Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2021 Páx. 11069

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN conxunta do 17 de febreiro de 2021, da Axencia Tributaria de Galicia e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

Corresponde á Axencia Tributaria de Galicia, en virtude do artigo 9 do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto, a xestión recadatoria en período executivo dos recursos da Facenda pública de Galicia.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñer de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, se deberá establecer previamente o órgano ou os órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se for o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas se deberán declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se é o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece no seu artigo 96 que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias coas limitacións que a constitución e as leis establezan.

O citado artigo establece ademais que os procedementos e as actuacións en que se utilicen técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos garantirán a identificación da Administración tributaria actuante e o exercicio da súa competencia. Ademais, cando a Administración tributaria actúe de forma automatizada, garantirase a identificación dos órganos competentes para a programación e supervisión do sistema de información e dos órganos competentes para resolver os recursos que poidan interporse. Os programas e as aplicacións electrónicos, informáticos e telemáticos que vaian ser utilizados pola Administración tributaria para o exercicio das súas potestades deberán ser previamente aprobados por esta na forma que se determine regulamentariamente.

Así, o artigo 85.1 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, establece que, nos supostos de actuación automatizada, as aplicacións informáticas que efectúen tratamentos de información cuxo resultado sexa utilizado pola Administración tributaria para o exercicio das súas potestades e polas que se determine directamente o contido das actuacións administrativas deberán ser previamente aprobadas mediante resolución do órgano que debe ser considerado responsable para efectos da impugnación dos correspondentes actos administrativos.

Coa aprobación da presente resolución cómpre derrogar a Resolución do 29 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se aproban os programas e as aplicacións informáticas para a obtención de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Axencia Tributaria de Galicia:

a) Emisión de certificados de presentación do imposto sobre o patrimonio obtidos polos cidadáns telematicamente ou nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.

b) Emisión de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia obtidos polos cidadáns telematicamente ou nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.

c) Emisión de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia obtidos telematicamente polos órganos xestores de axudas, subvencións e contratos.

d) Emisión de certificados de presentación do imposto sobre o patrimonio obtidos telematicamente polos órganos xestores de axudas, subvencións e contratos.

Segundo. Procédese á aprobación dos programas e das aplicacións informáticas para a xeración dos certificados de presentación do imposto sobre o patrimonio e de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a cabo do seguinte xeito:

1. O sistema de información da Axencia Tributaria de Galicia poderá xerar, mediante actuación administrativa automatizada, os certificados sinalados no punto anterior.

2. A aplicación informática levará a cabo un tratamento da información existente no sistema de información da Axencia Tributaria de Galicia co fin de verificar os requisitos establecidos no Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

3. A aplicación informática xerará un documentado electrónico co contido de certificado autenticado mediante código seguro de verificación.

Terceiro. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no ordinal primeiro serán:

a) A Axencia Tributaria de Galicia, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, do mantemento, da supervisión e do control de calidade e, se é o caso, da auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «axencia tributaria de galicia» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Axencia Tributaria de Galicia.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: Q1500393B.

b) Organismo subscritor: Axencia Tributaria de Galicia.

c) Nome do selo: axencia tributaria de galicia.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «axencia tributaria de galicia» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e aos procedementos mencionados.

Sexto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «axencia tributaria de galicia» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sétimo. Queda derrogada a Resolución do 29 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se aproban os programas e as aplicacións informáticas para a obtención de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio.

Octavo. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

Mª Victoria González Vázquez

Directora da Axencia
Tributaria de Galicia

Mar Pereira Álvarez

Directora da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia