Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2021 Páx. 11218

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 22 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I Hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR500C), e do Programa II Outras actividades pechadas (TR500D), e se procede á súa convocatoria para 2021.

Os contidos desta orde están enmarcados no establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego e de acordo coa Axenda 20+ para o emprego. Ten por obxecto que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, polo que é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega e o sostemento dos negocios, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e os servizos correspondentes a este ámbito.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén de deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental.

Tendo en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar o mantemento do emprego na hostalaría de Galicia e noutras actividades pechadas conforme a normativa ditada por sanidade, como axentes dinamizadores da economía na Comunidade Autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as pemes, microempresas e traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo xa establecidos nestes sectores económicos.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, estas medidas trouxeron consigo a maior crise económica coñecida. Moitas microempresas e persoas traballadoras con persoal contratado ao seu cargo pertencen aos sectores mais afectados pola COVID-19 e mesmo estiveron ou están afectados por un ERTE desde a declaración do estado de alarma.

Esta orde regula dous programas de axudas. Por unha banda, as axudas do Programa I teñen por obxecto apoiar o sector da hostalaría cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias. Por outra banda, as axudas do Programa II teñen por obxecto o apoio a outras actividades distintas da anterior, pechadas pola normativa sanitaria.

– Programa I Hostalaría: axudas ao sector da hostalaría cun orzamento de 12.000.000 de € con cargo a fondos finalistas e fondos propios da Comunidade Autónoma.

– Programa II Outras actividades pechadas: axudas os establecementos pechados pola normativa ditada polas autoridades sanitarias cun orzamento de 3.000.000 de € con cargo aos fondos finalistas e fondos propios da Comunidade Autónoma.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e co obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presente convocatoria, por outra banda, tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a respaldar a economía no contexto do actual do gromo de COVID-19 (Marco nacional temporal), notificado inicialmente o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no devandito marco compatibles co mercado interior. As decisións SA.57019 (2020/N), SA.58778 (2020/N) e SA.59196 (2020/N) aproban as posteriores modificacións do marco.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas para o ano 2021: para o mantemento do emprego e da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, das microempresas ou pemes de Galicia afectadas pola COVID-19 a través de dous programas:

Programa I de apoio ao sector da hostalaría (TR500C).

Programa II de apoio a outras actividades pechadas (TR500D).

2. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ano 2021, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Subvencións concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao amparo do Marco nacional temporal II e, en xeral, ao do resto dos marcos nacionais temporais e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar os 800.000 € no exercicio fiscal en curso.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e da acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 120.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 100.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estean en crise e/ou a empresas e autónomos que non estaban en crise (a teor do disposto no artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) o 31 de decembro de 2019.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión dos programas de subvencións previstos nesta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Definicións

Terán a consideración de pemes ou de microempresas aquelas empresas que cumpren os criterios recollidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (en diante, Regulamento de exención por categorías, publicado no Diario Oficial da Unión Europea L 187/1, do 26 de xuño), sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Teñen a consideración de microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) as empresas que ocupan menos de 250 persoas e cun volume de negocios anual que non excede 50 millóns de euros ou cun balance xeral anual que non excede 43 millóns de euros. As pequenas empresas defínense como empresas que ocupan menos de 50 persoas cun volume de negocios ou balance xeral anual inferior a 10 millóns de euros e, por último, defínese como microempresa a empresa que ocupa menos de 10 persoas cun volume de negocios anual ou balance xeral anual inferior a 2 millóns de euros.

Artigo 6. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e se realizará con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Programa I Hostalaría.

O orzamento para o 2021 é de 12.000.000 de € con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.11 no código de proxecto 2021 00098.

b) Programa II Outras actividades pechadas.

O orzamento para o 2021 é de 3.000.000 de € con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6 no código de proxecto 2021 00098.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

3. Os créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións a consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos entre os programas da orde, nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, o incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa orzamentario, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 30 de xaneiro.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible, como anexo I (Hostalaría) ou anexo II (Outras actividades pechadas), na sede electrónica da Xunta de Galicia para cada un dos procedementos https://sede.xunta.gal. Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, unicamente será válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 10. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión dos dous programas das subvencións contidos nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que tal requirimento estivese correctamente atendido.

3. O órgano instrutor dos expedientes dos dous programas será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada e en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nos dous programas desta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pagamento final da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Notificar as axudas obtidas para a mesma finalidade, deberán especificar cales foron obtidas no presente exercicio económico dentro do marco temporal ao que se refire o artigo 3 desta orde.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 15. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar en todo momento as obrigas das persoas ou entidades beneficiarias e a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para tales efectos poderá subscribir contratos para a realización de programas de auditorías das axudas.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento final da subvención.

Igualmente, procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o reintegro das cantidades percibidas no suposto de que o beneficiario non se poña ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no prazo de 15 días naturais desde que teña percibido o anticipo a que se refire o artigo 18, 25, 29 e 36 da presente orde.

3. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento da totalidade desta e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave segundo o artigo 53.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e poderanse impor as sancións recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre á tripla da cantidade indebidamente obtida.

4. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente con antelación a obtención doutras axudas compatibles.

5. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente con antelación á solicitude doutras axudas compatibles.

6. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Capítulo II

Programa I Hostalaría (código de procedemento TR500C)

Artigo 17. Obxecto

Este programa ten por obxecto apoiar as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo; as microempresas e as pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica e que pertenzan ao sector da hostalaría e que se vexan afectadas polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias nos termos establecidos no artigo 18.

Artigo 18. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo; as microempresas e as pemes do sector de hostalaría que cumpran estes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Estar afectada polos supostos de peche do establecemento, ou no caso de hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, polo peche perimetral do concello en que se sitúen, ditados pola autoridade sanitaria ou a autoridade competente delegada da Xunta de Galicia nas ordes e decretos que se relacionan:

a) Decreto 1/2021, do 4 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

b) Orde do 4 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Decreto 2/2021, do 8 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

d) Orde do 8 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma.

e) Decreto 3/2021, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

f) Orde do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Decreto 5/2021, do 19 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

h) Orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

j) Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ou en calquera outra orde ou disposición, posterior ou simultánea, ditada pola autoridade sanitaria ou a autoridade competente delegada da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia.

2. Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos.

3. Así mesmo, para os efectos destas axudas entenderase que está afectado polo peche, aquel establecemento que non poida ter aberto ao público o interior do mesmo, independentemente do servizo en terrazas e do servizo de envío a domicilio ou recollida no local.

4. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras, como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria da cal derivan e que provocou que a meirande parte de persoas autónomas e empresas solicitaran aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímese ás persoas beneficiarias desta subvención do requisito de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido, sempre que se dean as seguintes circunstancias que deberán acreditarse mediante a declaración responsable que figura como anexo I na presente orde:

1º. Que o conxunto das débedas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa beneficiaria, teñan un importe inferior ao do anticipo que lle corresponda, pola axuda solicitada.

2º. Que a persoa beneficiaria se obrigue a poñerse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social, coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou respecto das débedas pola procedencia de reintegro, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día en que teña recibido o anticipo, perdendo o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e debendo proceder ao reintegro do anticipo no caso contrario.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 19. Importe das axudas

1. O importe da axuda por establecemento determinase en función da data de peche do mesmo, ou no caso de hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos pola data peche perimetral do concello en que se sitúen do seguinte xeito:

– Os establecementos pechados desde o 27 de xaneiro de 2021 percibirán unha axuda única de 1.900 €.

A mesma cantidade percibirán os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento cuxos concellos fosen obxecto de peche perimetral desde o 27 de xaneiro de 2021.

– Os establecementos pechados desde o 21 de xaneiro de 2021, percibirán unha axuda única de 2.200 €.

A mesma cantidade percibirán os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento cuxos concellos fosen obxecto de peche perimetral desde o 21 de xaneiro de 2021.

– Os establecementos pechados, en virtude de dous ou mais ordes das comprendidas nas alíneas b), d), f) e h) do artigo 18.1 percibirán unha axuda única de 2.700 €.

A mesma cantidade percibirán os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento cuxos concellos fosen obxecto de peche perimetral en virtude de dous ou mais decretos dos comprendidos nas alíneas a), c), e) e g) do artigo 18.1.

2. No caso dos establecementos que ocupen 10 persoas traballadoras ou máis de 10 incrementarase en 1.000 € a cantidade sinalada nas alíneas anteriores.

3. As axudas concederanse para cada establecemento paralizado podendo ter a persoa beneficiaria máis dun establecemento con dereito á axuda. Deste xeito deberá presentarse unha única solicitude por titular e, no caso de ser titular de máis dun establecemento afectado polo peche das ordes citadas no artigo 18, nesa mesma solicitude figurarán todos os establecementos afectados polo peche dos cales sexa titular.

Para maior información pódese chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web www.oficinadoautonomo.gal

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009 de Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes ou ben ata o esgotamento do crédito.

Artigo 21. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I (Hostalaría), na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido. Na solicitude vén recollida unha declaración da persoa solicitante que é obrigado cubrir, onde se manifesta:

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que os establecementos están nalgún concello afectado pola normativa indicada no artigo 18.

– Que cumpre todos os requisitos sinalados para ser beneficiaria da axuda establecida nesta orde no artigo 18.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Declaración de calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da Comunicación da Comisión Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, teña recibido durante o exercicio fiscal en curso e que no seu conxunto non superaron os límites establecidos no referido Marco.

– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise a 31 de decembro de 2019, ou que que estaban con posterioridade e foi a consecuencia do brote de COVID-19.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

Artigo 22. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Cando se actúe mediante representación deberá achegarse o modelo de representación segundo o modelo normalizado da sede electrónica asinado dixitalmente, ou calquera outro válido en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitaráselle á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

4. As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta imposto actividades económicas (IAE).

j) Consulta código da conta de cotización da Seguridade Social.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 24. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 25. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, e a aprobación ou denegación do anticipo solicitado.

A aprobación do anticipo solicitado, que en ningún caso será superior os 14.400 €, comporta o inicio inmediato dos trámites para o seu pagamento.

2. No caso de terse concedido o anticipo, o beneficiario disporá do prazo de 15 días naturais desde o seu pagamento para pórse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e deberá presentar os correspondentes xustificantes para a acreditación de tal aspecto no caso de que se opoña á súa consulta.

O feito de non atoparse ao día nas referidas débedas non impedirá que adquira a condición de beneficiario e perciba o pagamento do anticipo concedido, en consonancia coa excepción establecida do artigo 18.4 desta orde.

3. A resolución de concesión emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 21, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. No suposto, de ser o caso, de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 4 deste artigo.

Artigo 26. Forma de pagamento

1. O aboamento das subvencións realizarase do seguinte xeito:

a) Comprobarase o cumprimento de todos os requisitos establecidos na presente orde para o pagamento desta e o importe será do 100 %.

b) No caso de declarar, no anexo I, non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de ter pendente débedas coa Comunidade Autónoma, poderá solicitar:

– O 80 % da contía tras a resolución de concesión, sen que en ningún caso este importe poida ser superior a 14.400 €. Este pagamento terá o carácter de pagamento anticipado.

– O 20 % restante, unha vez comprobados o cumprimento de estar ao día nas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, asi como coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Nos supostos de pagamento anticipado, os beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 27. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras a xudas para a mesma finalidade.

Capítulo III

Programa II Outras actividades pechadas (código de procedemento TR500D)

Artigo 28. Obxecto

Este programa ten por obxecto apoiar os traballadores autónomos, microempresas ou pemes que desenvolvan unha actividade económica que se vexa afectada polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias.

Artigo 29. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes de sectores afectados polo peche da actividade conforme a normativa sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos os establecementos de hostalaría e restauración e os establecementos de lecer e entretemento, como as salas de festas, discotecas, pubs, café-espectáculos e furanchos, por estaren encadrados no Programa I desta orde.

As persoas beneficiarias ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Estar afectado polos supostos de peche do establecemento ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se relacionan:

a) Orde do 4 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Orde do 8 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma.

c) Orde do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ou en calquera outra orde ou disposición, posterior ou simultánea, ditada pola autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia.

3. Para os efectos destas axudas entenderase que está afectado polo peche aquel establecemento que non puidese ter aberto segundo a normativa sanitaria e estea no número 4 das medidas especiais para determinadas actividades do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021. Consideraranse incluídas as atraccións de feira a que se refire o punto segundo.2 da referida orde, así como da Orde do 3 de decembro de 2020, sempre que se trate de actividades nas cales non existe establecemento aberto ao público.

4. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras, como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria da que derivan e que provocou que a meirande parte de persoas autónomas e empresas solicitaran aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímese ás persoas beneficiarias desta subvención do requisito de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido, sempre que se dean as seguintes circunstancias que deberán acreditarse mediante a declaración responsable que figura como anexo II na presente orde:

1º. Que o conxunto das débedas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa beneficiaria, teñan un importe inferior ao do anticipo que lle corresponda pola axuda solicitada.

2º. Que a persoa beneficiaria se obrigue a pórse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social, coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou respecto das débedas pola procedencia de reintegro, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día en que teña recibido o anticipo; no caso contrario, perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e deberá proceder ao reintegro do anticipo.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 30. Importe das axudas

O importe da axuda por establecemento determínase en función da data do seu peche, do seguinte xeito:

– Os establecementos pechados desde o 27 de xaneiro de 2021 percibirán unha axuda única de 1.900 €.

– Os establecementos pechados desde o 21 de xaneiro de 2021 percibirán unha axuda única de 2.200 €.

– Os establecementos pechados, en virtude de dúas ou máis ordes das comprendidas nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 29 percibirán unha axuda única de 2.700 €. Igualmente percibirán unha axuda única de 2.700 € as actividades de atraccións de feira a que se refire o punto 3 do artigo 29.

No caso dos establecementos que ocupen 10 persoas traballadoras ou máis de 10, incrementarase en 1.000 € nas alíneas anteriores.

As axudas concederanse para cada establecemento paralizado e, xa que logo, a persoa ou entidade beneficiaria poderá ter máis dun establecemento con dereito á axuda. Deste xeito, deberán presentar unha única solicitude por titular e, no caso de ser titular de máis dun establecemento afectado polo peche das ordes citadas no artigo 30, nesa mesma solicitude figurarán todos os establecementos afectados polo peche dos cales sexa titular.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou ver a web www.oficinadoautonomo.gal

Artigo 31. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, de Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes ou ben ata o esgotamento do crédito.

Artigo 32. Solicitudes de subvención do Programa II

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo II (Outras actividades pechadas), na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberán cubrirse, necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, unicamente serán válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

Na solicitude vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante que é obrigado cubrir, onde se manifeste:

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que os establecementos están nalgún concello afectado pola normativa de peche indicados no artigo 29.

– Que cumpre todos os requisitos sinalados para ser beneficiaria da axuda establecida nesta orde no artigo 29.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Declaración de calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da Comunicación da Comisión do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, teña recibido durante o exercicio fiscal en curso e que no seu conxunto non superaron os límites establecidos no referido marco.

– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise o 31 de decembro de 2019, ou que estaban con posterioridade e foi a consecuencia do brote de COVID-19.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https.//sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para seren beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

Artigo 33. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Cando se actúe mediante representación, deberá achegarse o modelo de representación segundo o modelo normalizado da sede electrónica asinado dixitalmente, ou calquera outro válido en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitaráselle á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 35. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta do imposto de actividades económicas (IAE).

j) Consulta do código de conta de cotización da Seguridade Social.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 36. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, e a aprobación ou denegación do anticipo solicitado.

A aprobación do anticipo solicitado, que en ningún caso será superior os 14.400 €, comporta o inicio inmediato dos trámites para o seu pagamento.

2. No caso de terse concedido o anticipo, o beneficiario disporá do prazo de 15 días naturais desde o seu pagamento para pórse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e deberá presentar os correspondentes xustificantes para a acreditación de tal aspecto no caso de que se opoña á súa consulta.

O feito de non estar ao día nas referidas débedas non impedirá que adquira a condición de beneficiario e perciba o pagamento do anticipo concedido, en consonancia coa excepción establecida do artigo 29.4 desta orde.

3. A resolución de concesión indicará o importe concedido e emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa ou entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen no presente programa desta orde no artigo 29, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto integro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 3 deste artigo.

Artigo 37. Forma de pagamento

1. O aboamento das subvencións realizarase do seguinte xeito:

a) Compróbase o cumprimento de todos os requisitos establecidos na presente orde para o pagamento dela e o importe será do 100 %.

b) No caso de declarar, no anexo II, non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de ter pendente débedas coa Comunidade Autónoma poderá solicitar:

– O 80 % da contía tras a resolución de concesión, sen que en ningún caso este importe poida ser superior a 14.400 €. Este pagamento terá o carácter de pagamento anticipado.

– O 20 % restante, unha vez comprobados o cumprimento de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No suposto de pagamento anticipado, os beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O cumprimento dos requisitos acreditaranse na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

Artigo 38. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras axudas para a mesma finalidade.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file