Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2021 Páx. 3029

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2021 pola que se aproba o Plan de xestión da sardiña coa arte do xeito para o ano 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Feitos:

A actividade profesional pesqueira en Galicia constitúe un sector estratéxico, tanto pola súa dimensión social como polo seu peso económico, debido aos ingresos que lle proporciona ás comunidades costeiras, nas cales estas actividades constitúen o motor principal, e con frecuencia único, da súa economía.

A sardiña (Sardina pilchardus) é unha das especies peláxicas máis importantes (quizais a que máis) das que habitan as capas superficiais das plataformas continentais do Atlántico ibérico. A maior parte das capturas realízanse en Galicia (sobre todo na súa fachada oeste) e no norte de Portugal. A maioría das capturas realízanse coa arte de cerco e unha pequena cantidade coa do xeito. O xeito é unha arte de enmalle moi selectiva, coa que se pesca sardiña e anchoa fundamentalmente; o 85 % das capturas que se realizan coa arte do xeito corresponde á sardiña.

A situación das existencias ibero-atlánticas da sardiña nas zonas CIEM VIIIc e IXa é coñecida. Así, ao longo da historia, as oscilacións da produción desta pesqueira foron continuas e, moitas veces, con dramáticas consecuencias para o sector pesqueiro.

Os numerosos estudos realizados sobre a sardiña permiten descifrar as causas da gran variación interanual da produción desta pesqueira. A flutuación é debida a que os recrutamentos teñen unha elevada dependencia das condicións ambientais e oceanográficas. O comportamento relativamente cíclico do recurso é ben coñecido polo sector e polos científicos que traballan nesta pesqueira.

Con respecto aos datos de capturas desta especie na Comunidade Autónoma de Galicia, cabe salientar o seguinte: o número de buques con despachos ao xeito no ano 2014 foi de 166, dun total de 427 embarcacións que constan con esta arte no seu permiso de explotación, o que supón o 38,40 %. As capturas de sardiña en Galicia de buques despachados ao xeito foi diminuíndo do ano 2011 ao ano 2013, para volver a incrementarse no 2014 arredor das 200 toneladas, volver a descender as capturas no ano 2015 e incrementarse estas unha vez máis no ano 2016. No ano 2017, os buques con despacho desta arte foi de 111 e as capturas foron de 208 toneladas, non superaban o máximo establecido. No ano 2018, as embarcacións que despacharon á arte de xeito foron 134 e capturáronse un total de 121 toneladas. Ao longo do ano 2019, capturáronse un total de 109 toneladas, o número de barcos con algún despacho para esta arte foi de 119. Na última campaña, ano 2020, alcánzanse unhas capturas de 173.837 kg e despachan ao xeito 113 embarcacións (datos do 30 de setembro de 2020).

Un plan de xestión pesqueira que reúna as medidas técnicas necesarias para a conservación dos recursos pesqueiros nunha área determinada e que garanta o desenvolvemento socioeconómico da rexión é unha boa medida técnica de control das existencias. O xeito é unha arte de pesca moi selectiva coa que se captura fundamentalmente sardiña, e o seu plan deberá contar con medidas tales como a limitación de capturas, vedas temporais, límites aos horarios de capturas ou control das tallas mínimas.

Para a elaboración do Plan de xestión da sardiña coa arte do xeito para o ano 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia recibíronse propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e foi consultado o sector.

Foron solicitados os informes técnicos correspondentes.

Fundamentos técnicos e xurídicos:

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...).

A arte do xeito vén regulada no capítulo III, sección segunda, subsección novena, nos artigos 59 a 62 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o Plan de xestión coa arte do xeito para o ano 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo os seguintes termos e condicións:

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este plan ten por obxecto regular as capturas e os desembarques das especies capturadas coa arte do xeito.

O ámbito de aplicación son as augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Participantes.

Todas aquelas embarcacións que teñan arte do xeito no seu permiso de explotación.

3. Arte.

O xeito é unha arte de enmalle de deriva que está constituída por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior, que consta dun sistema de flotación por boias que permite o calamento á profundidade, variable, e a inferior que está lastrada con chumbos. Debe permanecer unido á embarcación mediante un cabo de lonxitude variable e quedar o outro extremo libre.

O xeito deberá ter as seguintes características técnicas:

1º. A dimensión de malla do xeito estará comprendida entre 23 e 40 milímetros.

2º. A altura máxima do xeito, logo de armada, entre trallas ou relingas, será de 16 metros.

3º. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o xeito terá unha lonxitude 70 metros, cunha lonxitude máxima de 100 metros co pano estirado.

4º. A lonxitude máxima total do xeito autorizada por buque e día non poderá exceder, en ningún caso, os 1.000 metros.

4. Vixencia do plan.

A época de vixencia do presente plan abranguerá desde o 4 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021.

5. Especies.

A especie de captura obxecto deste plan será a sardiña (Sardina pilchardus). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lles sexan de aplicación.

6. Tamaño mínimo da captura.

O tamaño mínimo autorizado será de 11 cm.

7. Topes de captura mensuais.

Para o trimestre de xaneiro, febreiro e marzo prevese un tope máximo total (para os tres meses) de 4 toneladas.

Establécese unha cota de 20 kg por tripulante a bordo e día, á cal se lle sumarán 20 kg/barco/día.

8. Horario.

O descanso semanal do uso do xeito estará comprendido entre as 12.00 horas do sábado e as 12.00 horas do luns.

9. Puntos de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

10. Programa de seguimento e control.

Mensualmente as federacións farán un control interno da xestión do plan para o que as confrarías de pescadores deberán remitir os datos mensualmente das vendas realizadas nas súa respectivas lonxas. Para aqueles desembarcos/vendas en lonxas que non son xestionadas polas propias confrarías, esas embarcacións deberán remitir os datos a través da súa confraría.

11. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

12. Comisión de Seguimento.

Créase a Comisión de Seguimento do Plan de xestión do xeito que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composta por representantes da Consellería do Mar e das federacións.

13. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometido ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

14. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar