Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2021 Páx. 2425

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que prorrogan todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través de resolucións da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias declarouse a presenza da praga e establecéronse as zonas demarcadas e as medidas urxentes de obrigado cumprimento tanto para produtores profesionais e de autoconsumo deste tubérculo como para os puntos de venda de pataca de semente.

Con data do 4 de marzo de 2017 publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo). Neste real decreto, o seu artigo 6.5 establece que nas comunidades autónomas onde o cultivo da pataca sexa feita de forma maioritaria nun gran número de parcelas pequenas, repartidas irregularmente por todo o territorio e por agricultores non profesionais que dedican toda a súa produción ao autoconsumo ou a venda directa en mercados locais, poderán redefinirse as zonas infestadas para adaptalas ao seu territorio, ampliándoas, se for o caso, a todo o termo municipal.

O artigo 8.1.a) do real decreto indica, ademais, que se prohibirá a plantación de cultivos de pataca durante un período mínimo de dous anos. Transcorrido este prazo, a autoridade competente valorará a situación da praga, en especial se non se conseguiu acadar o obxectivo da erradicación, e poderá prorrogar o período de vixencia desta prohibición.

A Resolución do 13 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 11, do 17 de xaneiro) declarou a zona infestada e zona tampón vixentes neste momento e mantivo todas as medidas fitosanitarias establecidas previamente pola Resolución, desta mesma dirección xeral, do 8 de marzo de 2017 (DOG núm. 49, do 10 de marzo).

A día de hoxe, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación, xa que nos concellos de Cariño, Neda e Ortigueira na provincia da Coruña e Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro na provincia de Lugo, non se ten detectado a presenza deste organismo durante dous anos consecutivos. Por outra parte, da análise recente dunhas mostras obtidas de varias trampas de campo e de explotacións da parroquia de Sorrizo (San Pedro), incluída ata ese momento na zona tampón, e na parroquia de Chamín (Santaia), ambas as dúas parroquias no concello de Arteixo, constátanse novas deteccións deste organismo, polo que estas parroquias deberán declararse como zona infestada e aplicarse nelas as medidas fitosanitarias establecidas na mencionada Resolución do 8 de marzo de 2017.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca) na Comunidade Autónoma de Galicia ás parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, na provincia da Coruña.

2. As persoas das parroquias indicadas no punto 1 deberán presentar unha declaración das existencias de pataca almacenada para os efectos de que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución por considerarse este tubérculo como material contaminado por este organismo nocivo. A declaración de existencias, conforme o modelo do anexo II, poderá presentarse na oficina agraria comarcal máis próxima ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o procedemento PR004A. O prazo será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. Con posterioridade á retirada deste tubérculo deberán desinsectar o chan, as paredes e o teito da zona de almacenamento.

3. Consideraranse zonas tampón, estremeiras con estas novas zonas infestadas, as parroquias de Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo na provincia da Coruña.

4. Os seguintes concellos deixan de ser considerados como zonas infestadas por Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e pasan a ser considerados dentro da zona demarcada como zonas tampón: Cariño, Neda e Ortigueira na provincia da Coruña e Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro na provincia de Lugo.

5. Considerase zona infestada na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e das parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo. Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove. No anexo I móstrase un plano coas zonas demarcadas de Tecia solanivora.

6. Considérase zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas, unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo e, ademais, as parroquias de Monteagudo (San Tomé), Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo, Rebordaos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e a parte norte da parroquia de Noicela (Santa María), segundo figura no anexo, no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha. Na provincia de Lugo a zona tampón supón os concellos de Abadín, Lourenzá, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro e unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas do concello de Muras.

7. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se prohíbe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito. No caso de ser necesario o tránsito con orixe e destino en zonas non infestadas, o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Os vehículos non deberán estacionarse nestas zonas máis do tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonalas o antes posible co fin de evitar o risco de contaminación. Se o motivo da entrada de pataca na zona infestada é subministrar pataca dentro desa zona, en ningún caso a pataca que entrou poderá saír da dita zona.

8. Os agricultores de todas as zonas tampón declaradas en Galicia deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira e, en todo caso, antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo III da presente resolución.

Canto ao destino desta pataca:

• Se é de autoconsumo, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, e o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

• Se é o de comercialización, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, a instalación de almacenamento deberá cumprir co establecido no artigo 8.5 do Real decreto 197/2017, deberá estar inscrita no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (ROPCIV) e o movemento de pataca deberá realizarse en vehículos pechados ou cubertos cunha malla e sempre acompañados do correspondente pasaporte fitosanitario.

9. Os operadores de pataca de semente na Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En zonas infestadas por couza guatemalteca non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca.

b) En zonas tampón e zonas libres de couza guatemalteca deberán:

• Levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente indicado no punto 2 da Resolución do 9 de febreiro de 2017.

• Os operadores situados en zona tampón, ademais, deberán instalar no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file