Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2054

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 37, do 24 de febreiro de 2020, publicouse a Resolución do 4 de febreiro de 2020 polo que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

No punto segundo do resolvo da Resolución do 4 de febreiro de 2020 establecíase que o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezaba o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizaba o 30 de outubro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

A saída de Reino Unido da Unión Europea está resultando un proceso máis longo e complexo do que inicialmente se prevía. A situación de indecisión pola falta dun acordo de saída que aínda non foi posible consensuar entre ambas as partes unido á presión sanitaria provocada polo COVID-19 está facendo que a situación económica internacional presente unhas dificultades adicionais nos mercados internacionais.

Estas circunstancias provocaron que o nivel de solicitudes de axuda nesta liña non tivese demanda ata o momento, porén, considérase que as circunstancias actuais levan a unha situación que parece avanzar cara a unha estabilidade a curto ou medio prazo, tanto na preocupación do futuro económico resultante do Brexit como da situación sanitaria internacional e estando interesado un bo número de empresas no programa á espera que se clarifique o escenario resultante do Brexit para solicitar estas axudas.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo), dá nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os que se atopan as bases do Cheque Brexit, e aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da dita execución.

Mediante a Resolución do 17 de xuño de 2020 publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 125, do 26 de xuño de 2020, ampliouse o prazo de execución para a realización dos servizos de consultoría obxecto de apoio, con inicio na data de presentación da solicitude de axuda e remate na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e do 15 de novembro de 2021 para solicitudes con accións que se realicen ata esa data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se restablece, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que foron suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020; isto comporta que o prazo vixente de presentación de solicitudes finalice o 17 de xaneiro de 2021.

Por todo, é aconsellable unha ampliación do prazo de presentación de solicitudes de axuda da convocatoria destas bases para facilitar a súa planificación e adaptación por parte das empresas.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Ampliar ata o 17 de maio de 2021 o prazo de presentación de solicitudes, establecido no punto segundo do resolvo da a Resolución do 4 de febreiro de 2020 polo que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica