Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2021 Páx. 9742

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 27/2021, do 4 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ribeira de Piquín dun treito da estrada provincial LU-P-5403.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ribeira de Piquín por Decreto da Alcaldía, o día 16.9.2020, solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión de titularidade dun treito da estrada provincial LU-P-5403, que ten o seu comezo na estrada provincial LU-P-5401 e remata no núcleo de Piquín. Conta con 1.021 metros de lonxitude e presenta un estado xeral bo, así como firme asfaltado na súa totalidade, non contando con beirarrúas e si con beiravía.

O Pleno da Corporación Provincial, o día 29.9.2020 en sesión ordinaria, aprobou o cambio de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ribeira de Piquín de:

Clave

Denominación

PQi

PQf

LU-P-5403

Santalla (LU-P-5401)-a Piquín

0+00

1+021

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ribeira de Piquín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponde ao Concello de Ribeira de Piquín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade