Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2021 Páx. 11073

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2021 pola que se convoca o webinario Os fondos para a recuperación, transformación e resiliencia da análise desde o punto de vista da contratación pública e outras fórmulas non contractuais.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2021, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o webinario Os fondos para a recuperación, transformación e resiliencia: análise desde o punto de vista da contratación pública e outras fórmulas non contractuais, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Os novos fondos para a recuperación, transformación e resiliencia supoñen a apertura dunha xanela de oportunidade en moitos ámbitos.

A pandemia da COVID-19 cambiou as perspectivas económicas dos próximos anos na Unión Europea. Para facer fronte á crise económica non só se aprobou un novo marco financeiro plurianual senón tamén un novo paquete de fondos (Next Generation) e, en particular, o instrumento do mecanismo de recuperación e resiliencia que supoñerán para España uns 140.000 millóns de euros.

Así mesmo, xa se incluíron nos orzamentos xerais do Estado partidas para a súa execución e aprobouse unha norma para este efecto, o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro.

A conferencia pretende expoñer de forma práctica os principais elementos deste real decreto e analizar os aspectos máis relevantes: os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Pertes), o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as posibilidades de colaboración público-privada, os cambios na contratación pública e outras fórmulas non contractuais.

2. Contidos.

Este seminario web abordará os seguintes contidos:

• Introdución á nova normativa e directrices básicas.

• Os Pertes. Que son, requisitos de deseño, proceso de aprobación.

• O Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

• Resumo de fitos e datas claves.

• As manifestacións de interese.

• A elección, redacción de proxectos e procedementos.

• Requisitos para a presentación dos proxectos.

• Sociedades de economía mixta.

• Agrupacións.

• A contratación pública no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais do Estado. Impacto e recomendacións prácticas. Fórmulas contractuais e non contractuais.

3. Persoas destinatarias.

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Data: martes 9 de marzo de 2021.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: de 11.30 a 14.00 horas.

Duración: 2,5 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable a internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que está integrada esta actividade (Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios) e despois seleccionar o nome do curso: Webinario Os fondos para a recuperación, transformación e resiliencia: análise desde o punto de vista da contratación pública e outras fórmulas non contractuais.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de marzo de 2021.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración á que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

9. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado.

No punto desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día 7 de marzo de 2021, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento e a puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento da sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) Respecto ao non seguimento:

1. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública