Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 3 de marzo de 2021 Páx. 12789

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2020/001-4).

Feitos:

Primeiro. O 2 de xaneiro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Reforzo LMTA GON805 de derivación aos CC.TT. A Lama e Camos 2.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste en liñas eléctricas aéreas a 20 kV, no cal se proxecta substitución por LA-56 (800 m, 7 vans) do cable LA-30 existente entre poste D36-45-A4 e poste D-39-45-A11-CTA; substitución de 6 postes existentes por outros de maior esforzo e altura; instalación dun interruptor telecontrolado sobre poste proxectado en substitución do poste D-39-45-A6 existente, e substitución por LA-56 (34 m, 1 van destensado) do cable LA-56 existente do primeiro van (destensado) de derivación ao CT A Lama-Camos entre os postes D39-45-A8 e D39-45-A8-1. As obras sitúanse na parroquia de Camos, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. O 23 de xaneiro de 2020, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. O 19 de febreiro de 2020, UFD Distribución Electricidad solicitou a declaración de utilidade pública do expediente IN407A 2020/001-4 por problemas de permisos.

Cuarto. Mediante escrito do 3 de xuño de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora. Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 16 de xuño de 2020 e o 19 de xuño de 2020 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Quinto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 3 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 26 de xuño de 2020.

BOPPO: 23 de xuño de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 26 de xuño de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán, desde o 10 de xuño de 2020 ao 2 de setembro de 2020, conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Gaspar Alborés Sanromán, Manuel Nandín Pérez e José Abril Fernández. A seguir resúmese o seu contido:

Gaspar Alborés Sanromán propón que se desprace o apoio A10 cinco metros ao longo da liña proxectada, co fin de que coincida a carón da beira da parcela e a afecte o menos posible.

José Abril Fernández alega que a servidume do apoio podería estar na confluencia co límite do lindeiro sur da súa parcela.

Manuel Nandín Pérez alega que se vai instalar outro apoio na súa parcela e solicita cambio de trazado.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

En relación coa proposta de Gaspar Alborés Sanromán, a empresa promotora comprobou que a modificación suxerida é viable e comenta a súa disposición para poñerse en contacto co afectado coa finalidade de chegar a un mutuo acordo. O 9 de setembro de 2020, UFD achega copia do acordo acadado entre ambas as partes.

No que respecta ás alegacións de José Abril Fernández, informa de que o cableado que se instalará seguirá o mesmo trazado do existente e, de igual maneira, os apoios se instalarán nos mesmos lugares que os existentes, coa diferenza de que será un apoio máis resistente e de maior altura.

Con respecto ás alegacións de Manuel Nandin Pérez, a empresa aclara que a substitución do apoio existente se vai realizar coa colocación dun apoio C 16/200-H35-CA na mesma localización e vai supor unha afección de 1,69 m2 por ocupación da cimentación e 9 m2 de servidume de paso para a seguridade coa instalación das terras de apoio, manténdose a mesma servidume de voo sobre a parcela, polo que a afección é mínima.

Sétimo. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do proxecto Reforzo LMTA GON805 de derivación aos CC.TT. A Lama e Camos 2, para a cal UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública son:

LMT aérea (actuación 1) a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 800 metros de lonxitude con orixe no poste D39-45-A4 existente e final no poste D-39-45-A11-CTA existente. LMT aérea (actuación 2) a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 34 metros de lonxitude con orixe no poste D39-45-A8 proxectado en substitución do existente e final no poste D-39-45-A8-1 existente.

As instalacións están situadas na parroquia de Camos, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

No caso concreto das alegacións presentadas por Gaspar Alborés Sanromán, cabe mencionar que ambas as partes xa acadaron un acordo.

Por outra parte, no que atinxe ás demais alegacións, cómpre indicar que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforzo LMTA GON805 de derivación aos CC.TT. A Lama e Camos 2, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento, deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 8 de febreiro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra