Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10207

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 5 de febreiro de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para ingresar no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal, convocado pola Orde do 22 de maio de 2018, polo que se fan públicas as puntuacións da terceira proba.

A terceira proba deste proceso selectivo realizouse o 15 de outubro de 2020. En sucesivas xuntanzas desde esa data, este tribunal corrixiu os exames desta proba consonte os criterios fixados con anterioridade. Na xuntanza do 5 de febreiro de 2021 este tribunal

ACORDOU:

1. Publicar as notas do terceiro exercicio no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e na páxina web da Xunta de Galicia (funcionpublica.xunta.gal). Cómpre lembrar que superaron o terceiro exercicio as persoas que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos, de acordo coa epígrafe II.1.1.3 da orde de convocatoria do proceso selectivo.

2. Informar da necesidade de realizar o cuarto exercicio do proceso selectivo sobre coñecemento da lingua galega, pois hai persoas opositoras que superaron a terceira proba pero non acreditaron posuír o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado consonte a base II.1.1.4 da convocatoria.

De acordo coa base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar alegacións ás puntuacións no prazo máximo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, ao abeiro da base III.13, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

Marcos Barreiro González
Presidente do tribunal