Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 1 de febreiro de 2021 Páx. 6403

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 obrigou a adaptar as maneiras de relacionarse e á adopción dunha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da epidemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir actividades consideradas esenciais.

Esta situación supón un notable impacto na economía tanto a nivel nacional como internacional e neste contexto, a actividade cultural enfróntase a grandes dificultades económicas pola interrupción da súa actividade, que lle impide ao sector continuar con esta dunha forma segura e estable para recuperar a normalidade en canto sexan eliminadas as circunstancias excepcionais.

O día 30 de abril de 2020, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, co que se adoptou un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, que se fixo público o día 5 de maio de 2020.

Un dos obxectivos do plan é reforzar as estruturas de programación e distribución e potencialas a través do Xacobeo 2021. Un dos eixes de actuación é a activación da industria cultural galega e dentro del recóllense as «Medidas de apoio ao sector da música». Por este motivo, o que repercute na oferta cultural da nosa Comunidade Autónoma, na promoción da lingua e cultura galegas e do evento Xacobeo 2021.

As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover e manter a programación de actividade musical para evitar a súa desaparición e cooperando ao tempo co sector duramente afectado pola crise da COVID-19.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos con rapidez en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continua.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas en virtude do disposto pola Lei 4/2008, do 23 de maio, e o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, apróbase a convocatoria pública de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede a súa convocatoria para o ano 2021, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer as bases de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, coa finalidade de contribuír á promoción da actividade musical, no ano 2021 (código de procedemento CT302D).

2. Os proxectos financiados deberán:

a) Incluír unha programación mínima de 15 concertos, cun 70 % mínimo de grupos galegos, e cun orzamento mínimo do proxecto de 20.000 euros.

b) Desenvolverse integramente en Galicia nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera organismo dependente. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

5. A presentación das solicitudes, así como toda a tramitación do procedemento, efectuarase de forma electrónica, de conformidade co disposto no artigo 10.2.a) da Lei 4/2019, do 4 de xullo, de administración dixital de Galicia, que establece que no ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización da calquera trámite, ademais dos indicados no artigo 14 da Lei 39/2015, entre os que se atopan as persoas xurídicas e os seus representantes, os traballadores autónomos para os trámites que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

6. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CT302C, poderase obter información a través do seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: htpp://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Taboleiro de anuncios da Agadic.

e) Presencialmente.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta Resolución aprobatoria das bases de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público e que se convocan para o ano 2021; no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios de espazos privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para organizar espectáculos musicais con público.

2. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as agrupacións de entidades que cumpran cada una dos requisitos anteriormente sinalados e poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Só se poderá presentar un único proxecto por solicitante. Para os supostos de agrupacións, os membros non poderán presentar proxectos de forma individualizada.

Quinta. Requisitos das persoas solicitantes

1. As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a organización de espectáculos musicais, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dadas de alta no imposto de actividades económicas correspondentes ás ditas actividades, cunha antigüidade mínima e ininterrompida de dous anos.

c) Contar cun establecemento ou ser arrendatario del na Comunidade Autónoma de Galicia habilitado como sala de concerto, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia; así como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco previstos no Decreto 292/2004, do 18 de novembro.

d) Ter realizado un mínimo de 15 concertos no ano 2019 no espazo en que desenvolvan a programación presentada.

e) A programación proposta deberá ser desenvolta na Comunidade Autónoma e realizar un mínimo de 15 concertos, nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.

2. No poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexta. Créditos, contías e límites máximos

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, por esgotamento do crédito, sen necesidade de prelación dos proxectos entre si, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O criterio de repartición farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia sempre que reúnan os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiarios. Aos proxectos subvencionados concederáselle o 80 % do orzamento presentado co límite máximo de 20.000 euros.

2. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 800.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005.

Sétima. Inicio do procedemento e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade a que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic.

4. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá constar expresamente tanto na solicitude como na resolución os compromisos de execución asumidos para cada membro da agrupación e o importe da subvención a aplicar a cada un deles, nomear un representante ou apoderado único, e a agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

– Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se o solicitante é persoa xurídica.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda e as súas modificacións, se o solicitante é persoa xurídica.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

– No suposto de agrupación de entidades, deberán nomear un representante ou apoderado legal único, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á entidade e o compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación específica:

– Ficha resumo do proxecto e da empresa (anexo II).

