Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 9 de febreiro de 2021 Páx. 8118

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2021 pola que se ordena a publicación do Regulamento de xestión orzamentaria.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 29 de decembro de 2020, aprobou o Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, ratificado polo Consello Social na súa sesión do 22 de xaneiro de 2021.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno da USC na súa sesión do 29 de decembro de 2020 e ratificado polo Consello Social na súa sesión do 22 de xaneiro de 2021, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela

(Aprobado polo Consello de Goberno o 29 de decembro de 2020)

(Ratificado polo Consello Social o 22 de xaneiro de 2021)

Exposición de motivos

A garantía institucional da autonomía universitaria prevista no artigo 27.10 da Constitución comezou a configurarse como tal na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, na cal xa se recoñecía como unha manifestación desa autonomía a elaboración, aprobación e xestión dos seus orzamentos xunto coa administración dos seus bens. Con idéntico alcance recóllese no artigo 2.2 h) da vixente Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), posteriormente modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, que expresamente cualifica na súa exposición de motivos a autonomía económica e financeira das universidades como un dos elementos esenciais da citada autonomía universitaria, sen prexuízo da necesidade de render contas sobre o cumprimento das súas funcións.

De acordo co artigo 79 da LOU, que inicia a regulación contida no seu título XI, relativo ao réxime económico e orzamentario, as universidades públicas rexeranse, en canto ao exercicio da súa actividade económico-financeira, polo disposto nese título e, ademais, pola lexislación financeira e orzamentaria aplicable ao sector público. A adaptación a esa normativa reitérase nos artigos 81 e 82 da LOU xunto con outro aspecto que se debe destacar, como é o incremento do control financeiro das universidades levado a cabo por parte das comunidades autónomas. Idéntica previsión sobre a lexislación aplicable ao sector público contense no artigo 114 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, que engade o especial sometemento aos principios de eficiencia e transparencia neste ámbito.

Tales principios de eficiencia e transparencia na asignación e no emprego de recursos públicos, xunto cos de sustentabilidade financeira, estabilidade orzamentaria, plurianualidade e responsabilidade, configuran o elenco de principios xerais derivados do marco orzamentario presente na Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, unha vez adaptada no seu obxecto e ámbito de aplicación ao establecido pola posterior Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, que estableceu os mecanismos necesarios para a aplicación efectiva dos mencionados principios.

Por conseguinte, tanto as universidades públicas como os entes vinculados ou dependentes delas, que forman parte xunto con outros axentes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán adaptar as súas decisións orzamentarias ao previsto nas citadas normas.

A actual regulación do réxime económico-financeiro da USC recóllese no título VII dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, e as previsións propiamente orzamentarias desenvólvense nos capítulos III e IV. Non obstante, tal regulación estatutaria debe adecuarse ao sistema de fontes ou marco normativo que se prevé no presente regulamento, composto en primeira instancia pola lexislación estatal xa mencionada e pola normativa autonómica que resulte aplicable, recollida no vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ou norma que a substitúa. Así se deduce do propio texto estatutario, no seu artigo 174, no contexto das modificacións de crédito, previsión que resulta extensible a outros ámbitos materiais.

Son varias as razóns que xustifican a elaboración deste regulamento. En primeiro lugar, vén dar cumprimento ao mandato contido no artigo 176.2 dos estatutos, en virtude do cal o Consello de Goberno, por proposta da Xerencia e, de ser o caso, a partir do disposto pola Comunidade Autónoma de Galicia, aprobará un regulamento de xestión orzamentaria que deberá ser ratificado polo Consello Social.

Por outra parte, resulta evidente a necesidade de adaptación da normativa orzamentaria da Universidade, cuxo texto de base do ano 1988 foi aprobado nun contexto ben diferente do actual. O citado texto foi obxecto de sucesivas actualizacións nas bases de execución de contido normativo aprobadas anualmente xunto co orzamento, incorporándose algunhas das súas previsións ao presente texto, e dotando a todo o conxunto dunha norma que, sen perder de vista o marco regulador de alcance xeral mencionado anteriormente, permita e garanta na medida do posible aos axentes e unidades implicados unha máis eficiente xestión do orzamento, desbotando burocracias innecesarias.

Dispoñer dunha norma actualizada para a xestión económica e orzamentaria é un paso fundamental na modernización da xestión universitaria, que debe ter continuidade co emprego de medios técnicos seguros e eficientes e coa capacitación e formación continuada do persoal destas áreas.

Preténdese, en último termo, dotar a USC dunha regulamentación interna que actualice e dote dunha maior estabilidade o seu réxime orzamentario, constituíndo o marco normativo común que garanta a sustentabilidade financeira a longo prazo da institución universitaria.

En canto á súa estrutura, o regulamento comprende un total de dez capítulos que abranguen sesenta e dous artigos, tres disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas derradeiras. Dous dos capítulos subdivídense, pola súa vez, nas correspondentes seccións, coa finalidade de acadar unha maior coherencia na regulación de dous aspectos substancias do réxime orzamentario, como son os créditos e as súas modificacións e a xestión do orzamento desde o punto de vista dos ingresos e gastos.

No capítulo I determínanse, sobre a base da autonomía económico-financeira das universidades recollida no artigo primeiro, as disposicións, conceptos e principios xerais máis destacados en materia orzamentaria.

O abano de competencias económico-financeiras recóllese no capítulo II, distribuíndose de xeito sistemático entre os distintos órganos colexiados e unipersoais que integran a estrutura universitaria.

O capítulo III refírese á elaboración e á aprobación do orzamento; nel establécese a obrigación de aprobar para cada exercicio un límite ou teito de gasto non financeiro, de acordo coa regra de gasto introducida no seu momento pola normativa europea e recollida na lexislación orgánica estatal mencionada anteriormente.

Unha vez delimitada a estrutura do orzamento no capítulo IV, regúlanse os créditos orzamentarios e as súas modificacións no seguinte capítulo V, sen prexuízo da regulación complementaria e outras posibles especificacións que sobre a dita materia se poidan prever nas Bases de execución do orzamento.

Os capítulos VI e VII constitúen o núcleo esencial da materia obxecto deste regulamento ao referirse ao que é propiamente a xestión dos ingresos e gastos, por unha parte, e, por outra, ás unidades de gasto que se dotan dunha maior claridade, estabilidade e certeza en aspectos esenciais da súa regulación.

A regulación en canto ao articulado péchase cos capítulos VIII, IX e X, referidos, respectivamente, aos anticipos de caixa, ao importante aspecto do control da xestión orzamentaria tanto na función fiscalizadora como na parte do control financeiro, e, finalmente, ao peche de exercicio e rendición de contas.

Por último, nas disposicións adicionais abórdanse cuestións diversas relacionadas cos medios tecnolóxicos empregados na xestión económica e na contabilización, coas tarifas e coas operacións non orzamentarias.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Autonomía económica e financeira

A Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC) dispón de autonomía económica e financeira nos termos fixados na lexislación orgánica estatal e na normativa autonómica sobre universidades que resulte de aplicación, como unha das manifestacións do dereito fundamental á autonomía universitaria recoñecida no artigo 27.10 da Constitución española.

Artigo 2. Marco normativo

1. A actividade económico-financeira da USC rexerase:

a) Pola regulación contida na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante, LOU) e demais normativa orgánica estatal ou de carácter básico aplicable neste ámbito.

b) Pola normativa que estableza a Comunidade Autónoma de Galicia referida ao desenvolvemento e execución dos orzamentos das universidades, ou daquelas estruturas organizativas vinculadas ou dependentes delas.

c) Polos estatutos da USC, este regulamento, as bases de execución do orzamento que se aproben con carácter anual, así como por outras normas ou instrucións que sobre a materia diten os órganos de goberno competentes da Universidade.

2. Terá carácter supletorio a normativa autonómica de réxime financeiro e orzamentario, xunto coa restante lexislación aplicable ao sector público nese ámbito e, na súa falta, as demais normas do ordenamento xurídico administrativo.

