O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal no caso de bombas de calor aire/auga e 20 €/kW para as aire/aire para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

d) Solar térmica.

Considéranse neste punto as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares).

ii. Custo de montaxe, conexión e custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

O investimento elixible máximo por potencia térmica nominal unitaria do equipamento establécese en 1.500 €/kW para instalación con paneis planos e 1.800 €/kW para instalación de tubos de baleiro, IVE non incluído. No caso de instalacións que non requiran outro sistema de xeración de apoio, o custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

Para efectos destas bases, considerarase como potencia térmica nominal a correspondente a unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC.

2. No seguinte apartados desenvólvense os distintos conceptos subvencionables para renovables eléctricas.

e) Instalacións fotovoltaicas ou minieólicas.

Serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (para os efectos destas bases considéranse minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo.

No caso de instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo con excedentes nas cales a suma da potencia instalada (tendo en conta a instalación prevista e as preexistentes) no centro de traballo sexa superior a 100 kW será condición imprescindible para ser subvencionable a presentación da autorización administrativa previa e de construción na fase de solicitude de axuda ou ben xustificación de non ser de aplicación as citadas autorizacións.

Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 17 % para unha irradiación de 1000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC.

Serán subvencionables o custo do equipamento, a súa montaxe e posta en marcha.

i. Equipamento principal de xeración enerxética.

ii. Custo de montaxe, conexión e custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema tales como inversores, equipamentos de monitorización, baterías de acumulación, estrutura de soporte,…

O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.100 €/kW para instalacións fotovoltaicas illadas de rede, 900 €/kW para o resto das instalacións fotovoltaicas e 2.000 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído. Para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede e que non dispoñan dun sistema de xeración de apoio para garantir a produción considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW.

Para os efectos destas bases, considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados.

ANEXO II

Tipoloxías de proxectos de aforro e eficiencia enerxética subvencionables

1. Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a seguir:

i. Os investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 10 % respecto do consumo inicial.

ii. A renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 10 % respecto do consumo inicial.

iii. A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de ao menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai a realizar.

iv. Calquera outra actuación non incluída nos puntos anteriores que implique un aforro enerxético mínimo dun 10 % respecto do consumo inicial.

v. Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociados ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesamento avanzado de datos aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas.

2. Os proxectos de aforro e eficiencia enerxética deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos:

a) Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado nas epígrafes anteriores deste anexo. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 11. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores ao menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

b) Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipos novos que se instalen deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 4, e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,0, nas condicións establecidas na norma UNE- EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da devandita norma. Excepcionalmente poderán subvencionarse equipos cuns coeficientes de rendemento menores sempre que se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

c) No caso de mellora de instalacións de iluminación, a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial, deberá xustificarse cun estudo lumínico que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file