Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10298

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ribeira

ANUNCIO de información pública relativo aos servizos de formación e ensinanza das modalidades deportivas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf nas praias do termo municipal de Ribeira, correspondentes ao ano 2021.

O Concello de Ribeira asumiu para o presente ano 2021 a xestión dos servizos de formación e ensinanza das modalidades deportivas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf nas praias do termo municipal, tal e como se recolle no anuncio publicado pola Demarcación de Costas de Galicia no Boletín Oficial de Estado (BOE) número 327, de data 16 de decembro de 2020.

Así, será o Concello o que tramite o procedemento para a adxudicación a terceiros dos referidos servizos.

As solicitudes de participación deberán presentarse no prazo de dez (10) días hábiles desde a publicación deste anuncio de licitación e do prego de bases no DOG.

As condicións básicas da licitación defínense no seguinte prego de bases:

Bases para solicitar a prestación de servizos de formación e ensinanza de surf, bodyboard, longboard e pádel surf nas praias do Concello de Ribeira,
tempada 2021

1. Antecedentes e obxecto

A Demarcación de Costas de Galicia publicou no BOE número 327, de data 16 de decembro de 2020, o anuncio de información pública relativa aos servizos de tempada nas praias da provincia da Coruña correspondentes ao ano 2021.

O Concello de Ribeira asume para a tempada 2021 a xestión dos servizos de formación e ensinanza das modalidades deportivas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf na zona de dominio público marítimo-terrestre das praias do termo municipal. Con este fin convoca a licitación dos referidos servizos.

2. Período de vixencia das autorizacións.

O período de vixencia das autorizacións outorgadas aos particulares limitarase á tempada 2021 e comprenderá un mínimo de 2 meses (elixibles entre os de xuño e setembro) e un máximo de 11 meses (resto do período, de ata 9 meses, elixible entre febreiro e decembro).

O Concello asumiu a xestión destes servizos e solicitaralle á Demarcación de Costas a autorización cunha duración de 1 ano, tempada 2021.

3. Canon.

O canon dos servizos de escolas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf para a tempada 2021 será o establecido pola Demarcación de Costas para o caso dos concellos que asuman a xestión destes servizos de tempada, no suposto de ordenación e xestión conxunta dos areais do municipio:

– Meses de xuño a setembro (mínimo 2): 200 € mes/municipio.

– Resto de meses do ano: 50 € mes/municipio.

Neste suposto, o título habilitará o autorizado para o exercicio da actividade en todos os areais de Ribeira, e no resto de areais de todos aqueles municipios costeiros da provincia en que os concellos non asumisen a xestión.

Nas autorizacións para o servizo de formación e ensinanza de surf, bodyboard, longboard e paddle surf de carácter non lucrativo convenientemente acreditado, o canon de ocupación poderase reducir un 75 por cento sempre que a federación deportiva correspondente certifique que as respectivas entidades se encontran debidamente inscritas e que exercen exclusivamente a actividade náutico-deportiva.

4. Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

– Datos do solicitante: nome e apelidos, NIF/NIE, teléfono, correo electrónico, enderezo postal e datos do representante legal no caso de persoas xurídicas.

– Acreditación, de ser o caso, de ter satisfeito o canon da tempada anterior.

– Certificado de encontrarse o solicitante ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

– Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións de contratar previstas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Certificado de estar o solicitante inscrito, recoñecido ou homologado pola Federación Española de Surfing (FES), a Federación Galega de Surf (FGS) ou outra de ámbito autonómico.

– Documentación acreditativa da titulación do profesorado, acorde coa Resolución de 7 de febreiro de 2012, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se publica o plan formativo da modalidade deportiva de surf.

– Documentación acreditativa de dispor dun seguro de RC fronte a terceiros e dun seguro de accidentes, de estaren vixentes as pólizas ao tempo de iniciarse o período solicitado para o exercicio da actividade e xustificante do pagamento da prima do período en curso.

– No caso de actividades de carácter non lucrativo:

– Solicitude de aplicación de redución de canon.

– Estatutos da entidade en que quede explícito o dito carácter non lucrativo.

– Certificado emitido pola FES, a FGS ou outra de ámbito autonómico que acredite que a entidade está debidamente inscrita e que exerce exclusivamente a actividade náutico-deportiva.

5. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles desde a publicación do anuncio e do prego de bases no DOG.

O importe da publicación será por conta dos adxudicatarios e cobrado entre estes de forma proporcional.

6. Tramitación da autorización.

Unha vez concluído o procedemento de licitación dos servizos, o Concello comunicaralle á Demarcación, nun prazo de cinco (5) días hábiles, as solicitudes presentadas, a documentación achegada e a relación de persoas adxudicatarias. Unha vez remitida esa documentación, a Demarcación outorgará a autorización ao Concello, ao cal se lle liquidará a suma dos canons aplicables aos interesados que resultasen adxudicatarios.

7. Autorización e pagamento do canon.

Recibida a autorización da Demarcación de Costas, efectuarase unha proposta de aprobación á Xunta de Goberno Local (XGL). Darase traslado do acordo adoptado pola XGL aos solicitantes propostos para autorización. Xuntarase co acordo a liquidación do canon que lles corresponda segundo o período solicitado e outras circunstancias. O pago do canon deberase realizar mediante domiciliación bancaria no prazo de dez (10) días desde a notificación do acordo.

8. Obrigas económicas dos autorizados.

– Pagamento do canon de adxudicación mediante domiciliación bancaria no prazo de dez (10) días desde a notificación do acordo de autorización.

– Facerse cargo da parte proporcional que lles corresponda do importe da publicación do anuncio e das bases no DOG, así como do importe das taxas de estudo de expediente por parte da Demarcación.

9. Outras obrigas dos autorizados.

– Seguridade nas praias. Nas praias en que se impartan clases de surf, bodyboard, longboard ou paddle surf de olas, co fin de garantir a seguridade dos usuarios das praias, cada escola deberá sinalizar na área a localización dos diferentes grupos de alumnos con monitor cun sinal tipo bandeirola formada por cadros negros e brancos (1 unidade/grupo). Cada escola terá un número máximo de 30 alumnos por cada quenda e praia, respectando en calquera caso a relación de 1 alumno por cada 3 metros de tramo de praia destinado á práctica do surf.

A práctica do paddle surf de travesía rexerase pola normativa náutica aplicable en canto á entrada e saída da praia, e ao respecto da zona de baño.

Os servizos de Salvamento e Socorrismo poderán establecer as condicións de seguridade que consideren oportunas no desenvolvemento das actividades deportivas, tratando de buscar un equilibrio entre a práctica destas modalidades deportivas e o uso como zona de baño do areal.

– Outros títulos o licenzas. Observarase o disposto na base común 2ª do documento Bases para os servizos de tempada (instalacións de tempada e servizos de formación e ensinanza de surf, bodyboard, longboard e paddle surf nas praias da provincia da Coruña). Temporada 2021, de data 16 de decembro de 2020, remitidas pola Demarcación de Costas e descargables na páxina web do Concello de Ribeira.

– Outras prescricións. Observarase o disposto na base especial segunda dos servizos de formación e ensinanza de surf, bodyboard, longboard e paddle surf, do documento referido no parágrafo anterior.

Ribeira, 21 de xaneiro de 2021

Manuel Ruiz Rivas
Alcalde