Artigo 3. Definición e contido do orzamento

1. O orzamento da USC defínese como a expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigacións que, como máximo, poderán ser recoñecidas e dos dereitos que se prevexa liquidar durante o exercicio económico.

2. O orzamento da USC será público, único e equilibrado, e comprenderá a totalidade dos seus ingresos e gastos, de acordo co seguinte contido:

a) Os estados de ingresos, comprensivos das estimacións dos dereitos económicos que se recoñecerán e recadarán durante o exercicio orzamentario.

b) Os estados de gastos, coa debida especificación dos créditos para dar cumprimento ás súas obrigacións de carácter económico.

c) Os obxectivos fixados xunto cos recursos orzamentarios que teñan asignados por cada unha das unidades de gasto responsables dos programas, atendendo á realización do servizo público esencial da educación nos seus niveis superiores mediante o estudo, a docencia, a investigación, a transferencia do coñecemento, así como as actividades de extensión universitaria.

3. O orzamento da USC conterá, igualmente, os orzamentos estimativos das entidades de dereito público que teña adscritas, así como un resumo dos estados financeiros, incluídos os orzamentos de explotación e de capital, daquelas entidades vinculadas ou dependentes, á marxe da súa forma xurídica, en que a Universidade posúa o control ou unha participación maioritaria nelas.

Artigo 4. Ámbito temporal

O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle:

a) Os dereitos económicos liquidados durante o exercicio, calquera que sexa o período de que deriven.

b) As obrigacións económicas recoñecidas ata a fin do mes de decembro, sempre que correspondan a adquisicións, obras, servizos, prestacións ou, en xeral, gastos realizados dentro do exercicio e con cargo aos respectivos créditos, sen prexuízo do establecido no artigo 24 desta norma.

Artigo 5. Principios xerais

1. A USC desenvolverá a súa xestión económico-financeira nun réxime desconcentrado de competencias, nos termos establecidos nos estatutos e neste regulamento, con suxeición aos principios de contabilidade e caixa única.

Para os efectos de normalización contable, a estrutura do orzamento e do sistema contable da USC adaptaranse ás normas establecidas na materia para o sector público.

En virtude do principio de unidade de caixa, a totalidade dos ingresos e dos gastos centralizaranse nunha tesouraría única.

2. A xestión económico-financeira desenvolverase de acordo cos principios de legalidade, transparencia, eficacia na consecución dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, no marco das liñas xerais orzamentarias que se aproben e das previsións contidas no propio orzamento.

3. Tanto no orzamento como na súa liquidación farase referencia ao cumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, encadrándose nun límite de gasto non financeiro aprobado para cada exercicio.

4. A USC establecerá os mecanismos necesarios para garantir a información económica e de carácter orzamentario, que se deberá facer pública de acordo coas previsións contidas na lexislación básica estatal e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 6. Principios orzamentarios

1. Os dereitos liquidados e as obrigacións recoñecidas aplicaranse aos orzamentos polo seu importe íntegro e non se poderán atender obrigacións mediante a minoración dos dereitos que se vaian liquidar, ou xa ingresados, salvo que unha lei así o autorice de modo expreso.

2. Os ingresos da USC destinaranse a satisfacer o conxunto das súas obrigacións salvo que, por precepto estatutario ou pola natureza do ingreso, proceda a súa afectación a fins determinados. Para estes efectos, a estrutura contable permitirá a debida diferenciación entre gastos e ingresos de carácter afectado.

3. Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ao servizo ou finalidades específicas para os que foron autorizados polo importe máximo dispoñible que se reflicta no orzamento, sen prexuízo das vinculacións descritas neste regulamento e das modificacións orzamentarias que se poidan acordar consonte a normativa orzamentaria en vigor.

4. A xestión orzamentaria dirixirase ao cumprimento da eficacia na consecución dos obxectivos fixados e da eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

5. O exercicio das competencias en materia de xestión e execución orzamentarias realízase de acordo co principio de responsabilidade, o que comporta a asunción, polos responsables dos actos económicos, das decisións que se adopten cara á consecución dos obxectivos fixados, promovendo un uso eficiente dos recursos públicos e prestando un servizo de calidade ao conxunto da comunidade universitaria.

Todo o persoal ao servizo da USC que por acción ou omisión cause danos e perdas derivados da xestión económico-financeira mediando dolo, culpa ou neglixencia grave incorrerá nas responsabilidades administrativas, disciplinarias, civís ou penais que, en cada caso, proceda exixir.

CAPÍTULO II

Competencias en materia económico-financeira

Artigo 7. Consello Social

Correspóndelle ao Consello Social:

a) Aprobar a programación plurianual da Universidade por proposta do Consello de Goberno, logo da aprobación das liñas xerais da referida programación por parte do Claustro.

b) Aprobar o orzamento anual da USC xunto coas bases de execución, sobre a base do proxecto remitido polo Consello de Goberno e logo da aprobación das súas liñas xerais polo Claustro.

c) Aprobar, con carácter previo á súa rendición perante o órgano de fiscalización correspondente, as contas anuais da USC e coñecer as contas das entidades públicas ou privadas vinculadas ou dependentes dela.

d) Aprobar as modificacións de crédito que lle correspondan nos termos previstos neste regulamento, así como outras posibles operacións sobre o orzamento co alcance e contido que anualmente se determine nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

e) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a liquidación do orzamento, xunto coa memoria económica e o resto de documentación constitutiva da conta xeral da Universidade.

f) Aprobar tanto as operacións de crédito como as de endebedamento concertadas pola USC, logo de autorización da Xunta de Galicia.

g) Calquera outra prevista neste regulamento ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente.

Artigo 8. Consello de Goberno

Correspóndelle ao Consello de Goberno:

a) Aprobar, no marco das liñas xerais acordadas polo Claustro, o proxecto de orzamento anual e as súas bases de execución.

b) Acordar e propoñer as modificacións orzamentarias en que así resulte procedente nos casos previstos neste regulamento.

c) Examinar, por proposta da Xerencia, a liquidación do orzamento, o contido da memoria económica e a restante documentación constitutiva da conta xeral, así como a información contable referida ás entidades vinculadas e dependentes da USC, e dar traslado ao Consello Social para a súa aprobación.

d) Calquera outra prevista neste regulamento ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente.

Artigo 9. Reitor ou reitora

Corresponderalle ao reitor ou reitora:

a) Presentar perante o Claustro as liñas xerais do orzamento da USC para cada exercicio económico.

b) Autorizar as redistribucións e modificacións de créditos que lle correspondan nos termos previstos neste regulamento.

c) Ditar os actos administrativos relativos ás distintas fases do procedemento de execución de gastos e pagamentos, sen prexuízo da posible delegación desta competencia.

d) Ditar as providencias de constrinximento derivadas da recadación en período executivo para o cobramento de débedas pendentes coa USC, sen prexuízo da posible delegación desta competencia.

f) Exercer aqueloutras funcións ou atribucións previstas neste regulamento, así como todas aquelas que non veñan expresamente atribuídas a outros órganos da Universidade en materia económico-financeira.

Artigo 10. Xerente ou xerenta

Correspóndelle ao xerente ou xerenta:

a) A dirección dos servizos económicos. No eido desta competencia entenderase comprendida a coordinación e supervisión dos expedientes de ingresos e gastos e da contabilidade.

b) A elaboración das liñas xerais do orzamento da USC para cada exercicio económico.

c) A elaboración do proxecto de orzamento da Universidade, así como a liquidación deste ao final fin do exercicio e a preparación da memoria relativa ás contas anuais.

d) A xestión do fondo de continxencia e outros imprevistos, xunto coa declaración de non dispoñibilidade de créditos que figuren no orzamento, ou como consecuencia da súa prórroga, dando conta ao Consello Social.

e) Autorizar a adquisición de compromisos de gasto de carácter plurianual e a realización dos pagamentos nos expedientes de contratos menores.

f) A xestión e execución das contas bancarias centralizadas da USC, incluída a dotación de fondos para as contas bancarias relacionadas cos anticipos de caixa.

g) A aprobación das normas de peche para cada exercicio económico.

h) Asumir a xestión económico-financeira, logo de informe do Servizo de Control Interno, no suposto da existencia de irregularidades ou infraccións por parte dos directores e directoras das unidades de gasto.

i) Ditar as resolucións e instrucións que conteñan as directrices de ámbito xeral, en relación coa materia obxecto deste regulamento.

l) Exercer as demais funcións que deriven do seu cargo ou aquelas que lle recoñeza a normativa vixente en materia económico-financeira.

Artigo 11. Decanos ou decanas e directores ou directoras de centro

Correspóndelles aos decanos ou decanas e directores ou directoras das facultades e escolas:

a) Propoñer ás xuntas de centro a distribución dos recursos orzamentarios que teñan asignados, sen prexuízo do control da súa aplicación por parte delas, e presentar perante elas a liquidación correspondente ao remate do exercicio.

b) Asinar os documentos contables e, se é o caso, os medios materiais de pagamento requiridos para a xestión dos recursos orzamentarios e financeiros do centro.

Artigo 12. Directores e directoras de departamento

Correspóndelles aos directores e directoras de departamento propoñer ao Consello de departamento a distribución do orzamento que teñan asignado, así como presentar a liquidación correspondente ao remate do exercicio.

CAPÍTULO III

Elaboración e aprobación do orzamento

Artigo 13. Liñas xerais do orzamento

1. A actividade económico-financeira da USC desenvolverase segundo as liñas xerais do orzamento aprobadas anualmente, de acordo coas previsións contidas na programación plurianual ou coa súa actualización.

2. O contido das liñas xerais do orzamento virá determinado polos obxectivos institucionais da Universidade relacionados coa actividade económico-financeira no seu conxunto e pola situación e análise dos ingresos e gastos derivados dela.

3. As liñas xerais do orzamento serán elaboradas pola Xerencia e presentadas polo reitor ou reitora perante o Claustro universitario para a súa aprobación.

Artigo 14. Límite do gasto non financeiro

Para cada exercicio económico o Claustro aprobará, xunto coas liñas xerais do orzamento, un límite de gasto non financeiro do orzamento que se deberá axustar ao obxectivo de estabilidade orzamentaria fixado para a Comunidade Autónoma de Galicia no período que corresponda, así como á regra de gasto, de acordo co disposto na normativa en vigor sobre disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Artigo 15. Proxecto de orzamento

1. De acordo coas liñas xerais do orzamento, e conforme o contido previsto no artigo 172 dos estatutos, o xerente ou a xerenta conformará o proxecto de orzamento.

2. Mediante unha instrución da Xerencia determinarase o calendario a que se deberán axustar a elaboración e aprobación dos orzamentos.

3. O proxecto de orzamentos recollerá os estados numéricos tanto de ingresos coma de gastos agregados segundo a súa clasificación económica, as previsións normativas incluídas nas bases de execución, así como os anexos referidos ás materias seguintes:

a) Clasificación orgánica por unidades de gasto.

b) Orzamentos, tanto de ingresos como de gastos, desagregados por partidas.

c) Créditos asignados aos centros, departamentos e demais unidades de gasto, para o seu funcionamento ordinario.

d) Porcentaxe de ingresos destinados ao financiamento dos custos indirectos.

f) Cadros de persoal e relacións de postos de traballo para o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal de administración e servizos (PAS).

4. Sempre que as circunstancias o permitan, antes do 30 de novembro de cada ano o proxecto de orzamento deberá ser presentado polo reitor ou reitora, perante o Consello de Goberno, para o seu debate, emenda e posterior aprobación con anterioridade ao inicio do ano.

Artigo 16. Aprobación do orzamento

1. Correspóndelle ao Consello Social, unha vez recibido o proxecto de orzamento xunto coas modificacións que, de ser o caso, poida introducir o Consello de Goberno e por proposta dese mesmo órgano, aprobar o orzamento da USC de acordo co previsto na normativa autonómica de aplicación.

2. O orzamento, unha vez aprobado, publicarase no Portal de transparencia da USC, sen prexuízo da publicación adicional nos diarios oficiais que proceda.

3. O orzamento aprobarase antes do 1 de xaneiro de cada ano e, en caso contrario, considerarase automaticamente prorrogado o inicial do exercicio anterior, nos termos previstos no artigo seguinte, e mentres non se produza a aprobación dun novo orzamento.

Artigo 17. Prórroga do orzamento

1. A prórroga do orzamento adecuarase á resolución do xerente na cal se detallarán os importes dos créditos prorrogados, resultantes de axustar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado aqueles gastos que deban ser excluídos por referirse a actuacións rematadas, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.

Poderanse incluír nos estados de gastos dos créditos prorrogados outras actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado no parágrafo anterior.

Unha vez aprobados os novos orzamentos, imputaránselles a estes as operacións realizadas durante o período de prórroga, de acordo co previsto na resolución de prórroga para aqueles créditos do orzamento aprobado con cargo aos cales se deberá efectuar a imputación.

2. Na resolución da prórroga poderase, igualmente, acordar a declaración de non dispoñibilidade dalgúns dos créditos prorrogados, coa finalidade de non incorrer en obrigacións superiores aos créditos que finalmente se autoricen coa aprobación do orzamento para o exercicio que corresponda. Das mencionadas medidas será informado o Consello Social na primeira reunión posterior que teña lugar.

3. A prórroga dos orzamentos conterá, así mesmo, os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que deriven da liquidación do orzamento de ingresos do exercicio prorrogado ou de calquera outra información válida para sustentar as ditas previsións, sempre que non supoña a introdución de ningún cambio na normativa aplicable.

CAPÍTULO IV

Estrutura orzamentaria

Artigo 18. Criterios xerais clasificatorios

1. Para determinar a estrutura orzamentaria atenderase á organización existente en cada momento na USC, á natureza económica dos respectivos ingresos e gastos, así como aos fins e obxectivos que se pretende acadar no exercicio correspondente.

2. A estrutura da clasificación económica virá referida ás particularidades da Universidade e teranse en conta as normas que con carácter xeral se establezan para o sector público autonómico.

Para estes efectos, a Xerencia manterá actualizadas e publicadas aquelas adaptacións ou axustes que se consideren necesarios.

Artigo 19. Estrutura do estado de ingresos

1. Os estados de ingresos dos orzamentos formúlanse seguindo as clasificacións orgánica e económica.

2. A clasificación orgánica imputará o ingreso en función do órgano que o orixina.

3. A clasificación económica ordenará os diferentes ingresos en función da natureza do recurso, desagregando por capítulos o importe total dos recursos que por todos os conceptos estea previsto recoñecer durante o correspondente exercicio, segundo se trate de:

a) Ingresos correntes: os derivados da recadación por prezos públicos e outros ingresos, as transferencias correntes realizadas polas administracións públicas ou dende o sector privado e os ingresos procedentes da xestión e explotación do patrimonio.

b) Ingresos de capital: os derivados do alleamento de investimentos reais e as transferencias de capital concedidas polas administracións públicas, entidades privadas e outros organismos.

c) Ingresos financeiros: os correspondentes aos activos e pasivos financeiros.

Artigo 20. Estrutura do estado de gastos

1. Os créditos do orzamento de gastos estrutúranse de acordo coa súa clasificación orgánica, funcional ou por programas e económica.

2. A codificación das clasificacións anteriores debe permitir a suficiente definición das partidas, de acordo cos criterios de separación contable que sexan exixibles, así como a asignación das persoas responsables da súa execución.

3. A clasificación orgánica imputará o gasto en función da estrutura organizativa que o xestione, tendo en conta a codificación establecida para as unidades de gasto en que estea organizada a USC en cada momento.

4. A clasificación funcional ou por programas agrupará os créditos para gastos segundo a finalidade e os obxectivos que se pretendan alcanzar para cada un dos programas de gasto. Na súa estrutura atenderase aos fins que ten encomendados a Universidade.

5. A clasificación económica ordenará os créditos en función da natureza do gasto que se realice, segundo se trate de:

a) Gastos correntes: os créditos destinados a gastos de persoal, os gastos en bens correntes e servizos, os financeiros e as transferencias correntes.

b) Gastos relativos ao fondo de continxencia e outros imprevistos, nos termos establecidos no punto primeiro do artigo seguinte.

c) Gastos de capital: os créditos previstos para investimentos reais e as transferencias de capital.

d) Gastos por operacións financeiras: créditos relacionados cos activos e pasivos financeiros.

6. As actividades financiadas con recursos afectados incluiranse no orzamento e deberán ser obxecto dunha adecuada identificación que permita o seu seguimento contable.

Artigo 21. Fondo de continxencia e dispoñibilidade de créditos

1. Dentro do estado de gastos do orzamento da USC poderase dotar un fondo especial de continxencia e outros imprevistos, para atender as necesidades que poidan xurdir no exercicio corrente que non sexan aprazables, de carácter non discrecional e que non teñan, en todo ou en parte, a adecuada dotación orzamentaria.

Correspóndelle á Xerencia a xestión deste fondo, a cal dará conta da aplicación da súa dotación ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

2. Con carácter excepcional, e por circunstancias debidamente acreditadas, coa finalidade de dar cumprimento ao principio de sustentabilidade financeira e garantir igualmente a estabilidade orzamentaria, a Xerencia poderá acordar mediante resolución motivada a declaración de non dispoñibilidade de créditos que figuren no orzamento, do cal se dará conta ao Consello Social.

CAPÍTULO V

Os créditos e as súas modificacións

Sección 1ª. Créditos orzamentarios

Artigo 22. Concepto

Son créditos orzamentarios cada unha das asignacións individualizadas de gastos que figuran no orzamento da USC, postas á disposición dos centros ou unidades xestoras, para a cobertura das necesidades por que foron aprobados.

Artigo 23. Vinculación dos créditos

1. Os créditos que figuran no orzamento asignados a centros ou unidades orgánicas terán carácter limitativo e vinculante no nivel de código orgánico e funcional.

2. En canto á clasificación económica, os créditos autorizados no orzamento terán carácter limitativo e vinculante no nivel de concepto. Non obstante, os créditos destinados a gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos e a investimentos reais vincularán no nivel de capítulo.

3. En todo caso, terán carácter vinculante no nivel de subconcepto os créditos seguintes:

a) Os destinados a atencións protocolarias e representativas.

b) Os destinados á amortización e ao pagamento de xuros de préstamos a longo prazo.

c) Os declarados ampliables.

d) Os referidos a gastos con financiamento afectado.

Artigo 24. Temporalidade dos créditos

1. Con cargo aos créditos do estado de gastos unicamente se poderán contraer, de acordo co artigo 4, letra b, deste regulamento, aquelas obrigacións derivadas de adquisicións, obras, servizos e demais prestacións ou gastos en xeral que se realicen no propio exercicio orzamentario.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, aplicaranse aos créditos do orzamento vixente, no momento da expedición das ordes de pagamento, as obrigacións seguintes:

a) As que resulten da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba a súas retribucións con cargo ao orzamento da Universidade.

b) As que teñan a súa orixe en resolucións xudiciais.

c) As derivadas de compromisos de gasto adquiridos con anterioridade para as cales exista crédito dispoñible no exercicio de procedencia, por proposta do director ou directora da unidade de gasto correspondente e logo de autorización da Xerencia.

3. Imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido na letra c) do punto precedente a facturación interna e os gastos pagados con cargo á conta de anticipos de caixa fixa correspondentes a exercicios anteriores.

Sección 2ª. Modificacións de crédito

Artigo 25. Concepto e réxime xeral

1. Son modificacións de crédito as variacións que se autoricen ou se acorden sobre os créditos aprobados inicialmente, co fin de que se adecúen ás necesidades e continxencias derivadas da xestión e execución do orzamento.

2. Os créditos iniciais só poderán ser modificados de acordo co disposto na lexislación estatal ou autonómica que sexa de aplicación, nos estatutos da USC e neste regulamento, sen prexuízo das especificacións contidas nas bases de execución orzamentaria que non contradigan o previsto na citada normativa.

3. En todo caso as modificacións orzamentarias estarán condicionadas á garantía de estabilidade orzamentaria e á sustentabilidade financeira ao longo do ciclo económico.

4. As modificacións de crédito exixirán unha proposta motivada da variación que se efectúe, onde se valore a posible incidencia que poida ter na consecución dos obxectivos fixados no momento da aprobación do orzamento.

5. As modificacións de crédito serán executivas desde a adopción da resolución ou acordo de aprobación polo órgano competente.

Artigo 26. Redistribución de créditos

Consonte o disposto na normativa orzamentaria aplicable ao sector público autonómico, non terán a condición de modificacións as redistribucións de crédito autorizadas polo reitor ou reitora, entendidas como aquelas transferencias que se realicen desde as partidas que teñan a consideración xenérica de fondos ás partidas específicas afectadas ao cumprimento da actividade que orixina o seu financiamento.

En particular, consideraranse redistribucións de crédito as previstas naquelas actividades que se recollan nas bases de execución anual do orzamento.

Artigo 27. Transferencias de crédito

1. As transferencias de crédito implican unha alteración na distribución dos créditos de gasto sen que iso supoña incrementar ou minorar a contía do orzamento da Universidade. Poderanse realizar entre os diferentes créditos iniciais previstos no orzamento ou mediante a constitución de novos créditos.

2. Correspóndelle ao reitor ou reitora a autorización das transferencias de crédito, salvo as que se produzan de operacións correntes a operacións de capital ou á inversa, que serán competencia do Consello Social por proposta do Consello de Goberno.

De maneira singular, habilítase o reitor ou reitora para autorizar as transferencias de crédito seguintes:

a) Modificacións orzamentarias necesarias para as operacións que se deban producir con motivo do peche do exercicio orzamentario.

b) Transferencias ao capítulo I para cofinanciar custos de Seguridade Social como consecuencia da prestación de servizos, ou para o financiamento de custos de persoal con crédito afectado.

c) As transferencias de crédito entre operacións correntes e de capital por causas derivadas do cumprimento de normas de carácter xeral.

d) As transferencias realizadas dentro do mesmo programa de clasificación funcional, agás as que se refiran a programas de funcionamento xeral e programas de investimentos.

Darase conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social das operacións realizadas en virtude da habilitación anterior.

Artigo 28. Limitacións ás transferencias de crédito

1. As transferencias de crédito estarán suxeitas ás seguintes limitacións de alcance xeral:

a) Non afectarán os créditos ampliables, suplementos de crédito nin os extraordinarios concedidos durante o exercicio.

b) Non minorarán os créditos incorporados como consecuencia de remanentes de exercicios anteriores, nin os que fosen incrementados mediante transferencias.

c) Non incrementarán os créditos que, como consecuencia doutras transferencias, xa foron obxecto de minoración.

2. As limitacións previstas no punto anterior non serán de aplicación cando se refiran a gastos de persoal, cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas ou ben aqueles que amparen gastos financiados totalmente ou en parte con fondos finalistas.

Artigo 29. Xeración de crédito

1. As xeracións de crédito son modificacións que incrementan os créditos no estado de gastos do orzamento, como consecuencia da realización de determinados ingresos non previstos ou superiores aos inicialmente orzados.

2. Correspóndelle ao reitor ou reitora a aprobación das xeracións de crédito.

3. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da Universidade os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzados, derivados das seguintes operacións:

a) Prestación de servizos.

b) Venda de bens.

c) Ingresos afectados á realización de actuacións determinadas.

d) Ingresos por reintegros de pagamentos indebidos.

e) Achegas de persoas físicas ou xurídicas para o financiamento de gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da Universidade.

4. Cando os ingresos proveñan da venda de bens ou prestación de servizos, as xeracións efectuaranse unicamente naqueles créditos destinados a cubrir gastos da mesma natureza que os que se orixinaron pola adquisición ou produción dos bens ou servizos.

Artigo 30. Ampliacións

1. As ampliacións de crédito refírense a aquelas modificacións do orzamento inicial derivadas da necesidade dun maior gasto do previsto, que non se poidan adiar ao exercicio seguinte e que non sexan resultado da realización dunha actividade que conte con financiamento condicionado. A ampliación de crédito abrangue ata o total das obrigacións que se recoñecerán no exercicio.

2. Correspóndelle ao Consello Social autorizar as ampliacións de crédito atendendo á proposta que realice o Consello de Goberno. En todo caso, terán a condición de créditos ampliables:

a) Aqueles créditos que se especifiquen de forma singularizada nos orzamento da USC e coas condicións que se determinen.

b) Os créditos para o pagamento de conceptos retributivos financiados por entidades externas.

c) As cotas sociais e as achegas ao réxime de previsión social dos funcionarios.

d) Os créditos destinados ao pagamento de xuros, amortización de débeda e gastos relacionados.

e) Os créditos destinados á cobertura de necesidades de toda orde motivadas por sinistros, catástrofes ou outras urxencias.

3. O expediente de ampliación de crédito deberá establecer a fonte do financiamento da dita ampliación. Así, poderanse financiar mediante novos ou maiores ingresos dos previstos inicialmente, remanentes de tesouraría non afectados, retencións noutros créditos, alleamento de bens patrimoniais ou con outras formas de financiamento que non supoñan incorrer en déficit orzamentario.

Artigo 31. Suplementos de crédito

1. Sempre que se deba realizar algún gasto específico e determinado con cargo ao orzamento da Universidade que non se poida adiar ao exercicio seguinte, e para o cal resulte insuficiente e non ampliable o crédito consignado no estado de gastos, poderase autorizar a concesión dun suplemento de crédito para o que será necesario contar co correspondente financiamento.

2. Correspóndelle ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, a aprobación dos suplementos de crédito sobre a base dunha exposición motivada que será elaborada pola Xerencia.

Artigo 32. Créditos extraordinarios

1. Naqueles casos en que resulte necesario efectuar un gasto específico e determinado con cargo ao orzamento da Universidade que non se poida atrasar ao exercicio seguinte, e para o que non exista crédito adecuado no orzamento, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria mediante a tramitación dun crédito extraordinario.

2. Correspóndelle ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, a aprobación dos créditos extraordinarios sobre a base dunha exposición motivada que será elaborada pola Xerencia.

Artigo 33. Incorporacións de remanentes

1. Os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean comprometidos para o cumprimento de obrigacións recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito.

2. Non obstante, incorporaranse como remanentes especificamente vinculados a ingresos afectados os créditos seguintes:

a) Os procedentes de partidas de gasto con financiamento condicionado, sempre que a súa vixencia se estenda máis alá da fin do exercicio.

b) Os destinados a programas propios definidos polos órganos de goberno da USC, durante o período de vixencia para o cal fosen aprobados.

3. Igualmente, poderanse incorporar para o seu financiamento mediante o remanente xenérico de tesouraría, de ser o caso, os remanentes relacionados coas seguintes operacións:

a) Créditos extraordinarios e os suplementos de crédito, así como as transferencias de crédito concedidos ou autorizadas, respectivamente, no último trimestre do exercicio orzamentario e que, por causas xustificadas, non puideron ser utilizados durante este.

b) Créditos sen financiamento condicionado que recollan compromisos de gastos, sempre que se contraian antes do último mes do exercicio orzamentario e que non se puidesen executar á súa fin por causas xustificadas.

c) Créditos destinados a actuacións de investimento, cando se iniciase a execución de gastos no exercicio que finaliza e unicamente polo importe reservado e pendente de executar.

d) Créditos derivados de modificacións orzamentarias de xeración de crédito establecidas no artigo 29.

4. Nas bases de execución poderanse determinar outros posibles supostos de incorporación de remanentes.

5. As incorporacións dos remanentes de crédito serán autorizadas polo reitor ou reitora e darase conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social dos expedientes aprobados.

6. Os créditos financiados con remanente xenérico de tesouraría unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio en que se acorde a incorporación.

Artigo 34. Baixas por anulación

1. As baixas por anulación suporán unha modificación do orzamento de gastos consistente na diminución, total ou parcial, do crédito asignado a unha determinada partida de gastos.

2. Corresponderalle ao reitor ou reitora autorizar as baixas por anulación de créditos.

3. Poderán dar lugar a unha baixa por anulación de créditos:

a) O financiamento do déficit na liquidación definitiva do exercicio anterior.

b) A diminución das previsións de ingresos, coa conseguinte baixa de dereitos nos termos indicados no artigo 38.

c) As devolucións de ingresos indebidos.

CAPÍTULO VI

Xestión orzamentaria

Sección 1ª. Aspectos xerais

Artigo 35. Planificación de actividades

1. A xestión do orzamento inicial deberase realizar sobre a base da planificación das actividades necesarias para a consecución dos obxectivos fixados, de tal forma que se garanta a execución do orzamento no exercicio.

2. No suposto de actuacións ou actividades con financiamento afectado, teranse en conta as previsións, finalidades e obxectivos marcados polas entidades ou axentes que as financien. Para tal fin, o responsable da actividade deberá proporcionar unha planificación do gasto que servirá de base para a distribución do crédito no suposto en que a actividade abranga máis dun exercicio.

Artigo 36. Exixibilidade das obrigacións

O pagamento das obrigacións só será exixible cando resulten da execución do orzamento, de sentenza xudicial firme ou de operacións non orzamentarias debidamente autorizadas.

Artigo 37. Prescrición dos dereitos e obrigacións

1. Agás o establecido nas leis especiais, prescribirán con carácter xeral aos cinco anos tanto os dereitos como as obrigacións económicas da USC, de acordo co disposto pola normativa autonómica de réxime financeiro e orzamentario. O dito prazo computarase:

a) En canto ao recoñecemento ou liquidación de créditos a favor ou de obrigacións a cargo da USC, desde o momento en que o dereito se puido exercer ou a obrigación resulte exixible conforme a normativa vixente.

b) No caso dos créditos xa recoñecidos ou liquidados, desde a data da súa notificación ou, se esta non for preceptiva, desde o seu vencemento.

c) O pagamento de obrigacións, desde a data do seu recoñecemento.

2. Correspóndelle ao reitor ou reitora declarar prescritos os dereitos logo da tramitación do expediente oportuno.

3. Tanto os dereitos como as obrigacións que prescribisen daranse de baixa nas contas respectivas.

4. As cantidades debidas á USC devindicarán os xuros de mora nos termos fixados na normativa vixente.

Sección 2ª. Xestión do orzamento de ingresos

Artigo 38. Fases da execución do orzamento de ingresos

1. A xestión do orzamento de ingresos realizarase nas seguintes fases sucesivas ou simultáneas:

a) Recoñecemento do dereito.

b) Extinción do dereito.

2. O recoñecemento do dereito é o acto polo cal se declara un crédito a favor da USC, de acordo coa normativa aplicable para cada recurso específico.

Os dereitos recoñeceranse no momento en que se coñezan de xeito fidedigno, aínda que o seu cobramento resulte simultáneo ou posterior ao dito recoñecemento. Os dereitos pola prestación de calquera servizo universitario recoñeceranse unha vez xerada a correspondente factura ou documento acreditativo da prestación.

3. A extinción de dereitos producirase polo seu cobramento ou pola baixa do dereito correspondente.

Considéranse baixas de dereitos calquera anulación ou cancelación deles, sempre que se produzan por motivos diferentes ao mencionado cobramento e de acordo cos supostos previstos na lexislación correspondente.

Naqueles casos en que a anulación se refira a dereitos xa ingresados, observarase o disposto para a devolución de ingresos indebidos neste regulamento.

Artigo 39. Recadación de ingresos

1. A recadación dos ingresos farase efectiva con carácter xeral a través de contas bancarias centralizadas e corresponderá á Xerencia a súa execución.

2. As contas bancarias abertas para a xestión dos anticipos de caixa só poderán percibir ingresos desde as contas centrais da Universidade, polo que calquera outro ingreso distinto será automaticamente transferido a unha conta centralizada para determinar a súa procedencia e contabilización.

Artigo 40. Devolución de ingresos

1. Na xestión das devolucións de ingresos distinguirase entre o recoñecemento motivado do dereito á devolución e o seu pagamento efectivo. A dita motivación virá determinada pola realización dun ingreso indebido ou por outra causa legalmente xustificada.

Para o suposto de devolución de prezos públicos, deberanse motivar nas causas previstas na normativa que os regule.

2. As devolucións imputaranse ao orzamento de ingresos do exercicio en que se efectúe o pagamento do ingreso indebido.

3. Correspóndelle ao reitor ou reitora o recoñecemento dos dereitos de devolución de ingresos, sen prexuízo da delegación de competencia referida á devolución de prezos públicos pola prestación de servizos académicos.

Sección 3ª. Xestión do orzamento de gastos

Artigo 41. Fases do procedemento de gasto

1. A xestión económico-financeira dos créditos incluídos no orzamento de gastos estrutúrase de acordo coas seguintes fases:

a) Aprobación do gasto.

b) Compromiso ou disposición do gasto.

c) Recoñecemento da obrigación.

d) Ordenación do pagamento.

e) Pagamento material.

2. A aprobación é o acto mediante o cal se autoriza a realización dun gasto por unha contía certa ou aproximada, para o cal se reservará a totalidade ou unha parte do crédito orzamentario legalmente destinado a garantir o cumprimento das obrigacións que poidan ser consecuencia daquel. A aprobación inicia o procedemento de execución do gasto sen que implique relacións con terceiros alleos á USC.

Para a realización desta fase será necesario, previamente, dar comezo ao expediente administrativo mediante a proposta de gasto efectuada polo órgano competente.

3. O compromiso é o acto en virtude do cal se acorda, tras o cumprimento dos trámites legalmente establecidos, a realización de gastos previamente aprobados por un importe determinado ou determinable. O compromiso supón un acto con relevancia xurídica cara a terceiros e vincula a Universidade para a realización do gasto na contía e nas condicións establecidas.

4. O recoñecemento da obrigación é o acto polo cal se declara a existencia dun crédito exixible contra a Universidade, derivado dun gasto aprobado e comprometido e que comporta a proposta de pagamento correspondente. O recoñecemento producirase previa acreditación documental, ante o órgano competente, da realización da prestación ou o dereito do acredor.

5. A ordenación do pagamento é o acto polo cal se dispón a liquidación das obrigacións recoñecidas, logo de comprobación de que o acredor da USC cumpre todas as condicións exixibles para todos os efectos.

6. A execución do pagamento é o acto polo cal se produce a saída material de fondos da tesouraría da Universidade, dando lugar á cancelación da débeda fronte a terceiros. Salvo indicación en contrario, os pagamentos realizaranse mediante transferencia bancaria.

7. Cando a natureza da operación ou gasto así o determinen, poderanse acumular nun só acto distintas fases de execución do gasto.

Artigo 42. Imputación de gastos

En cada operación de gastos imputarase ás partidas que corresponda do orzamento da USC o seu importe, que comprenderá o imposto sobre o valor engadido que non sexa recuperable, de acordo co réxime fiscal aplicable e coas prácticas contables do sector público.

Artigo 43. Límites para a execución dos orzamentos

1. Non se poderán adquirir compromisos de gasto nin contraer obrigacións por contía superior ao importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta limitación, sen prexuízo das responsabilidades que procedan.

2. A vixencia temporal das partidas orzamentarias é o exercicio económico que se corresponde co ano natural, coa excepción das partidas orzamentarias de actividades con financiamento condicionado, que manterán a súa vixencia ata a data do remate da actividade.

3. O crédito consignado para aquelas actividades cuxa duración exceda o exercicio orzamentario deberá ser obxecto de periodización, tendo en conta as previsións da execución do gasto en función dos exercicios en que a actividade estea vixente.

4. Non se poderán adquirir compromisos de gasto que excedan a vixencia da actividade financiada.

Artigo 44. Gastos de persoal

1. As retribucións do persoal en activo ao servizo da USC estarán suxeitas ao disposto na LOU e disposicións que a desenvolvan, na normativa estatal vixente e na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, coas particularidades previstas para cada exercicio económico.

2. De conformidade co artigo 29, poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal motivados na prestación de servizos que se financien con tarifas. Estes gastos de persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos. Así mesmo, poderán xerar crédito no capítulo I os ingresos derivados do financiamento por terceiros de custos da estrutura de persoal.

Artigo 45. Gastos plurianuais

1. Poderanse adquirir compromisos de gasto de carácter plurianual, logo da autorización da Xerencia, aínda que a súa execución se deba iniciar no exercicio seguinte, nos casos previstos neste artigo. A súa autorización ou realización subordinarase aos créditos consignados anualmente no orzamento da USC.

2. Os compromisos de gasto plurianuais quedan limitados a aquelas partidas que dean soporte a actividades con financiamento afectado e con créditos aprobados para exercicios futuros, así como a partidas orzamentarias con crédito inicial no exercicio actual, considerando o nivel de vinculación establecido no artigo 23.

3. O número de exercicios a que se poden aplicar os gastos referidos, así como as porcentaxes aplicadas sobre o crédito inicial dos compromisos de gasto con cargo a exercicios futuros, estableceranse segundo a lexislación vixente e atendendo ás especificacións que se poidan recoller nas bases de execución orzamentaria anuais.

4. Os importes comprometidos con cargo a exercicios futuros mencionados no punto anterior serán obxecto de adecuada e independente contabilización.

Artigo 46. Tramitación anticipada de gastos

1. Os expedientes de gasto poderanse tramitar anticipadamente mediante o seu inicio no exercicio anterior a aquel en cuxo orzamento de gasto vaian ser imputados, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no orzamento da USC.

2. Considérase que existe crédito adecuado e suficiente cando se dan os seguintes supostos:

a) No caso dos créditos afectados, sempre que a natureza e a vixencia da actividade permitan a realización deses gastos e exista crédito aprobado para exercicios futuros nos cales se vaia realizar o gasto, ou ben o crédito que se incorporará como remanente específico permita a realización do gasto.

b) Para as actividades que se financian con recursos propios, cando o crédito inicial da partida, considerado no nivel de vinculación establecido no artigo 23, permita a realización do gasto.

3. Os importes comprometidos con cargo a exercicios futuros indicados na alínea a) do punto anterior serán obxecto de adecuada e independente contabilización.

CAPÍTULO VII

Unidades de gasto

Artigo 47. Concepto e delimitación

1. Configúranse como unidades de gasto as estruturas organizativas da USC que, estando dotadas de autonomía para a xestión dos créditos que lle fosen asignados dentro do orzamento da Universidade, son igualmente responsables desde o punto de vista da execución do gasto.

O crédito total asignado a cada unidade de gasto é a suma dos créditos de todas as partidas orzamentarias que lle correspondan.

2. Tendo en conta os criterios recollidos no punto precedente, configúranse como unidades de gasto os departamentos, centros, institutos universitarios de investigación, centros singulares, os órganos de goberno e as demais estruturas organizativas que procedan.

3. As unidades de gasto terán a consideración de unidades funcionais para os efectos previstos na lexislación de contratos do sector público, de acordo coas particularidades que se establezan para a USC na normativa propia sobre contratación.

Artigo 48. Dirección das unidades de gasto

1. As persoas que ocupen a dirección das unidades de gasto exercerán as competencias de execución dos gastos de acordo coas fases do procedemento previstas no artigo 41, de acordo cos principios de eficiencia, economía, responsabilidade e legalidade do gasto.

2. Os directores e directoras das unidades de gasto teñen encomendadas as seguintes funcións:

a) Asegurar o cumprimento da normativa de execución orzamentaria, respectando os procedementos establecidos pola USC.

b) Aprobar as fases de autorización e disposición no procedemento de gasto.

c) Conformar os documentos de gasto, logo da recepción satisfactoria das subministracións ou servizos prestados.

Artigo 49. Unidades administrativas de xestión orzamentaria

Os créditos do orzamento de gastos de cada unidade orgánica serán xestionados de forma descentralizada polas persoas que asuman as responsabilidades derivadas dos asuntos económicos.

Artigo 50. Atribucións dos responsables de asuntos económicos

Correspóndelle á Xerencia determinar e concretar as atribucións do persoal que xestionará os asuntos económicos, entre as cales figurarán as seguintes:

a) Xestionar as partidas de gasto asignadas á respectiva unidade orgánica.

b) Tramitar os ingresos do centro ou unidade correspondente.

c) Informar e asesorar os directores das unidades de gasto sobre as normas que resulten aplicables e os trámites que cómpre realizar en cada caso, para unha correcta execución do orzamento.

d) Xestionar a conta de anticipos do centro ou unidade, da cal se deberá render, cando menos, conciliación anual.

e) Promover aquelas melloras que redunden nunha mellor coordinación e prestación do servizo.

Artigo 51. Documentos acreditativos do gasto e pagamento

1. O expediente dunha operación de gasto estará formado por toda a documentación necesaria para a súa explicación e xustificación, e deberase asegurar a autenticidade e validez xurídica de todos os documentos que o conforman. Así mesmo, débense adoptar as medidas necesarias para a súa conservación de acordo co que establezan as normas aplicables e para o acceso á dita documentación de forma áxil e segura.

2. A documentación xustificativa do gasto imputado ao orzamento da USC será, como mínimo, a que se indica a continuación en función do tipo de gasto:

a) Con carácter xeral, factura electrónica expedida a nome da USC polo terceiro, quen a deberá presentar a través dos rexistros ou sistemas electrónicos de facturación habilitados para a dita finalidade.

b) Os gastos de persoal documentaranse a través das relacións de nóminas e custos sociais.

c) As retribucións adicionais que deriven dos traballos, ensinanzas de especialización e actividades recollidas no artigo 83 da LOU, ou ben aqueloutras que se regulen, mediante o procedemento establecido pola USC.

d) Informes, formularios e propostas de pagamento, que se poderán referir ás seguintes operacións:

– Subvencións correntes ou de capital.

– Gastos financeiros relacionados cos xuros de préstamos.

– Pasivos financeiros relacionados coa devolución de préstamos.

– Gastos de persoal conferenciante e colaborador en cursos.

– Documentación xustificativa das indemnizacións por razón de servizo.

– Factura simple ou recibo para a xustificación de gastos menores, nos casos en que o terceiro non poida emitir factura dirixida á USC, como poden ser os gastos en establecementos comerciais e outros que polas súas características non emitan facturas; neste suposto, cómpre que se indiquen os artigos adquiridos, o seu importe e a data. Cando o pagamento ao terceiro se faga directamente por parte da persoa que realiza a operación, débese xuntar acreditación dese pagamento.

e) Documentos asimilables á factura, cando se trate de adquisicións realizadas no estranxeiro, conforme a lexislación do país.

f) Para os gastos sometidos a licitación pública, a documentación específica que derive do expediente de contratación.

3. Con carácter xeral os pagamentos realizaranse mediante transferencia bancaria e deberanse arquivar os xustificantes de forma que permitan a inmediata identificación da operación de gasto a que fan referencia.

Non obstante, poderanse realizar pagamentos con cargo a tarxetas de crédito corporativas nos casos autorizados.

4. O arquivamento do soporte documental dos gastos de persoal e outros que se puideren xestionar en unidades da USC diferentes das económicas, debe garantir a integridade e seguridade dos datos, así como a rastrexabilidade e dispoñibilidade das operacións contables en que se rexistren.

CAPÍTULO VIII

Anticipos de caixa fixa

Artigo 52. Concepto

1. Enténdese por anticipos de caixa fixa as provisións de fondos, de carácter extraorzamentario e permanente, con que se poderán dotar as unidades de gasto para a atención inmediata e posterior aplicación no orzamento anual daqueles gastos que non se tramiten polo procedemento ordinario.

2. Os supostos para os cales estea prevista a utilización do procedemento de anticipos de caixa fixa (en diante, anticipos de caixa) virán establecidos nas bases de execución do orzamento ou poderán ser determinados pola Xerencia. En concreto, poderase empregar, sempre que os fondos o permitan, para o pagamento de gastos de terceiros que non pertenzan á Unión Europea.

3. Con carácter xeral, o procedemento de anticipos de caixa non se poderá aplicar naqueles pagamentos que comporten implicacións fiscais.

4. Os documentos de gasto e os demais requisitos exixibles na tramitación das obrigacións relacionadas cos anticipos de caixa son idénticos aos que se utilizan para os pagamentos derivados do procedemento ordinario de gasto.

As persoas responsables de asuntos económicos das unidades de gasto verificarán que o pagamento das obrigacións mediante o procedemento de anticipos de caixa cumpre cos requisitos exixidos.

Artigo 53. Xestión dos anticipos de caixa

1. A dotación dos fondos das contas bancarias que as unidades de gasto utilicen para os anticipos de caixa farase desde as contas operativas centrais e será contabilizada como unha operación non orzamentaria xestionada pola Xerencia.

2. As contas bancarias das unidades de gasto só poderán admitir ingresos procedentes da tesouraría da USC.

3. O pagamento a terceiros destas obrigacións farase mediante transferencia desde a conta bancaria que a unidade de gasto xestiona para este efecto. Os pagamentos que se realicen contra as contas centrais operativas no momento da contabilización destas obrigacións realizaranse como reposicións a aquelas contas.

4. Non se autorizará a apertura de contas bancarias por parte das unidades de gasto agás no suposto recollido neste artigo.

CAPÍTULO IX

Control da xestión orzamentaria

Artigo 54. Aspectos xerais

1. De conformidade co disposto no artigo 177 dos estatutos, a USC asegurará o control interno dos seus ingresos e gastos e organizará as súas contas segundo os principios de contabilidade aplicables ás administracións públicas, no marco da lexislación vixente.

2. O control interno realizarase, conforme o establecido na normativa estatal e autonómica, sobre o conxunto da actividade económico-financeira e sobre os actos con contido económico que a integran.

3. Correspóndelle ao Servizo de Control Interno o exercicio do referido control con plena autonomía respecto dos órganos e unidades responsables da xestión controlada, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e, de ser o caso, do Tribunal de Contas.

Artigo 55. Formas de exercicio do control interno

1. O control interno da xestión económico-financeira, que abrangue a totalidade das unidades, órganos e entidades que compoñan a estrutura organizativa e de funcionamento da USC, efectuarase mediante o exercicio da función fiscalizadora e do control financeiro.

2. A función fiscalizadora ten por finalidade a comprobación e a revisión dos actos que dean lugar ao recoñecemento de dereitos e obrigacións de contido económico, así como dos ingresos e pagamentos que deriven deles e, en xeral, a recadación, o investimento ou a aplicación dos fondos públicos, coa finalidade de asegurar que a xestión realizada se axusta ás disposicións aplicables en cada caso.

3. O control financeiro baséase na consecución dos seguintes obxectivos:

a) Revisar o cumprimento da normativa que resulte de aplicación á xestión orzamentaria obxecto de control.

b) Verificar o adecuado rexistro e contabilización das operacións realizadas para que represente a súa imaxe fiel e regular nas contas e estados correspondentes.

c) Avaliar que a actividade e os procedementos obxecto de control se realizan de acordo cos principios de boa xestión financeira e, dun xeito especial, conforme os principios establecidos na normativa sobre estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Artigo 56. Plan anual de control interno

1. O Servizo de Control Interno elaborará un plan anual no cal se definirá a actividade de control que vai desenvolver durante o exercicio económico.

2. Igualmente, e co mesmo carácter anual, formulará un informe cos resultados máis significativos relacionados co mencionado plan de control.

CAPÍTULO X

Peche do exercicio e rendición de contas

Artigo 57. Imputación de resultados do exercicio

1. A cada exercicio económico imputaranse todos os ingresos que se liquidasen e todas as obrigacións recoñecidas durante este.

2. Para estes efectos, as normas de peche do exercicio aprobadas pola Xerencia establecerán as datas límite de expedición, presentación e tramitación dos documentos contables.

Artigo 58. Liquidación do orzamento

1. O orzamento da USC liquidarase no que se refire aos dereitos e ás obrigacións recoñecidos o 31 de decembro de cada ano, en canto data de peche do exercicio, e quedarán a cargo da tesouraría todos os ingresos e pagamentos pendentes.

2. A USC deberá confeccionar a liquidación do orzamento antes do 1 de marzo do exercicio seguinte, en cumprimento do artigo 81.5 da LOU e de acordo coas previsións establecidas na normativa estatal e autonómica.

Artigo 59. Remanentes de tesouraría

1. O remanente de tesouraría estará constituído pola diferenza, na data de peche do exercicio, entre os dereitos liquidados cobrados ou pendentes de cobramento e as obrigacións recoñecidas pagadas ou pendentes de pagamento, e representa o resultado da liquidación dos ingresos e gastos orzamentarios.

Cando o resultado sexa positivo, o remanente de tesouraría xenérico ou non afectado, considerado como aquela parte do total non comprometida para gastos relacionados con fondos finalistas ou afectados, poderase utilizar para financiar gastos do exercicio seguinte.

2. No suposto de liquidación do exercicio con remanente de tesouraría negativo, procederase de acordo co sinalado no artigo 81.5 da LOU en canto á redución do gasto que acordará o Consello Social.

Artigo 60. Información contable

1. A contabilidade da USC formularase de acordo coa normativa aplicable ás universidades públicas.

2. O Servizo de Contabilidade, Orzamentos e Tesouraría, que depende orgánica e funcionalmente da Xerencia, é o encargado de trasladar as operacións de gastos e ingresos á contabilidade oficial da USC.

Correspóndelle ao mencionado servizo, entre outras, a realización das seguintes funcións:

a) Prestar a información e asistencia necesarias para preparar o proxecto de orzamento.

b) A elaboración dos documentos e informes que se integran na conta anual.

c) A custodia da documentación oficial que dea soporte aos gastos, ingresos, pagamentos e calquera operación que afecte a contabilidade.

Artigo 61. Conta xeral da Universidade

1. A conta xeral da Universidade está conformada polos documentos e estados previstos estatutariamente, que forman unha unidade e deben redactarse con claridade para mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, do resultado económico e patrimonial e da execución do orzamento da USC, de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable e co Plan xeral de contabilidade pública.

2. Forman parte da conta xeral da USC os seguintes documentos e informes:

a) A liquidación definitiva do orzamento, a conta de resultados, o balance de situación, o estado de fluxos de efectivo, os informes sobre a valoración e a evolución do inventario de bens mobles e inmobles, os resultados sobre a xestión da contratación administrativa e a memoria relativa ás contas anuais, todo o anterior de acordo coas previsións estatutarias e respectando o contido e os formatos previstos no Plan xeral de contabilidade pública.

b) O informe sobre a xestión dos recursos económicos, que terá como obxectivo poñer en coñecemento da comunidade universitaria e da sociedade aqueles aspectos e datos máis relevantes da xestión orzamentaria e financeira.

c) O informe de contabilidade analítica relativo ao custo das actividades desenvolvidas e aos indicadores de xestión relacionados coa prestación dos servizos, que se axustará aos criterios establecidos para as universidades públicas nesta materia.

3. Xunto coa conta xeral darase información, igualmente, das contas anuais daquelas entidades vinculadas ou dependentes da USC con orzamento estimativo, como é o caso dos consorcios, sociedades mercantís ou fundacións, segundo o disposto no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.

Artigo 62. Rendición de contas

1. De acordo co previsto na lexislación orgánica estatal e na normativa autonómica en materia de réxime financeiro e orzamentario, a USC ten a obrigación de render contas da súa actividade económica e financeira perante o Consello de Contas de Galicia, sen prexuízo das competencias do Tribunal de Contas.

2. As contas anuais de cada exercicio serán presentadas polo reitor ou reitora, perante o Consello de Goberno, para o seu exame e debate. Unha vez aceptadas polo dito órgano, someteranse á aprobación do Consello Social coa antelación suficiente para dar cumprimento ao disposto no punto seguinte.

3. Para os efectos do previsto no punto primeiro deste artigo, e consonte o establecido no artigo 21 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, a Universidade remitirá á consellería competente en materia de facenda as súas contas consolidadas antes do 30 de xuño do exercicio seguinte.

4. Ás contas rendidas daráselles a oportuna publicidade en cumprimento do principio de transparencia e de acceso á información previsto na normativa estatal e autonómica vixente.

Disposición adicional primeira. Medios tecnolóxicos para a xestión económica

As operacións requiridas na xestión económica e contabilización realizaranse por medios electrónicos, a través das aplicacións informáticas corporativas que a USC teña aprobadas.

Utilizaranse os mesmos mecanismos para a transmisión e o almacenamento dos datos necesarios, así como a elaboración de estados numéricos, informes e demais documentos para informar da xestión e render contas sobre a actividade económica.

O soporte documental das operacións de gastos, ingresos e pagamentos terá en todos os casos formato dixital e para iso empregaranse os criterios arquivísticos das series que se establezan e os métodos que permitan asegurar a súa integridade e veracidade.

Disposición adicional segunda. Tarifas

As tarifas que as distintas unidades da USC apliquen pola prestación de servizos á comunidade universitaria ou ao exterior deben ser aprobadas polo Consello Social, por proposta da Xerencia. Para estes efectos, e coa periodicidade que se estableza, deberase realizar a actualización das tarifas coas unidades implicadas, en función dos custos da prestación dos servizos correspondentes.

As tarifas aprobadas serán publicadas pola Xerencia e diferenciaranse aquelas que teñen vixencia durante o ano natural daqueloutras que se aproban por períodos equivalentes ao curso académico.

Disposición adicional terceira. Operacións non orzamentarias

Son operacións non orzamentarias aquelas que, polas súas características temporais, se contabilizan de forma específica para un mellor control da tesouraría e sen imputación ao orzamento de gastos ou de ingresos. Poden ser de natureza debedora ou acredora e a súa contabilización realizarase cos mesmos criterios de claridade e rigor.

Nas contas anuais informarase exhaustivamente da súa composición e do seu saldo, sen prexuízo dos informes que sexan requiridos polos órganos de goberno.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados o Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, do 17 de maio de 1988, así como todas aquelas normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao disposto neste regulamento.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

As resolucións, instrucións e procedementos necesarios para o desenvolvemento, execución, cumprimento ou interpretación deste regulamento serán ditados pola Xerencia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.