– Plan económico financeiro (anexo III).

– Licenza de sala de concerto, sala de festas, café-espectáculo, ou ben de café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco.

– Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, Agadic poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Novena. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de non ter pendente de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados mediante un único acto pola dirección da Axencia, que elevará á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada non se admitirán posteriores solicitudes; esta circunstancia publicarase no DOG e na páxina web da Agadic. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas, especificamente, as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na base sexta.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas con indicación do importe económico proposto, e irá elevando á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164), deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen terse ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo cuarta. Notificacións de resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo quinta. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables todos os necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e que se realicen no período subvencionable. En concreto, terán a dita consideración:

– Gastos de persoal artístico contratado asociado ao proxecto: contratos, axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións.

– Gastos de produción do proxecto.

– Gastos de xestión de dereitos de propiedade intelectual.

– Gastos de comercialización, promoción e publicidade do proxecto.

– Gastos relacionados coas novas tecnoloxías en todo o proceso de creación e desenvolvemento do proxecto.

– Gastos de persoal propio e gastos xerais de mantemento e xestión da estrutura de empresa, ata un límite do 40 % do proxecto presentado.

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á realización do proxecto. Só se admitirán aqueles gastos que sexan realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

3. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Décimo sexta. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria terá que presentar nos lugares sinalados na base sétima destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), a documentación que a continuación se indica:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

Debe incluír imaxes ilustrativas da actuación efectuada, da inclusión do logotipo da Xunta de Galicia e da marca Xacobeo 2021.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas (anexo V).

d) Facturas ou documentos xustificantes de gastos, de acordo co establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE núm. 289, do 1 de decembro), de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

e) Documentos xustificativos do seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

f) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado, tampouco xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O prazo para presentar a documentación xustificativa rematará o 10 de novembro de 2021.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Agadic poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumenten o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Agadic ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo sétima. Pagamento e pagamentos anticipados

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego; todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo do 90 % da axuda pública correspondente ao investimento, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia de conformidade co disposto no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, de 6 de outubro polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009 o Consello da Xunta de Galicia poderá eximir da constitución de garantía.

Décimo oitava. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, a xustificación dos gastos conforme o artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o beneficio da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Agadic, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle a Agadic a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que as solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) As persoas beneficiarias deberán comunicar á Agadic a programación coas datas e horas previstas cunha antelación mínima de 15 días do primeiro concerto.

i) Nas accións promocionais e no material de difusión que se realice ao abeiro do proxecto, as persoas beneficiarias deberán incluír os logotipos da Xunta de Galicia e Xacobeo 2021, seguindo as súas respectivas normativas de identidade corporativa. Así mesmo, será obrigatorio que a marca Xacobeo 2021 sexa visible durante a celebración dos concertos.

j) Subministrar á Agadic, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Agadic, das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Agadic, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 13.

5. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar a modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Vixésima. Subcontratación

As entidades beneficiarias das subvencións establecidas nestas bases, como entidades executoras das actuacións subvencionables, co obxecto de garantir a súa adecuada execución, comprométense a asumir a dirección técnica, debendo proceder, en consecuencia, á asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios e, de ser o caso, á subcontratación de servizos necesarios para desenvolver as actuación subvencionables, podendo subcontratar totalmente as actividades previstas, e asumindo expresamente o contido dos límites e obrigas establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teñan que incorrer as entidades beneficiarias para a realización por si mesmas das actividades subvencionadas.

A necesidade da subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria e, en ningún caso, suporá un aumento do custo da actividade subvencionada.

Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as entidades beneficiarias, que asumirán a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración. As entidades beneficiarias serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites establecidos neste convenio en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles ás/aos subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

Os subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa de órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Vixésimo primeira. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño,de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo segunda. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, se prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Vixésimo terceira. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Agadic.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file