Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2021 Páx. 11088

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2021 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Resolución do 10 de decembro de 2020 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da II edición dos Premios de innovación en saúde 2020 no Sistema público de saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

O día 23 de decembro publicouse no DOG núm. 257 a Resolución do 10 de decembro de 2020 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da II edición dos Premios de innovación en saúde 2020 no Sistema público de saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

O prazo para a presentación de solicitudes era de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, remataba o 23 de febreiro de 2021.

A expansión do SARS-CoV-2 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes que motivou a declaración dun novo estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas por este virus mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, que se prorrogou ata o 9 de maio de 2021 conforme o artigo 2 do Real decreto 925/2020, do 3 de novembro.

No momento actual, a situación epidemiolóxica e sanitaria de Galicia determina a adopción e o mantemento de medidas no territorio da Comunicade Autónoma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. De feito, no Decreto 26/2021, do 15 de febreiro, da Presidencia da Xunta de Galicia, e na Orde do 15 de febreiro de 2020, da Consellería de Sanidade, mantéñense a maioría das medidas de prevención específicas que abranguen, entre outras, o peche perimetral dos concellos ou a limitación de reunións a persoas conviventes.

Debido a esta circunstancia, o Servizo Galego de Saúde viuse obrigado a reorganizar a actividade dos seus servizos co obxectivo principal de reforzar a seguridade dos pacientes e dos propios traballadores destes servizos. Isto xera un aumento da actividade asistencial que na actualidade dista de estar normalizada debido ás estritas medidas que hai que adoptar para a protección da saúde pública e dos riscos laborais, que priorizan o mantemento das modalidades de atención non presencial e a reorganización dos espazos físicos e quendas de atención para minimizar no posible a cohabitación de pacientes nos centros asistenciais.

As candidaturas proveñen, por unha banda, na modalidade de profesionais de persoal ao servizo do Sistema público de saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. Os outros potenciais participantes neste procedemento na modalidade de pacientes, persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro tamén se viron afectados por esta situación e experimentaron unha notable diminución da súa actividade habitual.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o prazo de presentación de solicitudes ata o día 23 de marzo de 2021, polo que resulta ampliado o prazo regulado no artigo 19 da citada resolución.

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

Julio García Comesaña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde